Luis González Tosar, presidente da Fundación Ínsua dos Poetas, en Ourense: “A cultura de Galicia transcende fronteiras”
ENTREVISTA
O poeta Luis González Tosar, nado en Argentina e fillo de emigrantes, reúne catro décadas de traxectoria en “Da cor da soidade. Poesía reunida 1986-2026”, que presentará este xoves 8 de outubro no Liceo de Ourense xunto a María do Ceo e a Coral De Ruada
O poeta Luis González Tosar, nado na Arxentina, de pais inmigrantes e de corazón ourensán, publica coa editorial Galaxia “Da cor da soidade. Poesía reunida 1986 – 2026”, un poemario recopilatorio que abarca toda a súa traxectoria. O Liceo de Ourense acollerá mañá, xoves 8 de outubro, a presentación da obra nun evento amenizado pola música de María do Ceo e da Coral De Ruada.
Pregunta. Elaborando este libro tivo que enfrontarse as súas obras máis antigas. Notou cambios nos poemas?
Respuesta. O libro é un recopilatorio como ben di o título. Publiquei o meu primeiro poemario, “A caneiro cheo”, en 1986. É un libro onde a paisaxe emocional coincide coa paisaxe natural. A partir de aí seguín publicando. Son 40 anos de libros reunidos, algúns máis intimistas, outros de denuncia social, non hai unha temática común pero si un tema central. Ademais, neste libro engádense poemas novos, inéditos, baixo o nome “Voces na barronca” e que son de actualidade total, deste 2026. Estes poemas para min foron unha catarse porque puiden plasmar a miña visión do mundo actual. Eu sempre pensei que a poesía non é só sentimento, senón que tamén debe responder e enfrontarse á realidade.
P. Cal é o tema central do seu libro?
R. A soidade. Considero os diferentes libros recopilados nel como diferentes cores deste tema. Ese é o motivo do título, “Da cor da soidade”. O traballo do poeta é un oficio que se realiza en soidade.
P. Ademais de poemas o libro conta con ilustracións. Podería falarme delas?
R. O recentemente falecido Antón Pulido, compañeiro en moitas tarefas, ten protagonismo. O libro leva unha obra súa na portada, probablemente sexa a súa última obra como ilustrador, a súa última portada. Era un gran ilustrador e un gran amigo. No interior van tamén varias ilustracións deste extraordinario artista noso e doutros pintores: Paco Mantecón, xa desgraciadamente desaparecido, Xisco Manzano, Alfredo González ou Quintana Martelo.
P. O libro conta con máis colaboradores?
R. Si. Grandes escritores introducen os meus poemas. Por exemplo, o libro ten un limiar de Bieito Iglesias, escritor ourensán, onde analiza toda a materia literaria que conforma cada un dos libros que están representados nesta obra. O resto de obras reunidas tamén teñen o seu prólogo propio. O primeiro ten un prólogo do poeta Ramiro Fonte, compañeiro da miña xeración, xa falecido. En “Remol das travesías”, libro baseado en longas viaxes e nos espazos visitados, leva prólogo de Arcadio López Casanova.
P. Que peso ten ter nacido na Arxentina na súa produción poética?
R. No meu traballo como escritor a condición de fillo da emigración pesa moitísimo. Aínda que non sexa unha obra autobiográfica é algo ao que nunca penso renunciar, porque é parte da miña expresión literaria. Ter nacido nunha cidade como é Bos Aires, xa hai setenta e pico de anos, segue presente. Non é unha evocación puntual, é un feito permanente, constante.
P. Como ve a emigración actual?
R. A emigración hoxe en día que tantos problemas e tantas vicisitudes provoca no mundo... é o normal. Os pobos máis castigados, económica e socialmente, queren buscar unha liberación en tódolos sentidos e non respectan as fronteiras. Iso eu creo que é un dos problemas máis actuais da humanidade. E dende logo na miña obra, tanto na poesía como na prosa, está moi presente.
P. Como está hoxe a cultura galega?
R. Eu creo que ben, pero con matices. Nunca houbo tanta creatividade, tanta creación. Eu como presidente da Fundación Ínsua dos Poetas vexo esta creatividade. Hoxe en día a cultura de Galicia transcende as fronteiras de Galicia, iso ten un valor moi significativo. Deixamos atrás unha etapa de resistencia, que se foi superando pouco a pouco, grazas aos propios activos da nosa cultura. Estamos nunha eclosión. O problema é que as administracións públicas non saben canalizar esta eclosión.
P. Onde se sitúa Ínsua dos Poetas nesta época de eclosión?
R. A fundación xurde dunha iniciativa miña cun grupo de artistas coa idea de converter unha finca nun espazo público cultural. A actividade central da fundación é a Festa da Palabra onde homenaxeamos a un artista cunha escultura. Queremos crear un espazo onde a literatura converse coa natureza e coas artes plásticas, é un espazo único, non hai nada parecido en Galicia. Ademais, este evento é unha xuntanza de escritores, de editores, de artistas plásticos… que determinan ano a ano uns premios que concede a fundación en diversas categorías. Música, literatura ou medio ambiente son algúns dos sete premios que Ínsua dos Poetas entrega.
P. Considera que as institucións públicas non apoian a cultura?
R. As institucións non cumpren o papel que teñen que cumprir, ao meu modo de ver. Non hai aínda unha liña de difusión que permita que a cultura sexa normalizada e asentada. No eido literario tería que haber unha maior preocupación polos autores e as autoras e unha maior oferta de traducións. O momento é bo, a nosa cultura é un produto de 2000 anos de historia, pero o obxectivo de que sexa moito máis coñecida aínda non o logramos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último