Opinión

El Corte Inglés e o galego

Quixera relatar aquí unha recente, e malfadada, experiencia que desvela aspectos do noso idiosincrático ethos de sumo interese para recoñecernos como colectividade nas vertientes antropolóxica, social e cultural, coa expectativa de que a alguén lle resulte útil a ensinanza que dela se deriva. 

O pasado 30 de decembro achegueime deica El Corte Inglés de Vigo para realizar unhas compras para o Nadal. Cando estou na Galiza emprego sempre como lingua de comunicación o galego; lingua que non aprendín na escola senón no berce, lugar onde todo comeza, posto que a herdei dos meus pais, avós e bisavós. Síntome cómodo e gozoso ao usala, e aínda máis gozoso me sinto cando o meu interlocutor a comparte comigo. Pero se non o fai tampouco me importa, pois cada quen fala o que lle peta e como lle peta.

Porén, as cousas mudan cando agroma un problema de (in)comprensión, que foi o que me aconteceu ese día e o que me levou a presentar unha reclamación perante o Servizo de Atención ao Cliente co seguinte contido:

“Onte, día 30 de decembro do 2022 (a reclamación presenteina o día 31), estiven comprando no supermercado deste centro comercial. Durante o meu periplo como consumidor houbo tres dependentas que aseguraron non entenderme. Alegaron que falaba baixiño, anque non era ese o verdadeiro motivo dado que posúo unha voz grave e nítida: non me comprendían porque lles falei en galego. Tiven que repetirlles até catro veces o que quería para conseguir facerme entender. Solicito que o Corte Inglés de Vigo contrate persoal que comprenda perfectamente o galego; aínda que non o fale ou non queira falalo”.

Dende logo, está fóra de lugar que un cliente galegofalante deba reiterar tantas veces a un empregado dun comercio emprazado na Galiza o que desexa para que se decate do que lle está a solicitar.

A resposta a miña queixa foime remitida por correo postal, en español, con data 2 de xaneiro do 2023. Velaquí o máis relevante do seu teor literal:

“En respuesta a la reclamación con número 33817-A, interpuesta por Vd., de la cual acusamos recibo, informar que según ESTATUTO DE LA XUNTA DE GALICIA aprobado en 1981, el gallego es la lengua COOFICIAL en nuestra comunidad autónoma, y “todos tienen el DERECHO a conocerla y usarla”, NO LA OBLIGATORIEDAD. Por lo expuesto anteriormente indicar, su reclamación NO PROCEDENTE” (as maiúsculas e a letra grosa pertencen ao orixinal).

O asinante desta contestación, que omite o seu nome e se ampara no anonimato do “Dpto. Atención al Cliente”, se preocupou, non obstante, de puntualizala cun cinismo difícil de superar: “Le trasladamos nuestras disculpas por las molestias que haya podido sufrir (...), aprovechando la ocasión para enviarle un cordial saludo con la esperanza de que siga confiando en nosotros para futuras compras”.

Este asalariado do afamado gran almacén finaliza a súa epístola cunha advertencia: “En cumplimiento con lo dispuesto en el art. 40 de la Ley 7/2017 por la que se regula la resolución alternativa de litigios de consumo, le informamos que El Corte Ingles [sic], S.A. no se halla adherido a ningún organismo y/o entidad de resolución alternativa de los mismos (...). En todo caso, le informamos que El Corte Ingles (sic), S.A. no participará en el procedimiento arbitral ante dichas entidades indicadas”.

Cando rematei de ler o texto lembreime, con mágoa e envexa ao mesmo tempo, dos cataláns, o pobo sen estado que mellor protexe e máis agarima a lingua de seu; da milenaria pervivencia do euskara, e do Canadá. Ese país no que se un se dirixe por escrito a un organismo lle responden, con sincera amabilidade, no idioma no que lles escribiu. 

De aí a miña conclusión: falar, escoitar, reflexionar... e non calar!

Te puede interesar