O Premio Otero Pedrayo para estudantes esquiva os colexios de Ourense

ANO OTERIANO

“Os camiños da vida” do IES Ribeira do Louro do Porriño logra o 1º premio Otero Pedrayo

Pazo de Trasalba, onde será a entrega de premios.
Pazo de Trasalba, onde será a entrega de premios.

A Fundación Otero Pedrayo ven de anunciar aos gañadores do Premio Otero Pedrayo para estudantes de ESO, ciclos e Bacharelato, correspondentes ao curso 2025-2026 e que coinciden coa celebración do Ano Oteriano. “Os camiños da vida” de Noa Rodríguez Muñoz e Sergio Lage, alumnos de 2º de Bacharelato do IES Ribeira do Louro do Porriño, foi elixido por unanimidade do xurado para accadar o primeiro premio. Destacaron a calidade da imaxe, a coidada edición e a excelente documentación que empregaron os estudantes.

O segundo lugar foi para “Un “meniño naipelo” no espello de 14 lugares: Ramón Otero Pedrayo e os seus veráns en Vigo (1895-1901)”. Valorouse nel o excelente traballo de documentación, a implicación dos estudantes na descuberta do Vigo que coñeceu Otero Pedrayo sendo neno e a redacción do texto. Os gañadores son un grupo de estudantes de PDC do IES Castelao de Vigo.

A maiores dos premios, o xurado acordou propoñer a publicación do traballo presentado baixo o lema “Alon”, de Juan Mosquera Magarños, alumno de 2º de Bacharelato do IES Xulián Magariños de Negreira, na revista Trasalba que publica cada ano a Fundación Otero Pedrayo.

O acto de entrega destes premios terá lugar o vindeiro 16 de marzo na Fundación Otero Pedrayo, en Trasalba.

Ano Oteriano

O Parlamento de Galicia aprobou este venres por unanimidade unha proposición non de lei, presentada polo PPdeG, para impulsar o Ano Oteriano. Ínstase así á Xunta a elaborar unha programación especial para o Ano Oteriano, con actividades culturais, educativas e divulgativas, para que o seu legado chegue ás novas xeracións, se promova nos centros educativos e universitarios e se difunda a súa obra.

Contenido patrocinado

stats