Pablo Fernández Vila: "Hai moitos proxectos que non se instalan porque falta rede”

CAFÉ DE REDACCIÓN

El director xeral de enerxía analiza a situación da rede eléctrica galega, e as opcións de futuro que ofrece

Fernández Vila en los estudios de Telemiño.
Fernández Vila en los estudios de Telemiño. | Marcos Atrio

A aportación das enerxías renovables ó sistema eléctrico é unha realidade, e no futuro o seu protagonismo apunta a seguir medrando. Isto fai xurdir unha serie de interrogantes sobre as necesidades de mellorar e actualizar a rede de transporte e almacenamento enerxético, así como unha estructuración do seu crecemento. Para iso, a Xunta de Galicia comezará a traballar en 2026 no novo Plan Sectorial Eólico, que engloba algúns destes aspectos. Falamos de todos eles co director xeral de Planificación Enerxética da Xunta de Galicia, o ourensán Pablo Fernánez Vila.

Pregunta. Sete meses despois do gran apagón, como nos protexemos de cara a que se poida repetir ou non?

Respuesta. Eu creo que nese día e os seguintes aprendemos moitísimo sobre como se debe de xestionar unha crise, neste caso enerxética. Creo que se fixo un traballo entre todas as administracións moi ben coordinado, sumando todos para reverter a situación no menor tempo posible. Todo ten que ver con facer uns protocolos de como proceder ante situacións similares. Creo que, en caso de que houbera unha situación similar, a resposta sería igual ou incluso máis rápida.

R. Si que é certo que o que aprendemos é que non temos que poñer o foco nas enerxías renovables, senón na rede eléctrica. Nós xa advertiamos de que tiñamos que apostar por ela, facer un maior investimento nesa rede, porque é un servizo esencial para o funcionamento a día de hoxe. Estamos nun proceso de electrificación da economía, cada vez hai máis procesos do día a día que precisan de enerxía eléctrica, incluso no eido industrial. E por iso, apostar por unha rede eléctrica e un maior investimento nela é fundamental.

P. Hai quen comparou o estado da rede cunha estrada secundaria.

R. A rede de transporte debería ser unha estrada... coma as estradas principais. Nunha zona como o noso territorio, como a nosa comunidade autónoma, como Ourense, que ten unha importante dispersión poboacional, a rede de distribución é moi importante. Iso non o podemos negar. Pero de onde parte todo é da rede de transporte.

R. O que estamos a vivir a día de hoxe na nosa comunidade autónoma é que hai moitísimos proxectos industriais que non se poden implantar no noso territorio por falta de conexión a esta rede eléctrica. Na anterior planificación... Na actualmente vixente, que é a que ten un horizonte temporal ata o 2026, o montante total destinado á rede de transporte rondou ós 7.000 millóns de euros, dos cales se destinaron a Galicia unicamente 68 millóns. Menos dun 1%. A ninguén se lle escapa que a representatividade de Galicia en todo o territorio español é moi superior a ese 1%.

P. Outro aspecto é o almacenamento, no que toca unificar criterios

R. Está claro que agora mesmo o almacenamento enerxético está a xogar un papel fundamental. Nos últimos anos, ou incluso nos últimos meses, está entrando moitísima renovable no mix enerxético. De feito, pois o incremento no que levamos de ano 2025 da fotovoltaica nese mix é superior ao 13%. Iso está provocando que, tal como está configurado o sistema marxinalista a día de hoxe, haxa prezos enerxéticos de cero durante determinadas horas do día, que coinciden precisamente coas horas centrais, que é cando se produce esa xeración de enerxía por parte da fotovoltaica.

R. Pode ser un almacenamento a través de centrais de bombeo reversible, que en Galicia sabemos bastante dese tema, temos un potencial moi significativo sobre esta tecnoloxía; pero tamén a curto prazo por proxectos de baterías. E nese eido é moi importante pois que o ministerio estableza un marco normativo que sexa común a todos os territorios.

P. Que papel xogaría Ourense nese novo mapa da rede eléctrica?

R. Somos unha comunidade, e en concreto Ourense, que xera bastante enerxía. Pero tamén é certo que nós defendemos que debemos de achegar todo o que é o consumo á xeración. Débense establecer mecanismos, por exemplo a través do novo Plan Sectorial Eólico que nós estamos a tramitar, iniciar o seu desenvolvemento. Queremos, precisamente, favorecer aquelas zonas onde se xera a enerxía para posteriormente que aí se implante industria que xere verdadeira riqueza no territorio.

R. Como diciamos, para iso tamén é moi importante contar cuns nós, cunhas subestacións eléctricas acordes á realidade do terreo. E, nese sentido, unhas das principais achegas que faremos ao ministerio, ao Goberno central, van ser a importancia dos reforzos nalgunhas zonas onde se prevé pois a instalación de centrais de bombeo reversible, que enlazamos un pouco con, como dixemos antes, que teñen que xogar un papel fundamental neste proceso cara a unha transición dunha economía dixitalizada e descarbonizada.

P. Pero a Xunta apreciou lagoas nesa transición.

R. Faremos tres grandes alegacións. No mapa da rede eléctrica de transporte, agora mesmo, pódese apreciar como no centro da provincia de Lugo non hai ningunha subestación practicamente da rede de transporte. Iso está a limitar ou está a hipotecar o que é o desenvolvemento industrial da provincia.

R. Tamén nunha parte da provincia da Coruña hai un interese en desenvolver moitísimos proxectos industriais e non teñen a posibilidade de implantarse porque non teñen a posibilidade de consumir enerxía a través dunhas subestacións robustas e que poidan dar resposta a esas necesidades que teñen.

R. E o terceiro grupo de alegacións van ser tamén reforzar todas esas subestacións onde se pretenden implantar as centrais de bombeo reversible. E que moitas delas van estar aquí, en Ourense. O potencial hidráulico xa está moi desenvolvido, pero ben é certo que as centrais de bombeo reversible, como a futura que se prevé en Viana do Bolo, xa contan con encoros construídos e polo tanto non van ter unha afección ambiental significativa, e deberiamos de apostar por elas.

P. Hai outra liña de traballo que é o fomento de comunidades enerxéticas. Que tal está a funcionar?

R. Hai unha mensaxe que está en boca de todos: estase a reducir o consumo enerxético. Eu creo que iso non é así. Hai, é certo, unhas medidas de eficiencia enerxética que ao final reducen todo o que é o consumo. Pero tamén é certo que neses datos de consumo enerxético non se está a ter en conta toda a parte de autoconsumo.

R. Estamos nun cambio de paradigma. Agora hai unha dualidade: consumidor e xerador ao mesmo tempo. E unha das vantaxes máis evidentes do autoconsumo é que se democratiza a enerxía. E ademais é moi importante sinalar que a enerxía que se autoconsume non ten que pagar peaxes, que é unha parte moi importante da factura da luz. Precisamente, por ese motivo consideramos que o autoconsumo e as comunidades enerxéticas están funcionando moi ben, tanto a nivel eléctrico como térmico.

Pablo Fernandez Vila
Pablo Fernandez Vila | Marcos Atrio

P. Aumentar o volume de enerxía eólica con menos aeroxeradores. Como se fai?

R. Temos aproximadamente 4.020 megavatios de potencia instalada. En total uns 190 parques eólicos que xa están en funcionamento. Galicia estivo á vangarda no desenvolvemento, nun primeiro momento, da enerxía eólica terrestre. É certo que queremos tamén estalo nos próximos anos.

R. Nalgúns casos, pasaron 25 ou 30 anos dende que se implantaron os primeiros parques eólicos. A tecnoloxía evoluciona moitísimo. E claro, un parque que para unha capacidade instalada de 20 ou 30 megavatios precisaba, ao mellor, 40 ou 50 aeroxeradores, agora mesmo esa mesma potencia instalada conséguese con catro ou cinco aeroxeradores.

P. A palabra clave nese proceso é “repotenciación”. Que implica?

R. Consiste en, para unha mesma potencia instalada, substituír aqueles muíños antigos por uns novos en menor número. Por exemplo, antigamente os parques eólicos, os aeroxeradores, tiñan muíños de 500 quilovatios, que son e 0,5 megavatios. Os novos aeroxeradores son de, aproximadamente, 5 megavatios. Entón, practicamente por cada oito ou dez aeroxeradores antigos, dependendo do modelo, substitúese por un novo.

P. Todo iso terá que recollerse no Plan Sectorial Eólico. Cal é o horizonte en 2026?

R. Imos comezar os traballos xa nas próximas semanas. É certo que se require previamente un estudo, tanto de campo como a nivel documental. Dun xeito bastante inmediato, constituiranse varias mesas sectoriais. Participará o sector eólico, porque é moi importante esa colaboración público-privada, xa que as empresas teñen un coñecemento moi importante do territorio e das necesidades. Pero, ao mesmo tempo, tamén constituiremos unha mesa de diálogo social, porque consideramos que a cidadanía ten que facer as achegas que considere oportunas neste momento.

R. O que nós queremos é que este desenvolvemento da enerxía eólica se faga da mellor maneira posible para todos os galegos. Que a eólica, e tamén o resto das enerxías renovables, entren no noso mix enerxético, porque así a factura da luz pode ser o máis barata posible.

P. Precisamente, un dos problemas da implantación dos parques é a contestación social. Faltou pedagoxía?

R. Si, dende logo. Nós na Xunta de Galicia somos unha administración autocrítica, pero tamén lle pedimos o mesmo aos promotores. Sabemos que é moi importante reverter un pouco unha situación que, poderiamos dicir, está moi mediatizada e incluso politizada.

R. Non nos podemos enganar nese sentido. É certo que en moitas ocasións -estamos na era das fake news, e hai moita desinformación- non comprobamos as fontes, e hai moitas mensaxes que non son as máis adecuadas. Pero, en calquera caso, si que é moi importante que os promotores enerxéticos fagan pedagoxía, que informen dos seus proxectos, que se reúnan coa cidadanía… Non pode ser que a veciñanza teña coñecemento de que un proxecto enerxético se vai instalar onde eles viven a través dun diario oficial, ou da prensa.

R. É moi importante que estes axentes que queren desenvolver un proxecto baixen ó territorio, que expliquen e estean receptivos ás achegas que poida facer o veciño. Pero se a primeira mensaxe que lle chega é precisamente negativa, está claro que dende un primeiro momento vai mostrar unha oposición.

R. Queremos tamén pedirlle ós promotores uns compromisos adicionais. Do mesmo xeito que eles fan uso do noso recurso eólico, teñen que facer achegas e incluso comprometerse a facer investimentos no territorio, facer descontos na factura da luz a todos os veciños que estean no arredor, e outras moitas iniciativas que ao final eu creo que van facer que o día de mañá a enerxía eólica, ou calquera outra enerxía renovable, sexa ben recibida por calquera cidadán.

P. Outro dos escollos está nos tribunais. Algún avance co TSXG?

R. O tema do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia daría para moito. A Xunta de Galicia respecta as decisións xudiciais, non podería ser doutro xeito. Unha cousa é que as respecte, pero outra distinta é que as comparta. Levamos catro sentenzas do Tribunal Supremo e unha incluso do Tribunal de Xustiza da Unión Europea nas cales se lle dá a razón á forma de tramitar da Xunta de Galicia. E incluso hai moitísimos parques eólicos que se tramitan no Ministerio para a Transición Ecolóxica. A única diferenza é que a Xunta tramita aqueles que teñen unha potencia instalada de ata 50 megavatios e por riba desa potencia teñen que ir ao ministerio. Os organismos que teñen que emitir os informes sectoriais son exactamente os mesmos se tramita a administración autonómica que se tramita o Goberno estatal. E a forma de tramitar é completamente análoga.

R. O que ocorre é que cando unha autorización provén do ministerio, quen ten que axuizala, en caso de que se presente un recurso contencioso, é o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid. En cambio, se quen autoriza é a Xunta de Galicia, o fai ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. En casos análogos, o proceder do de Madrid está sendo completamente distinto do de Galicia.

R. Nós consideramos que a tramitación que está a facer a Xunta de Galicia é completamente garantista. Nos últimos dous anos o número de avaliacións ambientais negativas deste tipo de proxectos enerxéticos foi superior ao de avaliacións ambientais positivas. Non podemos entender como a todo aquilo que a Xunta de Galicia lle dá luz verde, pois o TSXG di que non é correcto.

P. Hai unha aspiración de que polo menos a metade da enerxía eólica xerada en Galicia se consuma no propio territorio

R. O que fixemos foi establecer unha moratoria respecto do actual plan sectorial. De tal xeito que, mentres non se desenvolve o novo plan, co actual unicamente se poden solicitar novos parques eólicos baixo un condicionante que consideramos moi positivo: que é que o 50% da enerxía vai ter que estar destinada a un consumidor galego. Pode ser un consumidor industrial ou incluso as familias a través da dunha comercializadora. A idea básica é que ese veciño que nun primeiro momento se opuña á instalación dun parque eólico cambie ese parecer.

Contenido patrocinado

stats