Manuel Baltar
Recetar termalismo
Como en tantas ocasións estas miñas páxinas semellan estar posuídas por unha a modo de melancolía -ese reino estraño no que podérmonos comportar todos coma únicos monarcas soberanos- indutora do feito de que a hora da súa lectura se poida considerar coma unha especie de correspondencia, coma unha carta, se o prefiren, dirixida ós meus lectores; como isto ben pode ser así, vanme permitir que, sen tampouco saber a ónde nos ha levar nesta ocasión, recorra de novo á carta que Flaubert lle escribiu a Louise Colet sendo seis días de abril do 1853 os andados.
"Din que Lamartin morre. Non o choro (...) Non sinto ningunha simpatía por este escritor sen ritmo, por este estadista sen iniciativa. É a el a quen lle debemos todas as azuladas galdrumeiradas do lirismo consuntivo, e a quen lle debemos agradecer o Imperio, home que acode ós mediocres e gusta deles" o que segue é o de que mexa auga bendita e que lle faltan collóns, que foi o que xa lles transcribín o pasado mércores. Ó millor foi que na súa nenez e primeira mocidade vividas no sur da Borgoña non debeu beber viño da terra en circunstancias apreciables, feito este que de ser certo non espertaría, nin moito menos, a simpatía do gran comellón que foi Flaubert, tamén fillo de médico, que pasou a súa nenez no hospital que dirixía o seu pai e, en troques facelo rodeado de cinco irmás e unha nai piadosa, medrou rodeado de toda canta miseria pode toller ó ser humano e ilo degradando ata conducilo á tumba, polo que non podía entender a vida como a entendeu Lamartine.
O feito de telos traído a colación eiquí propiciouno a lectura, rápida, incompleta e moi por enriba, de dous volumes compostos cando non de ensaios si de crítica literaria; un deles, "La Tabla Redonda" o número 18 do Anuario de Estudios Torrentinos dirixido pola profesora Carmen Becerra dende a Universidade de Vigo e, o outro, do número XLII, dos Cadernos Ramón Piñeiro, a cargo de Luis Cochón e Laura Caamaño.
Non levo lido máis que uns cantos traballos dos recollidos en ambos os dous volumes, pero si ó abondo como pra ter reflexionado encol da condición de crítico dadas a gañas, enormes, de exercela con algúns dos traballos que xa levo lidos. En "La Tabla Redonda" todo xira arredor da persoa e da obra de Gonzalo Torrente Ballester mentres que nos "Cadernos de Ramón Piñeiro" o fai sobre a de Ramón Otero Pedrayo.
Debo dicir que non tratei a Otero Pedrayo, falei con el pouco e o escoitei moito, pero tamén o lin abondo como pra ter expresado, moitas veces, que a súa novelística debe ser frecuentada por calquera novelista galego en formación, e aínda na súa máis pródiga madurez, que queira dar ou consolidar a súa integridade de escritor galego; moito máis que coa novelística risquiá e non porque eu non admire a escrita de este, a quen xa si tratei un algo máis e tamén admiro profundamente.
A Torrente Ballester si que o tratei moito, moito, máis nos seus anos vigueses, cando era "intratable" grazas ó ukase proclamado pola cultura-non-oficial oficial e visitalo era pouco menos que delito de lesa patria. Case que se podería dicir o mesmo de Cunqueiro, pero o privilexio de tratalo disfrutouno o meu primo Arturo Conde e eu limiteime a saudalo unha vez nos Premios da Critica Galicia cando se celebraban cabe a praia de Samil. Ben que o sinto. En troques conservei a amizade con Torrente ata o fin dos seus días, malia que deba recoñecer que foron outros os que a viviron con maior intensidade desde que lle foi levantada a pauliña. E tamén son lector fervoroso de toda a súa obra e mesmo tradutor ó galego dunha das súas novelas máis voluminosas "A illa dos xacintos cortados" na que tanto satiriza o mundo universitario que o privou dun doutorado que debera terlle outorgado máis que en razón de honorífica causa.
Dito isto comprenderán que non me faltaron gañas, felizmente reprimidas, de falar longo e tendido sobre algún dos traballos aparecidos en ambas publicacións e mesmo dalgunha afirmación do propio Torrente deslizada na interesantísima entrevista que, no seu momento, lle foi feita polo profesor Ángel Loureiro, emérito que o é da Universidade de Princeton; entrevista que agora e felizmente ve por primeira vez a luz.
Sucédeme con Torrente Ballester e tamén me sucede con Otero Pedrayo, pero xa vou vello, xa fixen todas as miles literarias, dixen tódalas parvadiñas que tiña que dicir, e non convén ampliar moito máis o cupo, debido ó que respecta da licencia que espero que se me recoñeza no canto de sacar a mala baba a pasear. Prefiro reservar algunha desas quendas por si máis adiante sinto a necesidade de falar dalgunha outra cousa de maior enxundia.
De momento é de entrada lean esa entrevista feita a Torrente e lean a conferencia, a preciosísima conferencia, como se di, cualificándoa, no limiar feito por Luis Cochón, que Otero pronunciou a propósito de Castelao. Logo sigan lendo a ver que lle parecen algunhas das colaboracións pois algunhas delas evidencian ese perigo de empezar falando de alguén pra acabar, cando non por empezar, a falar dun mesmo e da relación que mantivo co personaxe, algo que sucede moi a miúdo nos obituarios nos que, as máis das veces, un tiraría a conclusión de que o máis importante, do feito en vida polo finado, foi establecer amizade ou correspondencia co autor da súa necrolóxica; unha necrolóxica na que mesmo pode o autor acordar o resalte dos seus propios méritos académicos a maiores dos acadados polo defunto cuxa memoria é recordada, entendido sexa por memoria o conxunto do transmitido e ben gardado e por recordos o do vivido por quen escribe o obituario. Élles así a condición humana.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Manuel Baltar
Recetar termalismo
Luis Carlos de la Peña
CAMPO DO DESAFÍO
Las nuevas generaciones vivirán mejor
Itxu Díaz
EL ÁLAMO
El destructor Simón-Sánchez
Manuel Orío
RECORTES
Abrir las ventanas
Lo último
EMBAJADORA EMPRENDEDORES
Los innovadores caminaron por la Vía da Prata de Allariz
26, 27 y 28 DE JUNIO
Este verano, ojo al dato con el Basket Data Summit 2026 en Ourense
REFORMA INTEGRAL
Freno al deterioro del Ponte de Umoso, en Viana do Bolo