DESDE O 10 ATA O 20 DE AGOSTO
Ourense eríxese desde hoxe como capital do folclore
DESDE O 10 ATA O 20 DE AGOSTO
A Deputación de Ourense volve converter a provincia desde hoxe e ata o 20 de agosto no epicentro mundial da cultura tradicional coa celebración da XLI edición das Xornadas de Folclore. Este festival internacional, plenamente consolidado como unha das actividades culturais máis importantes do verán ourensán.
Este evento cultural, que organiza a Deputación desde 1984, reunirá nesta edición a preto de 170 artistas integrados en seis agrupacións de prestixio internacional procedentes de catro continentes e que actuarán en 16 vilas da provincia.
O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, agradeceu o “gran traballo” que está a facer o Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo” para sacar adiante un proxecto desta envergadura que converte á provincia de Ourense “no epicentro folclórico de Galicia”.
Pola súa parte, o director artístico das Xornadas, Xulio Fernández, puxo en valor os 43 anos que leva en marcha este evento, no que en cada edición “tratamos de innovar e enriquecer os espectáculos”.
As formacións que encadran o cartel deste ano son: Armenia: Sebastia Dance Ensemble - Taron Aesthetic Center (30 artistas); Ecuador: Elenco Ñukanchik (28 artistas), México: Compañía Nacional de Danza Folklórica de Nieves Paniagua (31 artistas), Serbia: Folk Dance Group “Tucović” (35 artistas), Taiwán: YiTzy Folk Dance Theatre (29 artistas), e Ballet Jammu, de Senegal. Este último país substitúe á agrupación Kikwetu Afrika Music and Dance Group de Kenia, que non puido participar por problemas de última hora.
O festival recupera o seu máximo esplendor e extensión xeográfica, despois de que na súa traxectoria só se vise interrompido polas restricións da pandemia en 2020 e 2021, e tras celebrarse en formato reducido no ano 2025 debido aos graves incendios forestais que afectaron á provincia.
Un dos grandes obxectivos da Deputación a través deste evento é a democratización cultural e o equilibrio territorial, achegando espectáculos de primeiro nivel a todos os recunchos da provincia.
Grazas á súa calidade organizativa, o festival é desde 1999 socio de pleno dereito de CIOFF-España (Confederación Internacional de Organizadores de Festivales de Folclore, organismo dependente da UNESCO), o que garante a presenza de agrupacións de recoñecido prestixio mundial.
O festival organiza aos grupos participantes en dous equipos que alternarán as súas actuacións cada noite para ofrecer espectáculos simultáneos de aproximadamente 100 minutos en dúas vilas diferentes. As actuacións serán de carácter gratuíto e preferentemente ao aire libre, dirixidas a un público familiar de todas as idades.
As xornadas comezarán hoxe luns, ás 20.30 horas, no Teatro Principal de Ourense, coa tradicional cerimonia de inauguración, a través do tradicional desfile de bandeiras e coa actuación do grupo de baile Castro Floxo, da Escola provincial de Danza.
A partir de mañá, a comitiva percorrerá os concellos de Allariz, A Rúa, Bande, O Barco, O Carballiño, Castro Caldelas, Celanova, Entrimo, Maceda, Manzaneda, Ribadavia, Trives, Verín, Viana do Bolo e Xinzo de Limia.
Como datas sinaladas, o martes 18 de agosto a comitiva regresará á cidade de Ourense cun gran desfile desde o Parque de San Lázaro ata a Praza Maior, onde actuarán os seis grupos xuntos, unha cita monumental que se repetirá o mércores 19 de agosto no Auditorio do Castelo de Ribadavia antes da partida definitiva das delegacións o día 20.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último