ACCIDENTE DE TRÁFICO
Dos personas heridas tras chocar con el coche contra un puente en Ourense
MITOLOXÍA NO DIXITAL
Que pasaría se un peregrino perdese o rumbo no Camiño de Santiago e acabase enfrontándose a meigas, trasnos e ao meismísimo Apalpador? Esta é a premisa de “Fraga”, un videoxogo feito 100% en galego que demostra que no lecer dixital tamén hai espazo para as nosas tradicións. Detrás desta aventura están Lorenzo Torres e Mateo Vizoso, dous mozos creadores cuxos camiños se cruzaron nas aulas do CIFP A Carballeira de Ourense.
O proxecto, que viu a luz o pasado 9 de novembro, afástase das superproducións de acción para invitar a pensar. O xogador debe sobrevivir nun misterioso bosque a través de taboleiros tridimensionais compostos por cubos. “É un xogo táctico por casiñas. Cada criatura móvese cun comportamento diferente, como no xadrez, e ti tes que adaptarte para tentar sobrevivir”, detalla Lorenzo Torres, un dos deseñadores do proxecto. Ao perder, o usuario volve empezar de cero, pero conserva melloras para o seu seguinte intento.
No seu percorrido, os taboleiros renden homenaxe á cultura galega con referencias ao Entroido, o Enterro da Sardiña, potas de queimada ou figuras como Castelao. “Non hai esa violencia que caracteriza a outros videoxogos. A nosa proposta é máis cultural, a xente pode aprender da nosa mitoloxía”, defende Torres.
A semente do proxecto xestouse en Tenerife, a onde Lorenzo tivo que marchar polas escasas oportunidades no sector que atopou en Galicia. Alí deseñou o prototipo e propúxollo a Mateo. A idea inspirase na experiencia de Lorenzo facendo o Camiño de Santiago, que lle deu ideas como o sistema de fatiga. Mentres, Mateo atopou o ton visual no libro “No Corazón da Fraga”, de Francisco X. Fernández Naval e ilustrado por Suso Cubeiro.
Coordinándose a distancia durante un ano, desenvolveron a obra baixo unha estrita filosofía de non botar man da intelixencia artificial. Rexeitaron os algoritmos para reivindicar o talento humano, contando coa banda sonora orixinal do músico coruñés Adrián Vidal García e cunha portada do tinerfeño Diego Matallana.
Con todo, os creadores deste proxecto lamentan que emprender en Galicia siga a ser un reto, polo menos no seu campo. “Foi un ano desenvolvendo o xogo sen recibir un só euro. Aproveitei que quedei no paro para rematalo, pero o noso estudo aínda non existe a nivel fiscal por temas de cartos”, confesa Torres. Se as vindeiras actualizacións teñen boa acollida, o obxectivo é formalizar a empresa.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ACCIDENTE DE TRÁFICO
Dos personas heridas tras chocar con el coche contra un puente en Ourense
ROMPIERON LOS CRISTALES
Roban dos casas en Vistahermosa en menos de 100 metros
ARTE E CONCIENCIA CLIMÁTICA
Un glaciar derrétese en directo na Sala Alterarte
Lo último