Volve o humor amarelo con sangue

¡BUONE VISIONI!

Publicado: 18 jul 2025 - 01:55
EL JUEGO DEL CALAMAR
EL JUEGO DEL CALAMAR

Takeshi’s Castle foi un programa xaponés conducido polo cineasta Takeshi Kitano na segunda metade dos oitenta. Os participantes tiñan que enfrontarse a demenciais probas de resistencia física. O obxectivo era sobrevivir para gañar un millón de yenes. Aos espectadores europeos e ao resto do mundo, o castelo de Takeshi chegou remontado segundo os gustos e o humor de cada país. En Italia, o programa chamábase Mai dire banzai (“nunca digas banzai”) mentres en España moitos lembrarán o Humor amarillo, emitido na primeira metade dos anos noventa. Máis alá da brillante ironía dos seus comentaristas o que capturaba a atención eran as caídas, os golpes. Entre o desconcerto e as risas, viamos aos concursantes precipitar desde unha altura indefinida nun charco de barro e auga fría, ou estrelarse contra paredes de xeso e cartón. Dábase por descontado que non habería consecuencias graves: sabíamos que no seguinte programa, o Chino Cudeiro estaba listo para recibir novos “golpes mortais”.

El juego del calamar, pola súa mestura de universo infantil coa tortura, pode colocarse entre as obras de entretemento máis polémicas e perturbadoras dos últimos anos. Se hai algo que faltaba na primeira tempada, e que as outras dúas intentaron solucionar dalgún xeito, foi profundizar a critica social

No 2021, máis de 111 millóns de contas en todo o mundo viron a serie surcoreana El juego de calamar. Unha produción de Netflix que levou inevitablemente a recordar o castelo de Takeshi Kitano, pero en versión gore. Desde hai unhas semanas podedes atopar, na mesma plataforma dixital, as outras dúas tempadas completas. El juego del calamar, pola súa mestura de universo infantil coa tortura, pode colocarse entre as obras de entretemento máis polémicas e perturbadoras dos últimos anos. Se hai algo que faltaba na primeira tempada, e que as outras dúas intentaron solucionar dalgún xeito, foi profundizar a critica social: a primeira tempada tiña máis que ver co circo dos romanos. As mortes dos concursantes que participaban nunha competición mortal, xustificábanse por unha maldade que está no ADN humano. Ademais eran respaldadas pola pobreza – algo inevitable -, e finalmente por compracer – porque non? - o disfrute duns poucos iluminati multimillonarios. Hai moitas películas e series que xa trataron, a través da competición mortal, os mesmos temas. Entre outras, a serie brasileira 3% (2016), ou películas como El hoyo (2019) de Galder Gaztelu-Urrutia, incluso a coñecida Los juegos del hambre (2012) de Gary Ross. Pero todas intentaban empatizar dalgún xeito coas vítimas expoñendo manifestamente o tema ético. Na serie El juego del calamar todo parece rozar mais a psicopatía.

Nestas dúas novas tempadas, a serie parece tomarse algo máis en serio o asunto: é un feito, por exemplo, que o 14,4% de surcoreanos viven baixo o limiar da pobreza. Pero sobre todo nas eleccións do verdadeiro protagonista da serie, Seong Gi-hun, que decide loitar contra esta lóxica sádica e sacrificarse para un futuro mellor. Aínda que a mensaxe final sexa a espantosa e crúa de sempre: o diñeiro soluciónao todo. No final, o guiño aos Estados Unidos e o cameo de Cate Blanchett interpretando unha reclutadora, abre a posibilidade a unha versión estadounidense do Calamar. E fai imaxinar novísimas torturas preparadas para os mais desesperados á marxe da sociedade reunidos nun campo de concentración coa aparencia dun parque infantil baixo o sol de Las Vegas. No futuro, a menos dun xiro radical no enfoque, a serie vai provocar no espectador a indiferenza cara a dor allea – algo que xa pasa agora en boa parte dos capítulos. Quizais sexa a xustificación definitiva destes xogos mortais, a identificación total cos seus psicópatas promotores. A glorificación dun entretemento sádico, serial, capitalista, na súa máxima expresión.

Contenido patrocinado

stats