Robótica e costura reúnen a maiores e nenos en Parada de Sil
DOUS TALLERES
O salón de plenos de Parada de Sil acolleu dous talleres formativos e prácticos dirixidos a diferentes grupos de participantes
A Asociación de Nais e Pais (ANPA) Os Noviños, coa colaboración do Concello de Parada de Sil, organizou nos últimos meses dúas actividades formativas e de lecer que tiveron unha boa acollida entre os veciños da localidade.
Durante todos os sábados do mes de novembro, o salón de plenos do Concello, que habitualmente tamén funciona como espazo de usos múltiples ante a falta doutro local, acolleu un taller de costura. A actividade, organizada pola ANPA Os Noviños, coa súa presidenta, Leticia Rodríguez, á fronte, contou coa participación de 15 persoas.
Ao longo das sesións, os asistentes aprenderon a manexar máquinas de coser e realizaron diferentes traballos prácticos, como chaveiros, alfineteiros e neceseres, entre outras creacións. Unha experiencia da que os participantes quedaron moi satisfeitos, tanto polos coñecementos adquiridos como pola oportunidade de compartir un tempo de aprendizaxe.
Robótica
A estas actividades sumouse tamén un taller de robótica dirixido aos máis pequenos, que se desenvolveu durante dous fins de semana do mes de setembro da man de Galespace. Os 12 nenos participantes puideron achegarse ao mundo da robótica dunha maneira práctica e divertida, construíndo figuras en movemento, coches con motor e outros elementos, e descubrindo como funcionan os mecanismos, familiarizándose cunha actividade diferente e novidosa para eles.
Deste xeito, Parada de Sil contou con dúas propostas diferentes que combinaron aprendizaxe, creatividade e entretemento, ofrecendo tanto aos maiores como aos pequenos a oportunidade de descubrir novas habilidades e gozar de actividades compartidas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ANTIGUOS TRABAJOS
Purdeus revive la pisa de la castaña en la Ribeira Sacra
ACTIVIDADES DE OUTONO
O magosto e a micoloxía animan a fin de semana en Parada de Sil