PREVISIÓN DEL TIEMPO
Ourense afronta tormentas y bochorno antes del alivio
POLOS RÍOS E MONTAÑAS DE OURENSE
Nacemento
Serra do San Mamede (Vilar de Barrio)
Desembocadura
Río Miño (A Arnoia)
Lonxitude curso principal
88 qm.
Superficie de bacía
740 qm2
Concellos
Vilar de Barrio, Baños de Molgas, Xunqueira de Ambía, Allariz, A Merca, Celanova, Ramirás, Cartelle, Gomesende e A Arnoia.
Teño escrito moito deste río, do río Arnoia. Incluso cheguei a camiñalo a pé dende os nacentes na Serra do San Mamede ata a desembocadura no Miño, para contarlle a todo o mundo como era a vida e aconteceres deste curso fluvial nos primeiros anos deste século. Logo, anos despois, fixéronme o galano de me chamar para escribir os textos que acompañarían as magníficas fotos de Plácido L. Rodríguez, obra espectacular en gran formato da editorial Ir Indo que preside o amigo Bieito Ledo, fillo das terras de Xunqueira de Ambía que tamén rega este río.
Pero, por que este río?... Pois, en primeiro lugar, e descúlpenme este exceso de chauvinismo, porque este é o curso fluvial máis importante que pasa polo meu concello, e por iso en Celanova chamámoslle río “Grande”, para diferencialo do río Sorga ou “Pequeno” (mal chamado Ourille polas autoridades, pois, inda que naza naquel lugar, os pergameos de hai mil anos din claramente que se chamaba dende tempos inmemoriais rivulo Sorice). Alí, no río “grande”, cando só os ricos moi ricos tiñan piscina, ía toda a xente da miña bisbarra bañarse e mornear un pouco o lombo. Baixo a Pontegrande, e tamén no Muíño das Pitas, aprendín eu a nadar (un meu curmán guindoume dun penedo que estaba no medio do río sen avisar); e tamén aprendín de meu pai, naquel edén extraordinario de Pontefechas que cheira a fiúnchos, rosas silvestres e madreselvas, a pousar os mosquitos nas espléndidas correntes onde outrora choutaban as troitas bravas baixo un cantar continuo de pimpíns, estreliñas riscadas e picafollas.
Pero, sobre todo, este “meu río” vén agora ás páxinas do noso diario porque aínda conserva importantes valores naturais e paisaxísticos que o fan merecente da nosa atención. O Arnoia é hoxe un dos poucos ríos importantes de Galicia que non ten ningunha gran central hidroeléctrica; e, en consecuencia, ningún gran encoro que puidera alterar sensiblemente a súa dinámica fluvial; agás as catro minicentrais que aproveitan o seu caudal ao longo dos 88 quilómetros que ten o seu percorrido; unha lonxitude pola cal o noso río ocupa a 9ª posición no ranking de todos os ríos que sucan Galicia e a 4ª de todos os que son estritamente galegos (despois do Miño, o Tambre e o Ulla). Por esa importante razón en canto á naturalidade e tamén polos hábitats e especies presentes, o río Arnoia estaba incluído na proposta de ampliación da Rede Natura 2000 de Galicia (2009). Estamos a falar, sinaladamente, dos bosques aluviais que espallan paralelos á liña das augas e cuxas especies principais son os amieiros (Alnus glutinosa) e os freixos (Fraxinus excelsior), hábitat catalogado como prioritario ou de especial importancia (código 91E0*), xunto con outras especies acompañantes como os bidueiros (Betula pubescens celtiberica) e as abeleiras (Corylus avellana). E tamén a vexetación acuática de plantas mergulladas ou con follas flotantes como as oucas (ranúnculos) e varias especies do xénero Callitriche (hábitat 3260) que aparecen nos ríos de caudal variable. Formacións ás que debemos engadir, necesariamente, as escasas pero paradigmáticas testemuñas de bosque autóctono que aparecen no taxo impresionante da Peneda: as carballeiras termófilas galaicoportuguesas (fitoasociación Rusco aculeati-Quercetum roboris, subasociación Quercetosum suberis) que sobreviviron nos farallóns rochosos entre Gomesende, Cartelle e A Arnoia. Arboredos marxinais xunto coa súa cohorte de especies típicas destas zonas quentes e baixas como as sobreiras (Quercus suber), pradairos (Acer pseduplatanus) e cerdeiras bravas (Prunus avium); e cun sotobosque de especies tipicamente mediterráneas como os érbedos (Arbutos unedo) e os loureiros (Laurus nobilis). Por se isto fora pouco, atopamos aquí unha xoia forestal moi rara en Galicia: un pequeno rodal de acereiros (Prunus lusitanica) entrefebrado nestas masas mixtas, reliquia da laurisilva do Terciario.
O Arnoia é hoxe un dos poucos ríos importantes de Galicia que non ten ningunha gran central hidroeléctrica
En canto a fauna, contamos con algunhas especies interesantes que viven nos ríos ou próximas ás augas, como as londras (Lutra lutra), o lagarto das silveiras (Lacerta schreiberi) ou a salamántica rabilonga (Chioglossa lusitanica); e, sobre todo, outra das xoias da coroa da natureza galega: o sapoconcho ou galápago europeo (Emys orbicularis), unha das especies máis ameazadas e cuxas poboacións están hoxe en franca regresión. Esta famosa e esquiva tartaruga, catalogada como especie en perigo de extinción, atopa no río Arnoia un dos seus últimos redutos; razón de máis para preocuparnos pola saúde deste río que andamos a visitar.
E xa que tocamos este tema, gustaríame subliñar que os ríos son como un pequeno milagre inxerido no colo da natureza domesticada, onde admira e sorprende que nese angosto túnel vexetal poida desenvolver unha vida tan intensa e variada. Os ríos, esa estreita e tan particular e limitada franxa que vai cruzando montes, campos e os lugares nos que vivimos; apenas un palmo de terra e outro de auga se o comparamos coa superficie da cunca vertente (740 quilómetros cadrados a bacía do Arnoia) ou coas terras que cruza o río principal (10 concellos no noso caso) son ecosistemas abertos absolutamente dependentes das terras adxacentes, un medio en continuo cambio, onde a súa característica fundamental é a existencia dun fluxo continuado e unidireccional que traslada cara aos tramos inferiores todo o que cae ou se fabrica nos superiores; e, por esa razón, todo, absolutamente todo o que aconteza na súa contorna, acabará afectando, para ben ou para mal, ao río durante moitos quilómetros. Nesa singularidade reside precisamente a fraxilidade dos ecosistemas fluviais, tan versátiles e mudables; e por iso, polo alto grado de ameaza ao que están expostos e polos grandes servizos que prestan á humanidade, non se entende que miremos tan pouco por eles, que vivamos tan de costas a eles, e que moitos se atopen nun estado deficiente (tanto químico como ecolóxico) por causas que a maioría coñecemos; e que son, principalmente, e independentemente dos estragos que poidan causar algunhas industrias ou a subida das temperaturas polo quecemento global (véxase a alarmante situación actual do salmón atlántico), os vertidos domésticos procedentes dos innumerables núcleos de poboación e do enorme diseminado no que vivimos, e por suposto os xerados polas actividades agropecuarias con incorporación á extensa rede de ríos e regueiros que cruzan o país, ben por contaminación directa ou difusa, de augas fecais, xurros, fertilizantes, pesticidas e outras sustancias contaminantes. É realmente triste ver como, co paso dos anos, estes espectaculares ecosistemas, con paraxes que poderían ser un importante reclamo para o turismo rural, foron perdendo paseniño a gozosa vida que outrora acollían; aquelas troitas que antes se pescaban e cuxa ausencia é tan reveladora como indicadora da mala calidade das augas e da perda de biodiversidade no conxunto do ecosistema. Proba evidente desta degradación é o significativo descenso no número de licencias de pesca fluvial expedidas en Galicia e a falla de relevo xeracional na práctica da pesca deportiva; pois, no que vai de século, perdéronse preto da metade; pasando das case cen mil que había a fins do século pasado a menos de cincuenta mil na actualidade.
É realmente triste ver como estes espectaculares ecosistemas (...) foron perdendo paseniño a gozosa vida que outrora acollían
E agora centrémonos no noso río, no Arnoia, que nace onde lle corresponde a un río tan longo e de tanta sona: na alta montaña, ou sexa, na grande e maxestosa Serra do San Mamede, cuxa ermida situada na curupela acada os 1.619 m de altitude; naquel frontón ríspedo e arrizado de don Elixio Ribas, o sabio padre paúl que tanto botamos en falla e que tanto mirou por ela. E digo que o Arnoia ben pode gabarse de nacer como un gran río, entre cumios, resaltes e frontóns que superan os mil cincocentos metros de altitude; porque os seus veciños próximos, o Limia e o Támega, con ser tan determinantes para as súas máis que notables xeografías, teñen os seus nacentes apenas a un tiro de pedra do Arnoia; pero cando este xa abandonou definitivamente a alta montaña: nas terras medias da Alberguería de Laza, caso do Támega de Verín, e do Monte Talariño en Sarreaus, caso do Limia de Xinzo.
Naqueles nacentes, coa mole impoñente do San Mamede marcando o horizonte leste da Limia e da miña Terra de Celanova, acouga un dos lugares máis fermosos que coñezo: Rebordechao; terra agropecuaria que cheira a herba segada, a feo e a vacas, pousada felizmente no colo das montañas que se erguen, aparatosas, dende o Penedo da Lebre ata a Cadeira da Raíña. Por ese territorio vai o río moi entremetido, constrinxido polos contrafortes da serra ao seu paso por Prado camiño de Porto e Alemparte, que son todos do concello de Vilar de Barrio. E pasa en Prado que o río, que vén enfiado cara ao sur e a piques de bater nas fontes do Támega, dá un fenomenal bandazo e comeza a retorcese como unha cobra ao pasar por Riobó; como se quixera resistirse á chamada do Miño, aínda tan distante. Pois ben, polo visto a razón desta “anomalía” débese a que malia que o Arnoia debería xuntarse efectivamente co Támega seguindo a fractura pola que discorren os dous nos seus tramos altos, e marchar logo xuntos pola fosa de Verín-Chaves camiño de Portugal; o noso río remata por dirixirse cara ao oeste porque a súa cabeceira foi atrapada polo Miño hai uns oitocentos mil anos, por este grande e poderoso río como consecuencia dun proceso coñecido como erosión remontante con resultado de captura fluvial.
Despois de Arnuíde e a súa fermosa ponte oxival, vén outro mundo, unha extensa e luminosa chaira, cubeta enorme onde asoman, entre un mar de piñeiros, as torres dun dos santuarios máis celebrados en Galicia: os Milagres do Monte Medo. É a foxa ou depresión de Maceda, produto dun tempo antediluviano en que unhas terras soergueron e outras afundiron para crear ese extraordinario resalte que é a impresionante falla do Rodicio. Tempos recuados en que no Val do Medo foron acugulando areas e arxilas finas hoxe aproveitadas polos oleiros, depósitos que se crearon nun ambiente lacustre durante o Plioceno, hai uns cinco millóns de anos. Nos Baños de Molgas está o balneario, as termas, a ponte, a vía romana e as cousas antigas e fermosas que acompañan ao noso río. Aquí se xuntan as augas que veñen do norte pola canle do río Sor ou de Maceda, coas que veñen do leste recollendo as que baixan da falla do Rodicio e da gran serra pola canle do Tioira; e é tanto o caudal achegado que o Arnoia muda de novo bruscamente de rumbo, e, dando como en Prado outro xiro de noventa graos, diríxese, definitivamente, cara a poñente, ao encontro do seu pai, o Miño.
O río, logo dos baños, afonda na terra pero sen menoscabo nin demolición das terras en rodopío, morfoloxías que manteñen as formas equilibradas e suaves que configuran a meseta superior da cunca alta do Arnoia, esa planicie alombada que se desenvolve a un cota próxima aos 600 metros, e onde asentan todos os lugares da contorna. E así pasamos, a un tiro de pedra do río, por Santa Eufemia de Ambía, que nos remonta á época do bispo Rosendo de Celanova, un santo do século X que segundo don Elixio mandaba todo o que quería e máis polas terras todas do alto e do baixo Arnoia. E tamén por esa xoia románica que é a colexiata de Santa María A Real de Xunqueira de Ambía, mosteiro dúplice nos tempos bárbaros do medievo e logo dos cóengos regulares de San Agostiño.
Por Allariz e a evocadora ponte de Vilanova (o concello que un día decidiu mirar de fronte o río para coidalo e protexelo) cambia de novo o mundo; é unha paisaxe en outeiros (o nome de lugar máis frecuente en Galicia) que van rodeando o mundo íntimo do río; cerros e cuíñas que despuntan aquí e acolá. Agora o noso río xa é un río maduro, forte e caudaloso, capaz de abrir montes e deixar potentes sedimentos, nesa secuencia interminable de rápidos e remansos que caracteriza a dinámica fluvial. Esa é a razón pola que, a partir de aquí, alternen as veigas amplas e feraces onde se concentran os nutritivos depósitos, con profundas entalladuras por onde o río se abre paso a forza de roer a rocha do subsolo; casos como o da veiga de Barxa en Celanova e o espectacular desfiladeiro de Covas do Río e Ponte Ermida por onde vai a vella canle do Ruca de Valverde, lugar hoxe aproveitado para montar unha minicentral moderna. Estes son agora os novos escenarios que nos proporciona o tramo medio do Arnoia; paisaxes que nos acompañarán polas terras de A Merca, Celanova, Ramirás e Cartelle; un mundo de aldeas, pequerrechas e numerosas, despregando nun aparente caos pero sempre gardando unha distancia prudencial do río principal. Longo tramo onde se lle xuntan ao Arnoia outros dous importantes afluentes: o Sorga, que vén das terras altas de Verea, e o Tuño de Ramirás; doces morfoloxías que irán devagar ata a desembocadura do río das Ellas que vén pola marxe contraria cruzando o concello de Cartelle; momento en que o noso río será plenamente consciente da presenza do Miño.
O tramo medio pasa polas terras de A Merca, Celanova, Ramirás e Cartelle, un mundo de aldeas pequerrechas e numerosas
En efecto, a pouco de cruzar o Tuño (autor e construtor dese entrañable escenario que é o val de Ramirás, terra feraz onde todo cheira co arrecendo dos xardíns en flor e lugar onde un día viviron os meus antepasados), e logo do río das Ellas que vén de Sabucedo, o Arnoia, que transcorría paseniño e adurmiñado, como corresponde a un tramo tan avanzado do seu percorrido; afunde de repente e xa non deixará de furar, de revirarse e escavar ata que chegue nun último exabrupto á Arnoia, aló onde lle espera un doce final. Non é normal este estraño proceder; que un río xa canso, farto e vello, decida abismarse de repente polos barrancos e precipicios da Peneda, un lugar onde pasa cortando a rocha viva por unha angostura espectacular. E din os expertos nas cousas estas da xeoloxía, que a razón desas convulsións e estremecementos débese por un lado á oroxénese alpina do Cenozoico, cando bascularon as terras e se reactivaron as vellas fallas, e por outro ás oscilacións do nivel mariño durante o Plistoceno; de tal xeito que os ríos como o noso, ou o caso paradigmático do Sil na Ribeira Sacra, ao elevarse os bloques por onde ían e baixar o nivel de base do Miño no Atlántico, víronse na necesidade de reiniciar o ciclo erosivo para recuperar o seu perfil de equilibrio, fenómeno que se chama “antecedencia”; de furar montes e rachar penedos para acudir á chamada imperiosa do río principal, que agora viaxaba, logo deses paroxismos, varios centos de metros más abaixo.
E así chegamos por fin á Arnoia; en feminino, para diferenciar a terra do río que a fecunda. A ese paraíso acurrunchado no colo do Coto Novelle, no produtivo interfluvio que crean o Arnoia e o Miño no seu encontro emocionado. Así é Galicia, un país rachado e partillado, traballado minuciosamente polos dez mil ríos de Cunqueiro, cunha fisionomía en outeiros e suaves lombeiros que van devalando deica o fondo dos vales como as ondas no mar. A Arnoia é un mundo cálido e fragrante, que cheira a bagazo e augardente; espallando entre cepas altas, parras, unha selva de follas azul sulfato e millo, froiteiras, magnolias, glicinias e camelias. Por este último edén, coa lembranza fugaz das neves do San Mamede na memoria, dá os últimos pasos o noso río; entre altos freixos e mestos canavais, seguido de preto por unha descansada ruta fluvial. Aló no fondo, logo dun mar de bacelos, está o balneario de Caldaria, outra gloria para gozar desta Galicia intensa, recendente e marabillosa. Naquela paraxe solitaria e silenciosa, onde remata o río revestido da maxestade e solemnidade que lle confire a presenza do Miño, rematei eu gozoso a miña viaxe logo de cinco días inesquecibles; e alí quedei pasmado, mirando absorto, coa cara torrada polo sol, os músculos tensos e a mente en branco, as augas dun Miño oceánico; ata que o sol rasante comezou a lamber a liña de cumios que pechan e comprimen o val do pai de todos os ríos cara Santa María de Melón, e decidín marchar.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
PREVISIÓN DEL TIEMPO
Ourense afronta tormentas y bochorno antes del alivio
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este jueves, 9 de julio
BRECHA POR RENTA
Solo uno de cada diez hogares de Ourense tiene aire acondicionado
Lo último
VIAJAR ES UN PLACER
El turismo masivo ya afecta al 77% de los viajeros de negocios en España
Itxu Díaz
EL ÁLAMO
El turismo es una bendición para España
REORGANIZACIÓN DEL TRÁFICO
Viana do Bolo suma 200 plazas con dos nuevos aparcamientos