A.D. Couto

OURENSE NO TEMPO

A.D. Couto 52 Foto Villar A Iglesias.
A.D. Couto 52 Foto Villar A Iglesias.

Levaba tempo sen poñer imaxes futboleiras, pero revisando fotografías en busca dalgunha que ilustre unha entrada do Seminario, entre as que me prestou o meu amigo Andrés Iglesias, atopei esta bonita estampa.

A marxe de poder verse o edificio do Seminario, só a falta de remates (faltábanlle fiestras na planta superior, o que permite datar a fotografía aproximadamente entre 1952 e 1953), temos en primeiro plano os aguerridos xogadores do A.D. Couto.

Varios detalles chámanme a atención e fanme pensar que este equipo se parecía máis ao Alcorcón que ao Real Madrid (e non vai con segundas). Se vos fixades na indumentaria, as camisetas non debían de ser suficientes para todos: un dos xogadores aparece a peito descuberto (iso si, tentando ocultarse detrás do grupo) e outro cunha camiseta diferente. No tema dos pantalóns, a escaseza era maior: podedes ver que se alternan as cores case por igual. Outro detalle moi significativo tédelo no centro da imaxe —dá a impresión de que se colocaron así á mantenta—: o cuarto de pé pola esquerda loce unha tirita na cella; ao seu lado, un compañeiro leva unha vendaxe a modo de cinta de pelo e o seguinte, por se as moscas, xa vai xogar con “casco” (boina).

Para rematar, fixádevos no que supoño que é o masaxista ou utilleiro (non o teño claro): a funda é de mecánico e as “pantuflas” que gasta, a pesar de ser un marabilloso invento que perdurou no tempo, non creo que desen bo resultado os días de choiva.

Bromas aparte, sirva esta foto como homenaxe ao amigo Andrés Iglesias e á súa dona, que nos deixaron xa hai un tempo. Bicos….

Contenido patrocinado

stats