CONCURSO LA REGIÓN
Os mellores premios dos Maios
A Martiñá
A Martiñá | La Región

Galería | Tódalas caras da Martiñá

POLO ANO OTERIANO

Zona de Especial Conservación da Rede Natura, ten unha altitude media de 848 metros e unha superficie total de 2.321 hectáreas, pertencentes na súa meirande parte ao concello de Cea

A Serra da Martiñá atópase incluída na Zona de Especial Conservación da Rede Natura 2000 (ZEC) denominada “Pena Veidosa”, se ben entendo que cando se clasificou este lugar de interese comunitario (LIC) aló polos fins do século pasado, debeu cometerse un erro pois o nome do cumial que se ergue ata os 1013 metros de altitude e lugar ata onde penetra en punta de lanza a provincia de Lugo, é o de Pena Ventosa (e non “Veidosa”). Sexa como for, penso que o normal sería que esta ZEC se chamara con máis propiedade e rigor “Serra da Martiñá”, e de feito así constaba na proposta de ampliación e modificación da Rede Natura para Galicia (2009); porque ese é o nome que empregan as xentes das terras do pan de Cea para se referir á súa serra; dun xeito tan entrañable e familiar que incluso acoutan o nome e chámanlle, sinxelamente, A Martiñá. Así a chamaba tamén don Ramón Otero Pedrayo, xeógrafo e observador privilexiado daquelas elevadas morfoloxías que el ollaba dende a Casa Grande de Cimadevila en Trasalba e que este ano andamos a celebrar, nunha área de transición entre a montaña e o val e que el clasificou coa nova categoría de “bocarribeira”; terras, segundo el, de “horizontes cinguidos polo cerco afastado das altas montañas e con costas que baixan cara á ribeira do Miño”. De Cea, da capitalidade municipal deste territorio que imos analizar, dicía o Patriarca que era lugar grande de “casas antigas da cor do sonado pan de escuro e saboroso trigo; vila ben nomeada e gabada en moitos lugares galegos polas súas fortes e madrugadoras mulleres e os leais e ben plantados mozos que o pan espallan ata mais aló dos beizos das serras e o fondo decorrer do Miño”.

Feita a oportuna aclaración, diremos que esta ZEC (Zona de Especial Conservación da Rede Natura) ten unha altitude media de 848 metros e ocupa unha superficie total de 2.321 hectáreas, pertencentes na súa meirande parte ao concello ourensán de San Cristovo de Cea (parroquias de Santa María a Real de Oseira, Santa María de Covas e San Pedro de Vales); aínda que tamén colle unha pequena porción da provincia de Lugo pertencente ao concello de Carballedo pola banda do norte e en menor medida pola do leste. As altitudes máximas do espazo natural acádanse no alto da Martiñá (1.042 m) non lonxe da aldea homónima, e tamén no alto do Castelo do Monte do Alledo que está practicamente á mesma altitude, ocupando o extremo norte do espazo entre o lugar de As Laxas e o límite coa provincia de Lugo.

É A Martiñá serra pequena, compacta e ben conformada; situada xeograficamente na rexión do Miño Central que o gran río partilla e articula; incluída no Catálogo das Paisaxes de Galicia na grande área paisaxística denominada “Galicia Central”. A Martiñá é orografía limitada e concreta, que se enxerga facilmente cando nos aproximamos dende o sur, dende a cidade de Ourense. Quizais por esa razón, por ser serra inmediata de mesuras alcanzables, de entendemento fácil que comparte en todo momento e lugar as necesidades das xentes que andan en rodopío, A Martiñá, igual que lle pode acontecer aos Penamás de Allariz ou á Silvaescura de Ramirás, goza da simpatía das xentes que dende tempos inmemoriais poboaron os territorios que espallan ao seu redor. Eses cotarelos fachendosos que erguen cincocentos metros por riba das superficies achanzadas que abundan polo concello veciño de Vilamarín e o resto do país de Cea, e que continúan polos Chaos de Amoeiro e as bocarribeiras que baixan ao Miño, forman parte inseparable da vida desta persoas; e foron berce de contos e lendas dunhas xentes que durmiron e seguen a durmir (cada vez menos) a carón da súa sombra protectora. A Martiñá foi, durante séculos, mesmo co seu espido e irto peito granítico, arrodeada de campos e agras, de lugares agarimosos e camiños seculares, o castro antigo e a montaña amiga cun cinto de homes e mulleres afanosos sempre a rentes.

Porén, con ser tan modesta, ela, A Martiñá, presenta facianas múltiples segundo por onde lle batan os ventos. Vista dende o sur, na aproximación cavilada dende a capital da provincia ao cruce do Barbantiño e estrada de Santiago, ten rostro altivo e severo, un perfil poderoso e prismático, case olímpico ou titánico, que engana ao observador porque quizais esperará logo morfoloxías alpinas de cumios e abas esgrevias que nada teñen que ver co que en realidade hai detrás de tan soberbio horizonte. Pero todo ten a súa razón de ser, porque é aquí, nesta faciana exposta ao mediodía (onde ten as fontes o Silvaboa que logo será Marañao, emisario do Arenteiro) o remate da masa voluptuosa ou horst que vén desenvolvendo dende a Serra do Faro, límite entre as terras pontevedresas de Lalín e as lucenses de Chantada, prolongación cara ao sur dese insólito cordal que tronza o país e que chamamos a Dorsal Meridiana de Galicia. Dorsal de orografías e compendio de montañas que nacen na serra da Faladoira e no afastado Xistral que aínda poupan os aires cantábricos, e vai logo progresando cara ao sur pola Serra da Loba, cordal de Montouto, Cova da Serpe, Careón, Farelo e finalmente este Faro ata chegar ao lugar onde agora estamos; e que aínda continua cara a poñente pola Madanela e o Testeiro das terras altas do Carballiño, e de novo cara ao sur polo Suído e o Faro de Avión, para rematar, unha vez tronzada polo Miño (angostura que aproveitamos os humanos para encaixar a presa de Frieira) nas serras do Leboreiro e do Xurés. Todas elas conforman esa magnífica columna vertebral galega, barreira e fronteira entre a Galicia litoral e a interior, fronteira tamén administrativa e divisoria de augas dos ríos que van ao Atlántico e os tributarios do Miño; dúas zonas tan diferentes deste noso país cada vez máis desvertebrado: a Galicia rural aqueloutrada e a industrial do litoral.

Tramo parello a vía da prata

Pode aproximarse o visitante, nesta revolta pretendida arredor de A Martiñá, pola estrada que de Cea leva a Oseira. É un tramo por onde vai parella a Vía da Prata que propón aquí unha fermosa e montaraz variante polos lugares de Silvaboa, Pieles e A Ventela, vertente leste da serra, antes de chegar ao afamado mosteiro; descanso e magnífico solaz de peregrinos onde o camiño xacobeo dá un xiro de noventa graos para dirixirse de novo cara ás terras de Dozón. A faciana que presenta a serra por esta banda ten formas ortodoxas, de abas ben dispostas na organización morfolóxica, con pendentes e lombeiros que esvaran cadenciosos cara a corga do río Oseira, o curso humilde que vai marcando o límite occidental da zona que andamos a describir; ben encaixado e rectilíneo pois segue unha larguísima falla que abre en dirección NE-SO o cortizo granítico destas montañas, e que irá desembocar como río Mirela á altura de san Martiño de Lamas no caudaloso Arenteiro, non lonxe augas arriba de onde o fai o Marañao. Hai por esta banda unha organización cavilada de serra.

O cordal enfiando o norte, todo el coroado de castelos onde asoma o duro granito destas terras, con gran derrube e potencia de formas pétreas, configurando cotarelos e touticeiras que a xeito de fortalezas ou atalaias van recorrendo a dorsal toda, un monumento. A parte alta da serra vai moi traballada polos lumes; pero outrora, e ademais das altas toxeiras de toxo arnal (Ulex europaeus) que douran na primavera os lombeiros, o arboredo debía cubrir unha boa parte dela se atendemos aos topónimos que aquí quedaron para sempre, como A Costa do Carballo, A Pedra da Carballosa, As Carballeiras, As Cerquiñas, Outeiro dos Carballos..., que ben fan referencia ás masas frondosas de carballos atlánticos (Quercus robur), ou aos más sufridos de clima mediterráneo máis frío e seco que son os cerquiños ou rebolos (Quercus pyrenaica), e que substitúen os anteriores cando o chan se degrada. Agora, por esta banda superior, vemos carqueixas amarelas e agatuñan os piornos e os breixos de umbela polas grechas dos penedos en cotos rachados de acenos estraños, sempre rozando os mil metros de altitude. É a serra máis brava, a que impón o seu carácter a toda a paisaxe en rodopío.

As ladeiras, por esta banda de poñente, gardan unha proporción perfecta; é un devalar harmónico, sen sobresaltos, caendo sempre coa mesma mesura e pendente cara á fondal por onde vai devagar o pequeno río Oseira. Non hai corgas nin regatos de importancia, apenas unhas teselas verdeais onde medran os fentos marcando a humidade do chan.

Por baixo vai o río que vén do cenobio que chaman con razón, pola súa monumentalidade e esplendor, O Escorial de Galicia; diminuto núcleo rural magnificamente rehabilitado e hoxe considerado como un dos pobos máis bonitos de España. É aquel, o río Oseira, apenas un suspiro na omnipresencia da montaña, un curso que nace como o Arenteiro ao pé da Serra do Faro onde tamén ten as fontes un río de tanta fama e sona como é o Asma de Chantada, límite polo norte deste lugar incluído na rede galega de espazos protexidos. O val, traballado por tan apoucadas augas, é un val feraz, fresco e recendente, á sombra mesta de carballos e piñeiros bravos. Un pequeno paraíso chantado nos relanzos da Dorsal Meridiana de Galicia, elixido polos monxes bernardos do Císter no ano do Señor de 1137 para montar aquí unha impoñente fábrica de rezos; cenobio espectacular mergullado no silencio antigo das terras montuosas e constrinxidas polos contrafortes das serras que veñen de lonxe. Non hai persoa que non sinta aquí o peso da alma ao contemplar na montaña que se alza en rodopío, en corga tan humilde profundamente encaixada na fractura tectónica, a mole inesperada, soberbia, ergueita con tanta sabedoría e esplendor, de Oseira.

As novas morfoloxías que veñen do norte

Logo do mosteiro o val pecha e se fai máis sombrizo, presentindo a chegada das novas morfoloxías que veñen do norte, do Faro de Chantada onde a Dorsal Meridiana e a provincia de Pontevedra acadan a súa máxima cota aos 1.187 metros de altitude. Quizais por iso, pola presión dos montes lindeiros e a proximidade das fontes, A Martiñá perde a partir de aquí a serena cadencia das pinas ladeiras anteriores e deixa relanzos agarimosos onde nacen e medran por vez primeira os asentamentos, núcleos que aproveitan as zonas achanzadas de media ladeira como Boulla, Trabazos, Vilaenfesta e O Gamoal; lugares que van marcado a divisoria entre as terras espidas e montuosas que van por riba e as cultivadas que baixan beber ao río. Hai por aquí, dende o paso silente do Oseira e os seus salgueiros itinerantes ata as agras instaladas nos altos banzos da serra, un laretar constante de paxariños entrefebrados nas carballeiras, no arboredo espiñento dos ecotonos de pereiras bravas e escambróns, no monte mesto de uz branca e xesta amarela que van cubrindo os lombeiros. E tamén asoman por veces os toxos e as campaíñas grandes da queiruga maior (Daboecia cantabrica), síntoma e sinal de que, malia estar tan preto das quenturas mediterráneas da depresión do Miño, camiñamos aínda polo mundo atlántico e húmido da montaña galega máis xenuína, outrora terra de osos que xa ninguén lembra. Soben moito os lugares por estas ladeiras, ata culminar non lonxe dos cotos; como en Laxas, que está aos novecentos metros de altitude. Son, como en tantos lugares do país, universos mínimos, agras que asoman témeras polas costas enfestas da serra, pequenas leiras penduradas dos barrancos, cortiñas e eixidos diminutos onde medran oufanos os castiñeiros amigos.

Un val de moitos vales

Ben diferente é esa faciana da que vén despois, pola banda do nacente, que é a que cae cara a Vales. Porque logo daquelas protuberancias pétreas, das cumieiras da Martiñá que van progresando de norte a sur e onde asoman os penedos como espullas nos outeiros, xa non hai aquela xeometría perfecta de serra ordenada que precipita cara o val encaixado do Oseira. Agora, a serra devala mainamente, receosa quizais das terras baixas que espallan na distancia; por ladeiras que van deixando no descenso relanzos, chans, outeiros e cotarelos esparexendo cara ao nacente. Non hai unha xerarquía ordenada nas augas que drenan con precisión estes lombeiros, e por iso aquí a serra non presenta a solemnidade que lle dá pola outra banda a corga encanastrada por onde viaxa o río do mosteiro, nin tampouco a que lle conceden os Chaos de Amoeiro e os demais relevos achanzados no seu derrame meridiano cara a cidade de Ourense. Por iso San Pedro de Vales é un val de moitos vales, onde non hai unha corrente fluvial que mande, senón unha mesopotamia completa, xuntoiro de augas nutritivas que co tempo darán lugar ao Búbal, o río de Os Peares. Neste territorio de produtivos sedimentos que foron pousando paseniño nos relanzos da montaña, e onde os pobos arrexuntan nos regueiros como uvas nos acios, nacen os lugares de Zamoiros, Casar de María, Vales, Agrosantiño (que nome tan fermoso!) e o lugar homónimo de A Martiñá; e tamén algo máis afastado cara ao corazón da serra o diminuto lugar de Cabreira, unha illa na terra áspera e dura da montaña, onde o mato bravo bate contras as frontes de carballos e as agras centradas no berce da serra máis humana, e ao que hoxe nos podemos achegar seguindo unha ruta de sendeirismo que sae de A Martiñá. Sentimos aquí, en Vales, á sombra das sebes de vidos e salgueiros, o rumor agrario da Galicia antiga, dos campos e prados recendentes onde pacen as últimas vacas da PAC, terra fértil e xenerosa que vemos espallar longamente cara ao norte, internándose na provincia de Lugo cara a Chantada. Terra agropecuaria e evocadora este chanzo intermedio dacabalo da serra esgrevia e dun Búbal incipiente que remata en A Martiñá. Dende aquí, camiño de Ricovelo, xa se ve outro mundo e se poupan outros aires, preciosa atalaia onde tamén ten fontes o Barbantiño.

Chegamos así, nesta rolda orográfica, á cara sur da serra, á faciana máis comprometida onde asoma con frecuencia o corazón de pedra. Nesa ladeira do castro e outeiro martiniano aínda podemos ver, colonizando a pouca terra, as queirugas de umbela que aquí chaman carrascos negros, e moita carpaza de vistosas flores amarelas acostumadas aos solos esqueléticos, e tamén carqueixas de flor dourada que son leguminosas como os toxos. Por esas alturas entre os oitocentos e os mil metros están os hábitats polos que a serra forma parte da Rede Natura: as uceiras secas europeas, os prados de sega, os rochedos e as costas graníticas con vexetación pioneira, as carballeiras galaico-portuguesas coas dúas especies amentadas, e as comunidades herbáceas de solos enchoupados e ricos en materia orgánica que medran nas zonas chairas de elevada pluviosidade preto das cumieiras.

Dende o espectacular miradoiro da Martiñá vemos lonxe, espallando cara ao mediodía, cara á penechaira que tronza oblicuamente o Barbantiño, os “chaos” extensos camiño do pai Miño; de Trasalba e da casa de don Ramón xusto antes do lostregar das augas encoradas no enorme afundimento. “A Martiñá -dicía el- guiando para o norte, e polo aire nacente e sur as ordenadas terras chairegas que atestan o val do Miño e son asucadas polo val do Barbantiño e do Avia”. Logo, moito máis lonxe, hai un desenvolver interminable de serras, de horizontes elevados esvaídos tomados pola luz dun sol tremelucente: o Larouco, o Xurés e o Leboreiro, Silvaescura e Coto Novelle, un alarde de fisionomías despuntando nunha terra que nunca descansa e que sempre, sempre, nos reclama.

Os Tileiros de Oseira

Para rematar este primeiro capítulo, lamentar a descatalogación dos tileiros prateados do mosteiro de Oseira pola “perda dos valores que motivaron a súa inclusión”, segundo recolle a Resolución do 31 de xullo de 2020 da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Polo visto, e malia que a administración autonómica está obrigada a velar pola integridade, saúde e permanencia destes tesouros naturais, únicos no país, os tileiros de Tilia tomentosa de Oseira, que superaban os vinte e cinco metros de altura, foron demoucados brutalmente anos despois da súa inclusión no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia que eu mesmo promovín a principios deste século (Decreto 67/2007). Esperemos que este desastre sirva como chamada de atención para evitar outras calamidades semellantes, e para lembrarlle ás nosas autoridades a obriga que teñen de cumprir e facer cumprir o que manda a normativa vixente.

Galería |  Tódalas caras da Martiñá
1/15 Uces, xestas e carqueixas repártense o territorio. | La Región
Galería |  Tódalas caras da Martiñá
2/15 Galería | Tódalas caras da Martiñá | La Región
Galería |  Tódalas caras da Martiñá
3/15 Galería | Tódalas caras da Martiñá | La Región
Galería |  Tódalas caras da Martiñá
4/15 Galería | Tódalas caras da Martiñá | La Región
Galería |  Tódalas caras da Martiñá
5/15 Galería | Tódalas caras da Martiñá | La Región
Galería |  Tódalas caras da Martiñá
6/15 Galería | Tódalas caras da Martiñá | La Región
Galería |  Tódalas caras da Martiñá
7/15 Galería | Tódalas caras da Martiñá | La Región
Galería |  Tódalas caras da Martiñá
8/15 A Martiñá, un mundo elevado e agropecuario. | La Región
Galería |  Tódalas caras da Martiñá
9/15 O tileiros de Oseira saíron do Catálogo das Árbores Senlleiras. | La Región
Galería |  Tódalas caras da Martiñá
10/15 O agarimoso val dos monxes do Císter. | La Región
Galería |  Tódalas caras da Martiñá
11/15 Oseira, un dos pobos máis bonitos de España. | La Región
Galería |  Tódalas caras da Martiñá
12/15 O val encanastrado do río Oseira segue unha longa falla tectónica. | La Región
Galería |  Tódalas caras da Martiñá
13/15 Galería | Tódalas caras da Martiñá | La Región
Galería |  Tódalas caras da Martiñá
14/15 Galería | Tódalas caras da Martiñá | La Región
Galería |  Tódalas caras da Martiñá
15/15 Galería | Tódalas caras da Martiñá | La Región

Contenido patrocinado

También te puede interesar

Lo último

stats