Empresas do sector alimentario conectan con investigadores para tentar innovar
I+D+I
Net4Food naceu en 2023 para crear unha rede de excelencia alimentaria na Eurorrexión Galicia Norte de Portugal
A Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este mércores a celebración da xornada “Net4Food Matching: Conectando empresas e investigadores para a innovación alimentaria”, organizada polo Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da Universidade de Vigo e o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). O seu obxectivo foi explorar e fomentar oportunidades de colaboración en I+D+i no sector alimentario entre empresas e persoal investigador.
A iniciativa, na que participaron 80 profesionais, forma parte do proxecto Net4food, que impulsa a creación dunha rede alimentaria de excelencia entre Galicia e o norte de Portugal. A programación arrancou cunha benvida a cargo do director do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación da UVigo, David Fernández Calviño, na que presentou Net4Food. Seguíronlle charlas sobre convocatorias relevantes para a colaboración universidade-empresa e sobre procedementos para contratos de colaboración coa institución académica. O groso da xornada centrouse na exposición por parte de diferentes grupos de investigación do campus de Ourense do traballo que realizan en diversas liñas estratéxicas do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación. Igualmente, houbo espazo para un panel sobre novos retos na industria alimentaria e oportunidades de colaboración coa UVigo, unha pequena mostra de produtos alimentarios e traballos desenvolvidos con empresas, unha visita á planta piloto alimentaria do campus, unha cata de aceites e reunións bilaterais.
Net4Food, lembrou David Fernández, naceu en 2023 co obxectivo de crear unha rede de excelencia alimentaria na eurorrexión Galicia-norte de Portugal que incida no desenvolvemento do sector a través da cooperación, a innovación e a sostibilidade. Coordinado polo Instituto Politécnico de Bragança, nel participan a Universidade de Vigo, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía, así como o clúster Portugal Foods e os laboratorios colaborativos More e Aqua Valor.
O proxecto desenvolverase ata finais de 2025 con financiamento do programa POCTEP, iniciativa de cooperación transfronteiriza dentro do Interreg VI España-Portugal, e fondos Feder, sendo o seu orzamento total de 688.264 euros. Os seus socios están a traballar na análise, capitalización e sistematización do coñecemento innovador existente no sector como base para orientar a acción da citada rede alimentaria de excelencia entre Galicia e o norte de Portugal e do futuro Iberian FoodTec Lab e crearán a estrutura operacional básica desta rede, garantindo a súa viabilidade alén do proxecto.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Jenaro Castro
MORRIÑA.COM
La princesa ilustrada
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este miércoles, 6 de mayo
DERROTA 1-0
El Atlético dice adiós sin coraje en semifinales