Máis espazo para peóns na avenida de Zamora

REFORMAS EN 13 TRAVESÍAS

A Xunta avanza nas obras de acondicionamento viario e peonil da avenida de Zamora, en Ourense, cunha actuación de mellora de beirarrúas e renovación integral do firme que forma parte do plan autonómico para rehabilitar 13 travesías urbanas da cidade

Visita a la ampliación de aceras en la avenida de Zamora.
Visita a la ampliación de aceras en la avenida de Zamora. | Alan Pérez

A avenida de Zamora é obxecto estes días de diversos traballos de acondicionamento viario e peonil. O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado por técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, comprobou onte o avance destas actuacións nesta travesía urbana. A intervención busca dar solución aos problemas de conservación da vía e adaptar os espazos para garantir unha maior seguridade dos viandantes, especialmente nas beirarrúas.

No eido da accesibilidade peonil, o proxecto contempla a instalación de baldosas podotáctiles nos pasos de peóns e a reparación de puntos específicos mediante a substitución de plaquetas rotas e bordos deteriorados. Ademais de ampliar o espazo de beirarrúa na contorna dos pasos para incrementar a visibilidade, os operarios construirán un novo tramo de beirarrúa na marxe dereita da avenida, concretamente no treito situado entre a rúa Marie Curie e o paso peonil anterior á praza do Santo Cristo.

No que respecta ao tráfico rodado, a actuación integral sobre o firme arrincará cun fresado puntual e a súa reposición naquelas zonas que presentan un maior nivel de deterioro. Unha vez reparada a base, procederase a estender unha nova capa de rodadura mediante mestura bituminosa en quente ao longo de toda a vía. Os traballos nesta rúa concluirán co posterior repintado de toda a sinalización horizontal.

Esta intervención enmárcase nun plan máis amplo da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. O obxectivo é acondicionar un total de 13 travesías urbanas de titularidade autonómica na cidade. Ademais da avenida de Zamora, este paquete de actuacións inclúe melloras nas rúas Río Arnoia, Progreso, Emilia Pardo Bazán, un tramo de Velázquez, Bispo Lourenzo, Coruña, a parte autonómica de Pena Trevinca, Seminario, Sáenz Díez, avenida de Bos Aires, Isaac Piñeiro Varela, Pena do Vado e a avenida de Ponferrada.

Contenido patrocinado

stats