Galería | As serras noroccidentais, en fotos
POLOS RÍOS E MONTAÑAS DE OURENSE
Terras de lobos, chozos e cabaliños bravos na fronteira con Pontevedra
Ficha
Serras Noroccidentais
Altitude
1.154 m (no Faro de Avión)
Extensión
Superficie na provincia de Ourense: 8.058 hectáreas, (Testeiro 2.080 has, Suído 1.857 has, Faro de Avión 4.121 has)
Concellos
O Irixo, Boborás, Beariz, Avión, Carballeda de Avia e Melón
De moito tempo atrás vén a admiración e a atracción polos territorios montuosos que separan as provincias de Pontevedra e Ourense, e que se alzan, dende o Testeiro no norte ata o Faro de Avión no sur, pasando pola Serra do Cando e a do Suído logo dun xiro de noventa graos. Son cumios e altores finais moi montaraces e extensos, serras e montes onde baten violentamente as frontes oceánicas que veñen de poñente cargadas de auga; razón pola que este movido territorio se ten pola zona de maior pluviosidade de Galicia, superando pola banda de Pontevedra os 2.500 litros por metro cadrado.
Esta liña de cumes que comeza nos montes do Testeiro, límite entre os concellos de Lalín e O Irixo nunha cota próxima aos mil metros (o Alto do Uceiro está a 1.003 m) e que non abandonará nunca, progresa primeiro en dirección suroeste para internarse na Terra de Montes do concello de Forcarei e no ourensán de Beariz; xira logo da capela de Santo Domingo (parroquia de Xirazga) bruscamente en dirección sur deixando a un lado a Serra do Cando dos concellos pontevedreses de Cerdedo-Cotobade e A Lama, e continúa logo pola impoñente Serra do Suído, espectacular cordal orográfico que se proxecta longamente en dirección meridiana separando o concello de Avión dos pontevedreses de A Lama, Fornelos de Montes e Covelo. Finalmente, e logo de cruzar a divisoria de augas que separa o río Avia do Tea de Mondariz e onde instala a solitaria e evocadora ermida da Xestosa, chegamos ao Faro de Avión onde remata esta rolda orográfica, e onde atopamos o cumio de maior altitude de todo ela aos 1.154 m, preto do encontro dos concellos pontevedreses de O Covelo e A Caniza cos ourensáns de Avión, Carballeda de Avia e Melón.
Don Ramón Otero Pedrayo, a quen seguimos fielmente neste traballo, engarzaba todas estas serras coa da Martiñá que vimos o primeiro día, ao entender que Estas extensas y variadas comarcas obedecen a la atracción del Miño central y orensano, integrando una región determinada a la derecha por el anfiteatro de rotundos lomos y cumbres que desde el borde alto de la tierra de A Peroxa se alza en la sierra Martiñá, lomos de Dozón de los que se desglosa al mediodía la sierra Magdalena, el Testeiro, alto del Paraño y la sierras del Suído y del Faro de Avión hasta la de Fontefría, cuyas derivaciones llegan a estrechar el comienzo del sector inferior del Miño.
Toda esta área das serras ourensáns noroccidentais atópase incluída na Grande Área Paisaxística denominada “Galicia Central”; e, para achegarse a ela, para poupala e sentila como Deus manda, podemos coller a longa e revirada estrada que ven da cabeceira municipal en O Irixo, e sobe logo por san Pedro de Espiñeira ata a extrema leste dos montes do Testeiro para penetrar no concello de Lalín. É un camiño que nos reconforta e engruña a un tempo o corazón, ao sabérmonos que estamos no Camiño de Nós, aquel que fixeran cando todo era forza, paixón e sentimento, “os inadaptados” Vicente Risco, Otero Pedrayo, Vázquez Monxardín, Cuevillas, Lois Feixóo, Antón Sánchez e o relator Xavier Pardo; Camiño de Santiago hai agora, exactamente, cen anos. E tamén pode o viaxeiro entrar pola banda de poñente seguindo a estrada N-541 que vai a Pontevedra; primeiro polo alto do Paraño que separa augas vertentes as dúas espectaculares cubetas onde nace o río Viñao, afluente do Avia pola esquerda; e logo por O Regueiro de Boborás e A Ermida de Beariz para penetrar na Terra de Montes, deixando o Monte Costoia e a Serra do Cando a man esquerda. É aquí onde nace o río Deza, entre Arnelas e Candosa, ladeira de poñente dun Testeiro que se ve (como hoxe tantas outras serras ourensás) moi consumido polos lumes; para saír logo disparado cara ao norte ao encontro do Asneiro de Lalín e acadar moi lonxe as feraces e recendentes ribeiras do río Ulla.
E tamén pode o observador curioso entrar de fronte contra a Serra do Suído e a Serra do Cando dende Beariz por Doade; estrada que eu tomei tantas veces para ir á base de avións de carga en terra que ten a Xunta naquelas elevadas extremas; lugar onde, e nos colle por sorpresa, nace tamén o río Verdugo de Ponte Caldelas, Arcade, Ponte Sampaio e a ría de Vigo. Dende alí sae unha pequena estrada que vai coroando cara ao sur e a unha cota próxima aos 900 metros toda a dorsal polo pequeno lugar de A Hedreira de Santa María de Couso para rematar en Santiago de Amiudal, xa no concello de Avión; zona de contacto entre o grupo metamórfico dos xistos do Paraño e os granitos que veñen de Pontevedra e avanzan sobre o Ribeiro, litoloxías que xa foron obxecto da nosa atención a semana pasada; e que seguen, augas vertentes, practicamente o límite entre as dúas provincias, dende o recanto noroeste na Xirazga de Beariz e a Serra do Cando ata o cumio do Faro de Avión; unha zona, segundo Otero Pedrayo: “...do puxar das dúas formacións de rochas... da loita das lousas en feixes apertados e potentes da Serra do Suído e da paisaxe de Doade resistindo o empurre dos granitos ergueitos nos cornos da Corneira”.
Nesta mesma área onde están as fontes do Avia, bate de cheo contra o Suído a estrada que sae de Abelenda en dirección suroeste cara a Rodeiro, e que en apenas dous quilómetros en liña recta sobre cincocentos metros . Tan fortes desniveis que así se explica que no concello de Avión aparezan fantásticas cascadas, como a impresionante Fervenza da Feixa; cadoiros e ruxidoiras por onde se vén abaixo a montaña e se descolgan vertixinosamente, dende unha altura prodixiosa, as augas que se acumulan na vasta superficie superior do Suído; esa vella superficie de erosión que se comporta hidroloxicamente de xeito similar aos enormes relevos achanzados do Macizo Central e do Leboreiro: como unha xigantesca cubeta ou “plateau” que alimentará (nunha zona de tan alta pluviosidade) os nacentes de ríos galegos de moita sona. Costas e sufridas pendentes polas que, de ponte en ponte para salvar os innumerables regueiros que cruzan o territorio, avanzaban os vellos camiños dos arrieiros e das recuas de mulas que levaban esforzadamente, por estas escabrosidades e entre cabalos bravos e o ouvear de moitos lobos, o bo viño do Ribeiro a Pontevedra. Tempos de fame, frío e outras calamidades; e tamén de liberdades, de ceos cristalinos, de horizontes inmensos e un mundo de estrelas na infinita soidade dos chozos e dos cortellos onde se gardaba o gando e durmían os pastores que Xocas chamaba pegureiros.
Ben diferente é o mundo dun e doutro lado da serra, porque, se pola banda ourensá do Suído as aldeas seguen fielmente as profundas entalladuras polas que progresan os regueiros entre os dondos e voluptuosos lombeiros propios destas terras de xistos, caso dos ríos de Abelenda e de Couso e a súa cohorte de aldeíñas espalladas pola rede dendrítica de drenaxe típica destas litoloxías (nunca máis enriba dos 600 metros); a banda de Pontevedra que espalla cara a poñente é, pola contra, un mundo frío, alto e espido, unha extensa superficie de erosión sobre granitos que espalla no grave silencio do ermo por moitos quilómetros en rodopío, e que nunca baixa dos 800 metros. Só os dous barrios de A Hedreira (posiblemente unha antiga aldea de pastores), instalada nun pequeno interfluvio próximo aos cumiais da serra e rodeada dun fermoso cinto de bidueiros, acada pola banda de Ourense esa altitude. En A Hedreira anúnciase unha casa á venda, e o observador pregúntase quen quererá vivir aquí, tan arriba, nun lugar tan preto do ceo e tan lonxe do mundo; a non ser -pensa el-, que sexa un fillo desta terra levado de amor por ela, se é que aínda queda algún por aí fóra...
Finalmente, a única maneira de achegármonos dende Ourense á última das serras desta rolda orográfica, á do Faro de Avión, é polas pistas dos moitos parques eólicos que inzaron nos últimos anos neste territorio, e que van seguindo toda a dorsal de norte a sur, dende o Curro das Laceiras e a ermida da Xestosa ata o curro do Pedroso e a vila da Caniza. Unha viaxe espectacular por todos estes lombeiros nun tempo ateigados de bestas e numerosa fauna salvaxe, e que van separando, seguidiño, as bacías do Avia, do Tea e do Deva de Arbo e as lampreas. Ben merece a pena achegarse ata o cumio más elevado de todo este territorio que andamos a contemplar, e pasmar un intre no singular miradoiro do Castelo do Faro, xa en terras de Covelo pero apenas a trescentos metros do límite coa nosa provincia. Dende alí, dende o alto do Faro de Avión, baixa, precipitándose estrepitosamente entre cascadas, rápidos e estrondos, o río Cerves en dirección ao Miño; para formar a media ladeira e na cota dos 600 metros as espectaculares pozas de Melón.
Estas extensas y variadas comarcas obedecen a la atracción del Miño central y orensano, integrando una región determinada a la derecha por el anfiteatro de rotundos lomos y cumbres que desde el borde alto de la tierra de A Peroxa se alza en la sierra Martiñá, lomos de Dozón de los que se desglosa al mediodía la sierra Magdalena, el Testeiro, alto del Paraño y la sierras del Suído y del Faro de Avión hasta la de Fontefría, cuyas derivaciones llegan a estrechar el comienzo del sector inferior del Miño.
De todas estas serras a única que goza dalgún tipo de protección ambiental pola banda ourensán é O Testeiro, se ben integrada na ZEC (Zona de Especial Conservación) denominada “Serra do Candán”, conxunto orográfico que vén progresando dende o norte polos concellos pontevedreses de Silleda, Forcarei e Lalín. A parte ourensá desta área protexida ocupa 2.080 hectáreas do total das 10.700 has que ten a ZEC, pertencentes ás parroquias de Santa Cruz de Lebozán, San Pedro de O Regueiro, San Xoán de Froufe e San Pedro de Espiñeira, a primeira do concello de Beariz e as outras de O Irixo. Ademais, e con toda a razón polos indiscutidos valores ambientais que atesoura, a Serra do Suído estaba incluída na proposta de ampliación da Rede Natura galega que non chegou a materializarse; e onde o futuro LIC (Lugar de Interese Comunitario) abranguía toda a dita serra nunha superficie total de 12.622 hectáreas, dende a Serra do Cando no norte ata o río Tea no sur, penetrando lixeiramente pola banda leste na provincia de Ourense en terreos das parroquias de Santa María de Couso, Santa Mariña de Abelenda e Santa María de Nieva. Eran 1.857 hectáreas que espallaban polas espectaculares ladeiras de nacente do concello de Avión onde ten as fontes o Avia antes de encorar en Albarellos. Os hábitats de interese comunitario segundo a Directiva Hábitats 92/43/CEE máis importantes que podemos atopar nestes territorios de montaña son, dende logo, as chamadas turbeiras altas activas (código 7110) e os tremedais (código 7140), hábitats escasos e de moito valor, clasificados os primeiros como de interese prioritario pola Unión Europea, e que se atopan moi ben representados na Serra do Suído; tamén na braña de Xestedo da veciña Serra do Cando; e, en menor medida, no Faro de Avión. Estes ecosistemas complexos tan especiais, incluídos no Inventario Galego de Zonas Húmidas, teñen un enorme valor ambiental, pois as turbeiras, con presenza de especies raras ou moi escasas instaladas sobre solos ácidos en ambientas redutores faltos de osíxeno, ademais de regular o ciclo da auga ao actuar como freo fronte a asolagamentos e de subministro nas secas (axudando así ao sustento da gandería e da fauna silvestre que pace nestas extremas); son tamén un dos maiores reservorios de carbono do planeta, e por elo a súa preservación é vital nun intre de catástrofes ambientais e mudanzas climáticas como o que estamos a vivir. Hoxe en día estes hábitats excepcionais atópanse especialmente ameazados polos parques eólicos ao situarse nas zonas altas máis expostas das serras, estimándose que nos últimos cen anos se perderon preto das dúas terceiras partes das turbeiras europeas.
E tamén podemos atopar outros hábitats de especial interese como as uceiras, tanto de zonas húmidas como secas; caso dos denominados “queirogais húmidos atlánticos (código 4020)” con presenza de queirugas típicas destas zonas húmidas de solos ácidos mal drenados como a carroucha (Erica ciliaris) e o propio breixo de turbeira (Erica tetralix) que son un hábitat prioritario; ou os “queirogais secos europeos (código 4030)” con especies como a queiruga de cruz (Calluna vulgaris), os toxos (Ulex sp.) e as carqueixas (Pterospartum tridentatum). Ademais, son tamén hábitats de interese comunitario nestes espazos de montaña algúns tipos de prados sobre chans sempre húmidos onde medran varias especies de xuncos; as carballeiras galaico-portuguesas que xa vimos na Martiñá e onde tamén participan os rebolos ou cerquiños que espallan profusamente por toda a provincia de Ourense; e as áreas penedosas que asoman nos cumiais e nas pendentes rochosas pola aparición de especies pioneiras e colonizadoras moi interesantes.
Es frecuente que vengan a estos parajes los oficiales de las escuadras inglesas que visitan el puerto de Vigo. Un panorama que impresiona de tal suerte por su novedad, que de fijo se figura el viajero estar a muchas leguas de distancia del país que poco antes contempló, porque es imposible desligar el espíritu de las excitantes contemplaciones que nos ofrece la provocativa naturaleza.
Ademais da flora e das formacións vexetais mencionadas, todos estes montes eran en tempos moi celebrados pola abundancia de fauna silvestre, especialmente de especies de caza maior e menor que se movían incesantemente por riba das aldeas de montaña onde viven os últimos seres humanos. Un territorio aberto, con frecuencia fustrigado polos ventos e as frontes oceánicas que veñen do Atlántico e baten violentamente contra os lombeiros destas serras; e onde aínda quedan corzas e os seus cazadores os lobos, o gran depredador ao trote incansable polas toxeiras e brañas deste recanto montañoso que nos separa da provincia de Pontevedra e onde chove tanto, e do que dan boa testemuña da súa secular presenza os foxos que aquí aparecen. Son os grandes espazos incultos, ermos baleiros e silenciosos onde o único son que se escoita é o fungar do vento e agora o murmurio rouco dos avións que pasan sobre as nosas cabezas, e aos que os humanos, a dicir de Méndez Ferrín, témenlles dende a noite dos tempos, e nos cales, como o terrible emblema dun pasado salvaxe, corre o lobo ao que os galegos odian. E tamén haberá algunha que outra londra nas augas frías e prístinas dos regueiros que alimentan o Avia baixando do Suído. E, por suposto, e como acontece en tantas zonas rurais de Galicia, un fato de xabarís se porán en marcha ao empardecer para estragar as colleitas. E veremos algúns esquíos instalados nos escasos rodais de piñeiros silvestres que van aguantando o embate dos lumes ou á beira dos regatos para dar conta de piñas e abelás. Sobrevoan coa maxestade propia destas especies varias rapinas como miñatos, falcóns, azores e tartarañas cada vez máis raras en voo rasante sobre as toxeiras de toxos gateños (Ulex minor), leguminosas que tanto gorentan os cabaliños bravos (as greas de facos outrora tan abundantes), e paxariños de cantos vigorosos que nos aledan a vista, o ouvido e o espírito cando imos devagar por estes baldíos, como os chascos e as papuxas dos matos. E tamén escoitaremos o rechouchío de lavercas nas poulas soleadas, o chirlo de pequenos páridos nas pólas altas das carballeiras que van colonizando as terras abandonadas, o ulular de bufos e avelaionas se deixamos que nos cubra a noite, e toda unha sinfónica da natureza onde cada vez se escoita menos ao ser humano.
Don Vicente Risco recollía na Geografía del Reino de Galicia de 1928 as palabras de Cesáreo Ribera na súa Guía de Galicia de 1883 para referirse ao sombrío y majestuoso Faro de Avión, lugar onde rematan polo sur todas estas serras do occidente ourensán. Montes mal comunicados e afastados dos grandes centros habitados onde son muy abundantes los jabalíes, los corzos, el gato montés, la zorra, las perdices, las codornices y las chochas. A tal punto que es frecuente que vengan a estos parajes los oficiales de las escuadras inglesas que visitan el puerto de Vigo. Un panorama que impresiona de tal suerte por su novedad, que de fijo se figura el viajero estar a muchas leguas de distancia del país que poco antes contempló, porque es imposible desligar el espíritu de las excitantes contemplaciones que nos ofrece la provocativa naturaleza.
Contenido patrocinado