Antón Pulido: “Os artistas galegos temos un soño: o gran Museo de Ourense”

AFILANDO INCONFORMISMOS

O artista Antón Pulido afía o seu inconformismo con La Región e achéganos a súa visión como pintor, grabador e xestor cultural

Publicado: 25 ago 2024 - 07:15 Actualizado: 25 ago 2024 - 11:08

El artista Antón Pulido afila su inconformismo con La Región
El artista Antón Pulido afila su inconformismo con La Región

Antón Pulido (Bóveda de Amoeiro, 1944) forma parte, por méritos propios e artísticos, da nómina dos grandes artistas plásticos galegos. Foi o primeiro director do Centro Galego da Arte Contemporánea hai xa 34 anos. “Cada vez estou máis contento dos comezos do CGAC. Naquela época non había nada e fixéronse exposicións que calquera centro de arte do mundo houbese acollido”. A Praza das Apertas en Vigo ou o seu conxunto escultórico “Kermesse para Arcadio” na Insúa dos Poetas son algunhas das máis recentes pegadas permanentes da súa arte. Pero Pulido segue traballando e “xogando. Iso sempre.”

“Mirar un cadro ten que ser un relaxamento. Para min é gozar, non pode xerar desacougo”

No 2015 expuxo en Ourense unha antolóxica por 50 anos de traxectoria . Afirmou que era un punto e seguido. Como foi?

Ese punto e seguido é un punto do traballo continuo. Os artistas estamos nunha actividade continua e, aínda non pintando, estamos sempre creando. Este é un mundo apaixonante e, ao mesmo tempo, un mundo onde non tes un respiro porque sempre estás pensando na arte. Mirar un cadro é como facer unha viaxe dentro do cadro, e a min gústame facer esa viaxe para mirar as ausencias que eu vexo nel ou mesmo as cousas que sobran. Na creación dun artista pasa o mesmo. É como unha viaxe dentro da vida que, a súa vez, non é máis cun lenzo onde vamos dando pinceladas de emocións e onde tecemos soños.

Un cadro debe expor preguntas, ofrecer respostas ou só ser contemplado?

Mirar o cadro ten que ser un relaxamento. Logo cada persoa é diferente. Uns tentan buscar preguntas, relacións e outras só gozar do que ven. Para min, é sobre todo gozar. Ver un cadro non pode xerar desacougo. Agora ben, o proceso creativo para chegar a que o cadro produza esas sensacións é un proceso complexo.

Dicía Umberto Eco que nada é máis nocivo para a creatividade que o fervor da inspiración. Habería que engadir a Intelixencia Artificial como elemento prexudicial?

A Intelixencia Artificial xa está aí. No mundo da literatura, da poesía, ten unha gran repercusión. No mundo da arte aínda non, porque o que fai é unha cousa baldía, sen contido. O artista aínda ten esa realidade que é exclusiva súa. Menos mal. Pero imos camiño de que lle digas faime un Picasso e que o faga. O que está claro é que as relacións das figuras e mesmo das cores, hoxe non as fai a Intelixencia Artificial. Cada artista elixe a súas mesturas de cores e iso é o que diferencia a uns doutros.

Para ser artista, prima o corazón ou a razón?

Abramovic di que a arte é cousa de intuición, fala da arte intuitiva e asegura que a arte non é do intelecto. Isto é moi discutible. Na actualidade, no concepto da arte o que prima é o intelecto, porque a intuición non a ves por ningún lado. Creo que depende dos artistas, uns son máis intuitivos, prima máis a paixón das súas sensacións. E noutros, sobre todo na arte conceptual, o intelectual e fundamental para a creación.

"Amoeiro é un dos lugares máis bonitos do mundo, segundo palabras de Otero Pedrayo"

Falamos de arte, pero de que falamos? De pintar ben?

Pintar ben é facer aquelo que lle gusta ao artista. Pero é moi difícil dicir si un artista pinta ben ou mal. Aí temos o exemplo de Van Gogh, as críticas eran feroces. E mira logo. As críticas sobre as obras de arte son moi difíciles de entender. O único que entende a arte do artista é, nin máis nin menos, o propio artista. Si el está conforme co que fai, antes ou despois, triunfará, sempre.

Quen marca hoxe o valor dunha obra: o talento, o mercado, as políticas?

Quen guía o mundo da arte? En primeiro lugar, as galerías. Unha boa galería fai un artista, independentemente do tempo que dure. Despois, os críticos coñecidos marcan as pautas e finalmente as revistas importantes. Ao final tamén están os coleccionistas, aínda que xeralmente van ao ditado dos anteriores.

“Ourense necesita un gran museo”. Son palabras súas. Despois do peche da parte expositiva do Museo Municipal, debemos conformarnos coa súa apertura sen máis ou seguir pedindo un gran Museo?

Home, en Ourense falta ese gran Museo. Hai que ser inconformistas. Toda a sociedade tiña que entrar en xogo, e os políticos de Ourense e de Galicia, porque un Museo é a palestra, a fiestra da arte dunha localidade. En Ourense falta ese espazo onde os foráneos poidan descubrir os grandes artistas que temos aquí. Iso requirira poñer de acordo a xente, habería que empezar con reunións, pero é unha posibilidade. É un soño que temos todos os artistas galegos: que se faga nun futuro ese gran Museo, ese Museo especial e diferente de Ourense.

Dicía Louise Bourgeois que a arte é unha garantía de cordura. Está de acordo?

Totalmente.

Para quen mira ou para quen crea?

Para os dous. Agora ben, nesa viaxe hai moitos tipos de cordura e moitos tipos de reflexións.

Ourense a Pulido é…

Sobre todo Amoeiro. É un dos lugares máis bonitos do mundo, segundo palabras de Otero Pedrayo. E Ourense é das cidades máis fermosas que se poden concibir en todos os conceptos. Esa neboeira que lle da identidade á cidade, toda a tradición e a cultura, non só de escritores ou poetas, senón tamén de grandes artistas. Ourense é creativa por natureza, eu son un apaixonado da cidade. Todo o que coñece Ourense queda con gañas de volver.

A traxectoria de Pulido está chea de recoñecementos e premios: o da Cultura, o de Belas Artes, Fillo predilecto, Trasalba… Si tivera que quedar con só un, cal sería?

Iso é moi difícil. Os premios, todos, teñen a súa importancia. Pero hai un premio especial que me fixeron os nenos da escola Otero Pedrayo de Amoeiro. O gran salón do colexio estaba decorado con pinturas de Antón Pulido feitas por eles e pensadas para aquel lugar: os azules, os verdes. Ese é un premio de simpatía, de orixinalidade, duns nenos pequenos. Os premios moitas veces máis importantes son os que chegan ao corazón, como este.

Que é o éxito?

Hai libros onde falan do que é o éxito filosoficamente. E unha cousa tan absurda que moitas veces aparece cando ninguén o pensa. O éxito é gozar do teu traballo. O artista ten éxito cando as súas exposicións son aplaudidas, non só polos que están arriba, senón polos que van vendo arte, dende nenos ata maiores, que van eloxiando a túa obra. Iso é o que entendemos por éxito.

Contenido patrocinado

stats