Xulio Gil, aggiorna o Viacrucis multisecular

ARTE ET ALIA

Publicado: 30 mar 2026 - 07:25
A dor en sala no Viacrucis e as testemuñas.
A dor en sala no Viacrucis e as testemuñas.

Achámonos ás portas da Pascua de Resurrección, a gran festa cristiá, que onte foi domingo de Ramos e, como di en verso o dito nemotécnico popular estacional para levar a conta das semanas litúrxicas, “Lázaro, Ramos... / en Pascua estamos!”. E antes daquela a Semana Santa, cumio das sete semanas-pernas da antiga Vella da Coresma, iniciada o mércores de cinza. Este é o tempo privilexiado do Viacrucis, unha práctica piadosa nas igrexas, base dos cadros e relevos das quince estacións que as adornan, algúns de mérito como o feito por Lapayese na capela dos Maristas de Ourense. Esta devoción foi saíndo delas, con cruces arredor dos adros que as circunda, mais cando as esmolas e dádivas eran abundantes, nomeadamente en santuarios, construíronse preto deles capelas contendo as escenas escultóricas. Así nas Ermitas (O Bolo) ou nos Milagres (Baños de Molgas), estas nas inmediacións da terra familiar materna de Xulio Gil (Ourense, 1954), por Ambía, quen ten unha espectacular mostra nestes días na Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital (MUGART), en Artes, Ribeira-A Coruña. Trátase, dunha exposición fotográfica en B/N, “Un viacrucis e quince testemuñas”. Eis unha proposta na que o autor propón facer unha homilía laica, ou reflexión sobre o feble e fráxil do ser humano. Desenrola o canon multisecular nunha linguaxe para o noso tempo, engadindo unha mensaxe de esperanza, algo que tamén se acha na décimo-quinta estación, a resurrección de Cristo, que é a nosa resurrección, xa que logo deberíamos vivir segundo unha nova condición, trala dura e expiatoria experiencia da dor, vivida e superada, retomando cadaquén, transformado, o camiño.

Darío-Xesús acha o seu rostro que lle amosa Elena- Verónica.
Darío-Xesús acha o seu rostro que lle amosa Elena- Verónica.

Esta é unha moi destacada posta ao día desta tradición relixiosa cristiá, que dende a composición ideada, apóiase no seu fillo Darío, que ten un papel estelar, con quen comezou o proxecto no tempo da pandemia, para ir incorporando a Elena, filla súa; á parella, Isabel Santos, e outras persoas dos seus respectivos entornos, para darlle corpo á Paixón de Cristo camiño do Calvario, e á idea-nai, cando as normas médicas o permitiron. Entre as “testemuñas” impacta a que vai coa terceira caída, a da “certeza do abismo próximo”, que reflicte á perfección o sufrimento prolongado como concepto figurado, segundo sinala a RAE. Os derradeiros retratos fíxoos antes da inauguración, pois Xulio desenvolve o Viacrucis acompañado dun número equivalente de retratos de xentes do Barbanza, que expresan as súas experiencias. Eis un desenrolo psicolóxico que faime pensar no grande Leonardo e a súa escolla para os apóstolos, e Xesús, na Derradeira cea feita en Milán, tanto na disposición en catro grupos de tres como a dos rostros, coas expresións fisionómicas psicolóxicas dos signos zodiacais. Así neste Museo do Gravado, propiedade do coleccionista Javier Expósito, tan dinámico e cun elenco de fondos envexable, mérito tamén do seu director Xoán Pastor Rodríguez, quen comisaría a exposición, co patrocinio destacado da Dirección Xeral de Cultura da Xunta, e do seu titular, Anxo M. Lorenzo, quen no catálogo destaca a aposta do artista cara un territorio persoal e intimo, cunha “relectura crítica e sensible”, apoio ao que se une o concello de Ribeira. No catálogo Román Arén, da asociación cultural Barbantia, fai unha erudita introdución. Magnífico!

Contenido patrocinado

stats