Montedapena, músico: "Conseguir que algo simple funcione sen ser mediocre é difícilísimo"
ENTREVISTA
Héctor Rodríguez, Montedapena, tocará hoxe ás 20,00 horas no Café & Pop Torgal.
Hector Rodríguez (Moaña, 2001), máis coñecido como Montedapena, tocará hoxe no Café & Pop Torgal ás 20,00 horas. Este é o proxecto en solitario do integrante de Lontreira, unha das agrupacións emerxentes máis destacadas dos últimos anos en Galicia.
Pregunta. Como xorde Montedapena?
Respuesta. Xorde un pouco por necesidade. En Lontreira decidimos tomalo con máis calma, non dar tantos bolos, e eu si que quería tocar moito máis. Ademais, tiña moita inquietude de facer algo propio. Eu son moi de pop, sempre busco iso, mesmo cando escoito outros estilos.
P. Que quere contar con este proxecto?
R. Quero dar altofalante a certas cousas que vivimos moitas persoas. Por exemplo, na canción “Eles son así”, que fala da homofobia. Temas que me parece importante canalizar a través de min.
P. Nalgúnhas letras do disco hai unha capa grande de existencialismo, como “Rutina sen fin” ou “Voltei caer na merda”
R. Cando escribín as cancións, si. Foi hai ano e medio e estaba nun momento máis así. Agora non, estou nunha etapa moito máis feliz. O disco ten negatividade, pero tamén luz. O proceso foi ese, comezar nun momento de agobio e ir vendo clarexar a vida a medida que pasaba o tempo.
P. O disco é accesible. Ás veces se intenta sacarlle á música demasiado significado? Non está ben tamén facer pop para bailar e xa está?
R. Creo que fai falta música así. Algo de sentimento ten que haber, pero non todo ten que ter mil capas nin tropecentos sentidos artísticos. Ás veces algo sinxelo que te levante e che dea un pouco de felicidade xa está ben.
P. Falando sobre iso, que opina do novo disco de Rosalía e desa gran profundidade que está a vender?
R. Está que flipas o disco. Pero igual que podes escoitar iso, podes escoitar música para ter de fondo mentres cociñas. A música sinxela é importante. Conseguir que algo simple funcione sen ser mediocre é difícilísimo.
P. Nos últimos anos están a triunfar moitas bandas que usan o galego. Hai unha linguaxe común?
R. Creo que temos cousas en común pola lingua, si, pero tamén hai moitas diferenzas. Moitas veces métese todo no mesmo saco só polo idioma, pero cada proxecto é súper distinto e moi orixinal. Hai grupos galegos que teñen máis en común con proxectos de fóra que entre si.
P. E en que punto está agora Lontreira?
R. Estamos facendo música, pero tanto Adri (Adriana Cores) coma min estamos centrados en proxectos por separado. Cando cadran as cousas facemos cousas de Lontreira. Cando teñamos algo sacarémolo.
P. Sorprende a baixada de ritmo, porque houbo un tempo no que estaban en todas partes.
R. Si, pero somos varias persoas e cando non se pode coordinar, non se pode. Desde fóra pode parecer un corte raro, pero desde dentro é o normal.
P. Como foi traballar con Ernie Records no disco? É un dos selos máis importantes en Galicia agora mesmo.
R. Incrible. Dende a primeira reunión foi perfecto. Construímos o proxecto desde cero, mesmo antes de ter nome. Axúdamme en todo: redes, ideas, comunicación… É un apoio enorme. Están moi organizados e é unha marabilla traballar con eles.
P. Cústalle facer esas cousas? O de fóra da música en si.
R. Si, son moitas cousas. Onte estaba dirixindo un videoclip, agora unha entrevista, pensar ideas para TikTok, o vestiario, o directo… Todo iso leva horas e ás veces faise bola. E nas entrevistas teño que mellorar, porque é o que peor levo, pero cada vez vou mellor.
P. Ao final, claro, antes un músico tocaba e xa. Agora hai que facer de todo.
R. Si, pero tamén me gusta porque me da cousas inmediatas. En TikTok gravo algo en horas, súboo e xa está. Non teño que esperar meses como cun videoclip ou un lanzamento.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
REDES SOCIALES QUE ENGANCHAN
Bruselas concluye que TikTok incumple la ley europea por su "diseño adictivo"