Carrera San Martiño
Buscador de tiempos

A “Guía de Galicia” de Otero Pedrayo xa ten a súa edición centenaria

ANO OTERIANO

Este volume da “Guía de Galicia” de Otero Pedrayo chegará ás librarías coa súa edición centenaria o vindeiro venres día 13 de novembro

Presentación no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela.
Presentación no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela.

Cen anos despois da súa primeira publicación, a Editorial Galaxia recupera unha das obras fundamentais para coñecer e comprender Galicia. O Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, onde Otero Pedrayo pronunciou a súa derradeira lección como catedrático de Xeografía, acolleu a presentación da edición do centenario da “Guía de Galicia”, nun acto organizado en colaboración coa Cátedra Institucional Otero Pedrayo desta universidade.

Esta publicación enmárcase dentro do Ano Oteriano, declarado polo Parlamento de Galicia con motivo do centenario da Guía de Galicia e do cincuenta aniversario do falecemento do autor ourensán. Publicada por primeira vez en 1926, a “Guía de Galicia” foi moito máis ca unha guía de viaxes. Nela o Patriarca das Letras reuniu xeoloxía, xeografía, historia, patrimonio, economía, paisaxe, artes e cultura para ofrecer unha visión integral do país, converténdose nun referente identitario para sucesivas xeracións de lectores galegos.

Patrimoio literario

O volume, de 635 páxinas, recupera o texto revisado e enriquecido cun amplo traballo de contextualización histórica con máis de 1.400 notas. Asemade, incorpora fotografías históricas de José Suárez, Ksado e Jaime Solá, que contribúen a reconstruír a memoria visual galega. “Estamos ante un manual para imaxinar un país: unha Galicia luminosa. Un país que ten sentido cando prende do seu patrimonio, a súa cultura e a súa paisaxe”, sinalou Manuel Gago, responsable da edición crítica.

A obra permitiulle sistematizar por primeira vez a súa interpretación de Galicia e converteuse nun referente para sucesivas xeracións de lectores, así como nun instrumento esencial para descubrir e comprender o territorio e a súa identidade. Esta edición do centenario chega ás librarías o vindeiro 13 de novembro.

O acto contou coa participación de Ana Cabana Iglesia, vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da USC; Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia; Francisco Durán Silva, director da Cátedra Otero Pedrayo, e Antón Vidal Andión, presidente de Galaxia. Tamén asistiron personalidades do ámbito cultural como Dolores Vilavedra, presidenta do Consello da Cultura Galega, e Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega.

Contenido patrocinado

stats