Bieito Romero, fundador de Luar na Lubre: "Seguimos aquí logo de 40 anos porque o público respalda a música que facemos"
ENTREVISTA
Falamos con Bieito Romero, membro fundador de Luar na Lubre, para facer balance deste fito histórico antes do seu esperado reencontro co público ourensán o vindeiro 28 de marzo no Auditorio da cidade.
Bieito Romero Copo, responde
1.Un músico ao que admire.
- Jethro Tull e Oswaldo Montenegro.
2. Un disco ao que lle teña especial agarimo.
- “Made in Japan", de Deep Purple. Aínda que non ten que ver coa música que eu fago, si foi moi importante naquel momento da miña vida.
3. Un lugar no que actuar.
- Non estaría mal repetir aquel concerto no areal de Santa Cristina, Oleiros, A Coruña, onde tocamos con Mike Oldfield e The Corrs (1999). E dos espazos nos que andamos á procura de tocar é en Oceanía. Tocar en Nova Zelanda e Australia ten que ser marabilloso.
4. Na súa casa soa…
- Un abano moi amplo de músicas, pero sempre relacionadas coa música de raíz. Folk, música clásica, jazz, rock, blues… con todo, o que máis predomina é folk e, de todo o folk, a chamada música celta.
5. Un recordo da súa nenez.
- As viaxes a miña aldea, a Niñodaguia, Xunqueira de Espadanedo.
6. De pequeño quería ser…
- Moitas cousas… depende de etapa. O que nunca me plantexei foi ser músico.
7. Cando se mira ao espello, ve…
- Unha persoa en constante evolución, que día a día vai modificiando o seu aspecto, porque os anos pasan. Pero véxome ben, sobre todo de espíritu, que é o máis importante.
8. Unha manía. - Estar demasiado tempo nas cousas que suceden ao meu arredor.
9. Un defecto.
- Case diría que ese tamén é un defecto (risas). Pero, ter, teño moitos, aínda que moitas veces só os percibimos polo que nos din os demáis. Cecáis que falo demais (risas).
10. Unha virtude.
- A constancia.
11. Unha viaxe pendente.
- Hai moitas, pero en calquera caso, visitar o extremo Oriental de Asia: Thailandia, Laos, Vietnam, Camboya…
12. Un lugar para perderse.
- O noso país é un lugar fascinante para perderse e moitas veces descoñecemos eses pequenos recunchos que temos e que son moitísimos. Eu sempre aconsello perderse na nosa terra e descubrir cousas. Moitas veces andamos buscando cousas en latitudes lonxanas e témolas ao pé da casa.
13. Perde a calma con…
- A falta de palabra da xente.
14. Recobra a calma con…
- Quedando en silencio e reflexionando. Sobre todo, non tendo ruído ao redor.
15. Un soño.
- Ver aos meus fillos cumprindo os seus obxetivos na vida.
Catro décadas de traxectoria non se cumpren todos os días, e moito menos mantendo intacta a esencia e o respaldo do público. Luar na Lubre atópase inmersa na súa “Xira Lubre: 40 aniversario” mentres ultima o lanzamento do seu novo disco. Falamos con Bieito Romero, membro fundador do grupo, para facer balance deste fito histórico antes do seu esperado reencontro co público ourensán o vindeiro 28 de marzo no Auditorio da cidade.
Pregunta. Están inmersos na “Xira Lubre: 40 aniversario”, que supón para Luar na Lubre e para vostede este percorrido nunha efeméride tan especial?
Respuesta. Para nós, e para mín particularmente, é, sen dúbida, un soño cumprido e que seguirá cumpríndose. Na música, sexa do estilo que sexa, é un fito extraordinario cumprir 40 anos. E, ademais, facendóo cunha boa saúde artística e persoal. E se lle sumamos que estamos a piques de editar o noso vixésimo primeiro traballo, non podemos menos que estar moi satisfeitos coa nosa traxectoria na música en xeral que é moi lonxeva, e, moi especialmente no ámbito da música galega.
P. Escenarios de prácticamente todo o mundo, actuacións ante milleiros de persoas, unha vintena de discos… Imaxinábase hai 40 anos, dalgún modo, todo o que estaba por vir?
R. Non! Imposible de imaxinar, pero si posible de soñar. E nestes intres estase cumprindo aquel soño.
P. Nesta xira, que se atopa o público?
R. Digamos que non é unha xira “máis especial” que outras xiras máis alá de que estamos cumprindo o noso 40 aniversario. Nela presentamos temas clásicos do noso repertorio que non poden faltar, combinados con temas novos que van estar incluídos no noso próximo traballo, “Lubre”.
P. “Lubre”, unha palabra cun fondo significado.
R. Si que o ten, e é por iso que o percorrido dos concertos que estamos facendo xira ao redor da palabra “Lubre”. É un termo que, por iniciativa propia, conseguimos que a Real Academia Galega recoñecese e incluise no seu diccionario –“Bosque sagrado onde os celtas celebraban os seus rituais relixiosos”-. Para ter aínda máis presente o que significou e significa esta palabra na nosa traxectoria, quixemos facer todo un traballo conceptual ao redor dela. E así, converteuse tamén no eixo do noso vindeiro traballo.
P. Debúllenos algo máis del.
R. Vai ser un libro-disco que, na parte musical conta con, en principio, 14 temas -aínda que pode variar- relacionados co significado de “lubre”. E, no que atinxe ao libro, hai ao redor de 40 colaboracións de xente da nosa cultura que fan as súas achegas máis persoais ao redor da palabra “lubre”. Desde arqueológos, a xente relacionada coa toponimía, poetas, ilustradores… Entendemos que será un libro moi atractivo que se vai completar moi ben coa nosa música.
P. En plena “Xira Lubre”, que tal está sendo a acollida?
R. Estamos moi satisfeitos. A xira deu comezou en xaneiro en Santander e xa pasamos por Plasencia, Sevilla, Madrid, Salamanca… e, nestes intres, mentres falamos, pillásme en Sudamérica, en Bos Aires, pero xa tocamos en Santiago de Chile e Montevideo e aínda queda por diante Córdoba e Rosario, Arxentina. E cando regresemos a España, antes dos concertos na nosa terra, aínda faremos parada en La Palma.
P. E de seguida chega o primeiro concerto en Galicia que terá lugar en Ourense. Hai que decir que Luar na Lubre ten un gran agarimo pola cidade das Burgas.
R. Penso que xa é unha especie de tradición, así que… para que mudala? Fai anos que comezamos os concertos galegos en Ourense. Se me preguntas o porque, básicamente porque sabemos que aí somos ben queridos, que a xente empatiza moi ben co que facemos, e nós tamén con vós. E, particularmente, faime especial ilusión poque as miñas raíces están na provincia. É a terra dos meus país e iso fai que sinta algo moi especial tocando en Ourense. Por certo, como ben dis, está a caer, será o día 28 de marzo no Auditorio.
Os recoñecementos internos saben ben porque moitas veces ocorre eso de que “un non é profeta na súa terra". Nós sempre nos consideramos moi queridos en Galicia, independentemente dos premios xa que o mellor premio e contar cun público tan marabilloso, fiel e estable como o que temos.
P. Nestes 40 anos sen dúbida souberon conquistar e gañarse ao público.
R. Un dos valores fundamentais que ten Luar na Lubre é o público que hai detrás. Nós consideramos que se estamos aquí, é porque hai un público que respalda a nosa música e o noso proxecto, e que responde aos nosos espectáculos. Mercan as súas entrada e os discos, e iso é o que nos mantén vivos, senón sería imposible falar destes 40 anos de traxectoria. Os teatros e auditorios aos que temos acudido sempre están ateigados de xente participativa e ilusionada con vernos. E isto é o que temos que mimar porque é o público o que fai posible que Luar na Lubre sexa o que é e teña continuidade.
P. Teñen actuado por todo o mundo, hai algún espazo que recorde por senlleiro ou por deixar unha pegada máis especial?
R. Hai moitos porque son ao redor de 2.500 concertos, imaxina! Pero, por decirche algún, os concertos que temos feito en Cabo Verde, -onde xa estivemos en dúas ocasións percorrendo as súas illas-, foron moi emotivos. Un lugar onde a priori a súa música é marabillosa, pero moi diferente a nosa, pero onde conectamos moi ben con eles. Igual que en Xerusalén ou Belén. E tamén lembro un concerto que fixemos en Kazajistán que foi unha auténtica sorpresa para nós, cun teatro cheo, implicado, e que deixaron unha gran pegada en redes sociais porque lles impactou moito a nosa música. E, despois, pola magnitude que tivo, o concerto de 1999 no areal de Santa Cristina, Oleiros, A Coruña, con Mike Oldfield e The Corrs. Foi un dos concertos máis multitudinarios que se fixera en Galicia.
P. Terras alleas, dispares, coas súas culturas… pero aquí faise realidade o de que a “música é universal”, e vostedes, coa música galega traspasaron calquera fronteira.
R. Efectivamente, e tamén onde se rompe ese topicazo que había en Galicia cando nos comezamos que había xente, incluso amigos, que nos decía que con esta música e cantando en galego, non íamos chegar moi lonxe. Que nós íamos quedar na “casa” porque era algo só “da casa”. E mira como son as cousas que, cecáis, sexamos o grupo galego máis internacional de toda a historia, tocando e cantando en galego, na nosa propia e particular música. E levantando con ela sentimentos e emocións, que é o máis fermoso. Aínda que, a priori, non teñan que ver coa nosa música. Tamén é verdade que a cultura galega e celta está moi extendida por todo o planeta pola emigración, pero aínda así, hai moita xente que non ten que ver e sinte no seu corazón o noso son.
P. As colaboracións con diferentes artistas tamén son unha das tónicas de Luar na Lubre.
R. Teñen sido tantas desde que comezamos… e as que están por vir! Xente que admirábamos, tanto a nivel persoal como artístico, e que sempre se prestaron a colaborar con nós. Luz Casal, Ismael Serrano, Miguel Ríos, Víctor Manuel, Pablo Milanés, Lila Dows… e quedanme ducias deles polo medio. Pero o que hai que destacar de todas e cada unha delas é o sentimento común de querer colaborar e darlle un toque máis persoal e emotivo que se traduza en algo bonito. E creo que o conseguimos. Nós quedamos satisfeitos por colaborar con eles, e, noutras ocasión somos nós os que colaboramos con eles.
P. Non deixa de ser un orgullo, xa que máis alá da música, levan cultura, identidade… Galicia en xeral.
R. Detrás da nosa música hai relato, hai historia, hai contos… e realmente o que facemos é unha transmisión oral que nós facemos para que a xente coñeza algo máis a fondo o que é Galicia e que sexa máis doado de entender. En certo modo consideramos que somos transmisores dunha cultura que está situada nun lugar que moitas veces non é sequera capaz de ubicar no mapa. Tamén hai que decir que temos plataformas que nos fan universais, como o Camiño de Santiago e a cultura celta, e temos que empregar esas canles para transmitir todo o noso.
P. Este tamén foi un dos motivos polo que o pasado ano recibiron a Medalla Castelao.
R. Os recoñecementos internos saben ben porque moitas veces ocorre eso de que “un non é profeta na súa terra". Nós sempre nos consideramos moi queridos en Galicia, independentemente dos premios xa que o mellor premio e contar cun público tan marabilloso, fiel e estable como o que temos.
P. Como veñen as novas xeracións con respecto a vosa música e a música galega?
R. Coa música galega estase dando un movemento moi interesante de xente moza que participou en escolas de baile e música e están agromando con forza por toda Galicia. E, no que a nós nos atinxe, a música celta, temos un público moi heteroxéneo. E aí é onde está a gran virtude: poder convocar a xente de diferentes idades e variado e compartir paixón por algo que están escoitando. Sabemos que somos banda sonora da vida de moitas persoas e iso transmitese de pais a fillos.
P. A modo de remate, que se ven nos vindeiros meses de Luar na Lubre?
R. Se o mundo, tal e como está, nos deixa… seguiremos coa xira que temos case trazada. Será unha xira longa por España e Europa e poida que con regreso a Sudámerica e aterrizaxe en Australia. Este ano comezou, pero continuaremos o ano 2027 pisando escenarios e poida que se prolongue ata comezos do 2028, cando temos previsto darlle voltas a un novo proxecto. E, a partir de aí, deixarse levar porque os ventos virán ao noso favor nese senso e, nó, encantados!
Contenido patrocinado
También te puede interesar
REAL ACADEMIA GALEGA DE CIENCIAS
María Martimón, paleoantropóloga ourensana: "La ciencia es muy a la gallega, siempre suele responder con otra pregunta"
Lo último
BALONCESTO FEMENINO
El primer brindis de Suso Garrido por el Ensino
PROGRAMA SEMANA SANTA
Magia, religión y cultura en la Semana Santa de Ribadavia
Eduardo Medrano
Motín de Esquilache