Ana Méndez Gil: “Vexo unha marea de apoio cada vez máis grande, moita xente dixo basta”

ENTREVISTA

Ana Méndez afronta o reto de recuperar a alcaldía para o PP cun proxecto centrado na xestión e tras facer autocrítica sobre as decisións do pasado

Ana Méndez, candidata do PP á alcaldía do Concello de Ourense.
Ana Méndez, candidata do PP á alcaldía do Concello de Ourense. | Miguel Ángel

A voceira municipal do PP e directora xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez (Ourense, 1976), asume o reto de recuperar a alcaldía para a súa formación en 2027. Nunha conxuntura complexa na cidade, Méndez debulla o seu proxecto, fai autocrítica sobre as decisións pasadas do seu partido, debuxa un Concello “paralizado e sen xestión” e marca un obxectivo: ser alcaldesa: “A min gústanme os retos. Son unha traballadora nata. e unha persoa á que lle encanta escoitar á xente ”.

Perfil

Nome e apelidos: Ana Méndez Gil

Data e lugar de nacemento: 1976, Ourense

Estudos: Licenciada en Dirección e Xestión Empresarial.

Profesión: Traballou 20 anos en Grupo Reboreda Morgadío, no que foi directora de Exportación

Pregunta. Custoulle dar o paso?

Respuesta. Non me custou. O paso máis importante foi no primeiro momento, cando me chamaron para ir na lista no 2023, xa que non estivera nunca en política. A verdade é que foi un cambio importante, pero a política municipal engancha. Que o partido dea este paso para confiar en min é un motivo de moitísimo orgullo, porque estamos a falar de representar ao Partido Popular. A responsabilidade é brutal.

P. As enquisas sitúana como líder menos coñecida. Asume o esforzo extra que precisa?

R. É un punto no que teño que traballar, pero ten unha lectura positiva: a xente vaime coñecer de primeiras. Os outros cabezas de lista son máis coñecidos, para ben e para mal. Para min é un reto, pero teño unha capacidade de traballo infinita e gústame o contacto coas persoas.

P. Soaron moitos nomes, como o de Ana Vázquez. Sentiu que había dúbidas na dirección sobre o seu perfil?

R. Era lóxico e normal. Para a dirección provincial e autonómica a decisión era moi difícil: ser cabeza de lista nunha capital onde estás na oposición esixe moita reflexión. Ao final o que temos máis preto son os resultados do 2023. E iso, si ou si, non se vai volver a repetir, como que me chamo Ana Méndez Gil. Síntome moi respaldada polo partido e pola militancia. Vexo unha ilusión enorme e unha marea de apoio cada vez máis grande.

P. Que bagaxe profesional aporta fóra da política?

R. Teño 50 anos e levo toda a vida xestionando. Primeiro na empresa familiar, logo na privada e agora en Galicia Calidade. Alí traballamos con máis de 170 empresas, o que implica xestión, promoción e coordinación con moitos sectores.

P. O alcalde xa arremeteu contra vostede nas redes sociais. Ten asumido ese nivel de ataque?

R. Esas cousas eran previsibles, pero dáme que pensar que teña tanta inquina comigo e non cos outros portavoces. Podo pensar que quen máis o molesta son eu, e iso dáme moitísima forza. Se el decide adicarse ao insulto permanente, perde moitísimo tempo. Que perda todo o tempo que queira, xa me dedicarei eu a traballar por esta cidade.

P. Como cualifica a xestión do goberno municipal?

R. Dígocho con tres palabras: non hai xestión. A cidade precisa un cambio urxente. Non podemos seguir sen investimentos e vendo a xente marchar. Se seguimos así, pasaremos de ser a terceira cidade de Galicia a desaparecer do mapa. Doe que unha persoa cunha absoluta falta de orde e planificación leve a Concello a esta situación. Pero moita xente xa dixo “basta”.

“hoxe no concello de ourense non hai xestión. Se seguimos así, deixaremos de ser a terceira cidade de Galicia”

P. Cal sería a súa prioridade tras acceder á alcaldía?

R. Facer unha auditoría, porque hoxe é imposible saber a realidade das contas. Despois hai que recuperar a relación cos funcionarios da casa, que levan anos cos servizos desmantelados. Estamos a perder unha morea de cartos por axudas sen tramitar e condenas xudiciais. Con eses recursos poderíanse facer moitísimas cousas.

P. Manterá iniciativas do actual goberno municipal, como o bono comercio ou as verbenas?

R. Reactivar o comercio é axudalo todo o ano e apoiar aos emprendedores; un bono un mes antes das eleccións é pan para hoxe e fame para mañá. En canto ás festas, a xente goza con elas, pero iso fíxose toda a vida en Ourense contando cos barrios. Manteranse, pero con orde e rigor na xestión do diñeiro público.

P. O PP ten apoiado moitas cuestións no pleno, aínda que dende a oposición critica a ineficacia do goberno…

R. Máis do 70% das modificacións de crédito aprobáronse co apoio do PSOE e do BNG. Cando nós as apoiamos, facémolo por responsabilidade cos veciños. O problema é que lle damos as ferramentase el segue sen pagar nin xestionar.

P. O orzamento segue bloqueado e o alcalde retirouno do último pleno. Vai apoialo o PP?

R. Ese orzamento vén con moitísimas eivas porque non se negociou con ninguén. Co PP asegúrolle que non. O alcalde sabía de sobra que non os ía sacar adiante e non está disposto a perder unha votación de semellante envergadura. Sorprendeunos que o PSOE votase a favor da urxencia para debatilos e logo estea en contra. Ou están a negociar?.

P. Jácome insiste en que a Xunta marxina a Ourense e que o Estado o apoia máis.

R. Que diga agora que o Estado o apoia dáme que pensar. Sigo sen ver que proxectos ten el para a cidade. Un non pode estar sentado e pretender que lle aparezan como Reis Magos os cartos, as inversións, así porque si.

P. Blindará os intereses de Ourense ante a Xunta aínda que goberne o seu propio partido?

R. Evidentemente. A política municipal vai máis aló das siglas. Se unha empresa vai ben é porque todos tiran no mesmo sentido. Vou loitar por todo o que Ourense precise, e sei que contarei co apoio total da Xunta e do Estado, se goberna o PP.

P. En 2023 o PP facilitou a investidura de Jácome.

R. Non se asinou ningún pacto nin acordo programático. Apoiouse a investidura da lista máis votada. Foi un acordo de non agresión propiciado polo non permanente do BNG ou ese ‘un día contigo, outro día sen ti’ do PSOE.

P. Pero en 2019 si houbo un pacto para dar alcaldía a Jácome, que era terceira forza. Fai o PP autocrítica?

R. Entendo que en 2023 houbese un voto de castigo por iso. Asumo que houbo votantes nosos que non entenderon o pacto de 2019. Non nos saíu ben, as nosas expectativas non saíron ben e a xente castigounos con todo o seu dereito. A miña prioridade é recuperar a esa xente dándolles ilusión e traballando, e xa o estamos notando.

P. Contempla un pacto con Jácome en 2027?

R. Para nada. Eu saio a gañar, a gañar, a por todas, e non contemplo outra situación. No meu imaxinario non está para nada pactar con el. E no da xente que está ao meu redor e nos meus compañeiros, tampouco. O que non contemplo é pactar con quen alimenta a desafección política para estar sentado nun sillón.

P. Nun escenario sen maiorías, pactaría coa esquerda?

R. Gobernar é chegar a acordos, e estes non teñen por que ser cun único partido. Neste mandato, PSOE, BNG e PP asinamos un documento conxunto para exixir explicacións polas obras da avenida de Portugal. Se fomos capaces de asinar os tres, por que non chegar a máis acordos de cidade?Ao noso votante tradicional pídolle que volva confiar en nós para devolverlle a dignidade ao Concello. E á xente descontenta co PSOE, pídolle que, antes de irse a extremismos, confíe no noso proxecto de xestión para que Ourense recupere o lugar que merece.

Contenido patrocinado

stats