Xantar no "amandio" de Caminha

Publicado: 23 nov 2024 - 01:40

Aproveitando que tiña día de descanso na súa tenda de roupa vintage “PiPLOT” de Allariz, alá que me fun con irmá e cuñado a recoller un agasallo pendente que tiñamos desde facía case un ano. Tratábase dun agasallo gastronómico nun lugar máxico.

E este pasado luns puido ser e non deixamos pasar a ocasión de viaxar ata onde tiven casa durante catorce anos, Caminha, unha vila portuguesa á que lle teño especial cariño. Alí merco flores recén apañadas, como as calas que me trouxen esta semana, tomo un aperitivo na terraza do Café “Central” do amigo Tomás mentres leo con calma o xornal e as revistas cardíacas, mércolle froita ás estupendas señoras que xa saben que me gusta o melón tan maduro que mesmo cheire a colonia, paseo polas fermosas rúas empedradas, e achégome a ver o mar na foz do Minho en Moledo, esa praia inclinada e ventosa onde pasan gran parte do ano ducias de surfistas chegados de media Europa. E de Europa chegan tamén e por alí pasan os milleiros de peregrinos que elixen este camiño pola costa para chegar a Compostela. Lembro como hai uns anos pasaban xusto diante da miña casa a contagotas, e agora son auténticas mareas humanas que utilizan a ecopista gozando das marabillosas vistas ao bravo Atlántico.

Aínda lembro algunhas tardiñas de galerna con olas de ata sete ou oito metros, gozando do espectáculo mentre lle botaba leña á cheminea que mesmo parecía unha desas películas americanas onde sempre aparece umha parella de namorados co lume de fondo mentres toman unha eterna copa de viño. Realmente tiven a sorte de poder compartir o meu domicilio en Vigo con esta marabilla de enormes ventanais e terrazas desde as que poder vivir moitos espectáculos naturais, aínda que sempre me preocupara dos mariñeiros de baixura que divisaba en lontananza, e que a pesar do temporal buscaban a maneira de volver ao porto de Vila Praia de Áncora con peixe que vender.

De todo esto falabamos esta semana no restaurante “Amandio” mentres degustabamos auténticas exquisiteces que este peculiar e simpático hosteleiro presenta como auténticas xoias. Vaite sorprendendo pouco a pouco con diferentes variedades gastronómicas e coa cata de variados viños do Douro ou do Alentejo, para chegar finalmente a un arroz con bogavante deses de “falar con deus”, que diría o amigo Pepe Rumbo, que dá de comer no seu “Pasaje” de Santiago aos padales máis esixentes. O seu escaparate de carnes á entrada da rúa do Franco é para gozar tranquilamente do espectáculo.

Amandio tivo o bo gusto de ir dándolle ao seu restaurante un aire de preciosa casa de comidas, chea de pinturas, arte e libros, moitos libros, mentres soa de fondo, case como un rumoreo, a música de fado que conforma a banda sonora do xantar. Tén unha gran variedade de intérpretes aínda que eu sempre desexe ter a compaña musical da gran Amalia Rodrígues.

Con Amandio pásache como con moitos amigos deste norte portugués, soamente che falan no seu idioma, e fan ben; tampouco é tan complicado para os galegos entendelos e mesmo conversar. Non hai nada máis ridículo que escoitar ás veces aos clientes e clientas chegados do outro lado do Minho ao mercado dos sábados de Vila Nova de Cerveira sen soltar unha soa palabra en portugués, nin sequera o tan socorrido “muito obrigado” ou “con licenza” que os nosos veciños repiten centos de veces ao día, cunha educación que para nós quixeramos.

Contenido patrocinado

stats