O camiño do caos á fealdade

O AFIADOR

Publicado: 17 may 2026 - 07:40
Lalo Pavón
Lalo Pavón | La Región

Hai tempo que o concello de Ourense deixou de ser un lugar con funcionamento normalizado, como si os responsables da sua administración e goberno se puxeran como marca corporativa o récord de xestión caótica nunca coñecido no máis vasto territorio imaxinado en milleiros leguas á redonda. Semella que poñen denodado empeño en superarse cada día nese obxectivo para que ninguén poida facerlle sombra nos anais. Descoñécese se o conseguirán pero non se poderá negar a entrega en tamaña empresa.

Os méritos contraídos son moitos e algúns de entidade. Por non ir máis lonxe, á Avenida de Portugal, onde se prometía algo así como un bulevar de última xeración, pero pasou nun abrir e pechar de ollos de ser unha das principais arterias da cidade de norte a sur, a corredoira de finais do século XIX ou principios do XX, sen que nada invite a pensar nunha recuperación nun prazo razonable de tempo.

Postos a soñar, se cadra un día chega alguén con máis sustancia nos miolos e decida retrotraer a desfeita ata a dignidade de outrora.

Na mesma liña, O Posío será en breve a visión máis prístina de escandalazo que arruinará o espazo de lecer que coñecemos outrora, rompendo con case dous séculos de orgullo cidadán e sinal de identidade, que se perderá (xa está) para sempre. Postos a soñar, se cadra un día chega alguén con máis sustancia nos miolos e decida retrotraer a desfeita ata a dignidade de outrora. Non sería doado, pois o dano causado é moito e profundo; rescatalo do arboricidio contumaz ao que está sendo sometido, esixirá anos de investimento e coidados para que o vexan as xeracións do futuro. (Que pensarían Prado ‘Lameiro’ ou Lamas Carvajal, dende os seus discretos observatorios sobre as vicisitudes sobrevidas no imparable devalar¡).

Hai moitos máis exemplos, con menor espectacularidade pero igual de ilustrativos, como substituir a cultura no seu sentido máis amplo por bachata e reguetón -de custo ignoto- en verbeas de barrios elixidos pola autoridade, suponse que en virtude dalgunha afinidade ou esperanza de retorno fururo. Aínda que se buscaramos o símbolo máis xenuino das chafalladas, sen dúbida sería para o rebaixe de beirarrúas no Progreso á altura do edificio Siméon (tamén noutro puntos e rúas) feito nas últimas semanas para facilitar o paso de xente con mobilidade reducida. Inútiles na práctica, son ao mesmo tempo imaxe de fealdade urbanística que leva a preguntarse quen firmou ese proxecto -se hai- e quen o levou a cabo, cunha estética que retrotrae, como mínimo, aos primeiros tempos de Pepe Gotera e Otilio. Fíxese, caro lector, e cualifique vostede mesmo, aínda que deberá admitir, como eu, que todo esto sucede sin contestación algunha ou testemuñal; ou sexa, igual non molesta tanto como imaxinamos.

Contenido patrocinado

stats