O OUFF comeza unha viaxe fantástica polos reinos de Tolkien

"A TERRA DO ANEL"

O festival inaugurou por todo o alto no Marcos Valcárcel a exposición “A Terra do Anel

En primeiro plano, unha figura de Gollum, emblemático personaxe de “El Señor de los Anillos”
En primeiro plano, unha figura de Gollum, emblemático personaxe de “El Señor de los Anillos” | Martiño Pinal

Non fixo falta camiñar ata Mordor. Onte abondou con achegarse ao Centro Cultural Marcos Valcárcel. Decenas de persoas agardaban no exterior, expectantes ante “A Terra do Anel. Unha viaxe entre reinos”, a exposición coa que o OUFF rende homenaxe aos 25 anos da estrea de “La comunidad del anillo”, dirixida por Peter Jackson e baseada nos libros de J. R. R. Tolkien.

A presentación quixo fuxir dunha inauguración convencional. Espadas en man, unha exhibición de esgrima histórica foi acompañada ao piano da inconfundible banda sonora que Howard Shore compuxo para a triloxía, nunha escena que atraeu as miradas de quen paseaba pola rúa.

Marcos Vázquez, director técnico do OUFF, abriu o acto evocando unha das reflexións máis coñecidas de Gandalf sobre que facer co tempo que nos é dado. Despois, o protagonismo pasou ás pezas: figuras a tamaño real, estatuas de calidade museo, armas oficiais da triloxía, dioramas e obxectos reunidos polo comisario e coleccionista Alberto Domingo. A selección está construída como unha viaxe, desde a Comarca ata Mordor, e forma parte dunha colección privada que Domingo comezou hai un cuarto de século, cando aínda estaba na universidade.

O director artístico do OUFF, Óscar Doviso, reivindicou a capacidade desta proposta para abrir o festival a públicos moi distintos. “O OUFF debe ser un punto de encontro para todos”, explicou sinalando entre os asistentes a presenza de nenos, adultos e maiores nun mesmo espazo. Por outra banda, Doviso lembrou que máis de 6.500 persoas pasaron pola exposición organizada o pasado ano no mesmo lugar e confía en que esta aposta volva funcionar grazas ao boca a boca.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, destacou que a intención é que o OUFF teña presenza máis alá dos días nos que se concentra o festival. “Un dos obxectivos era desestacionalizalo e conseguir que houbese actividades todo o ano”, sinalou.

Tras as intervencións, chegou o momento de descubrir o segredo que todo o mundo agardaba. Entre armaduras, espadas, orcos e reis, Ourense abriu as portas da Terra Media, que permanecerán abertas ata o 1 de novembro.

Contenido patrocinado

stats