LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este miércoles, 13 de mayo
Altitude
Máxima 817 metros
Extensión
998 hectáreas
Concellos
Carballeda de Avia, Leiro e Avión
Poderíamos considerar a Serra da Pena Corneira como unha prolongación do Faro de Avión a través dunha serie de altos e cotos que roldan os mil metros de altitude e van seguindo o límite entre o concello de Avión e o de Carballeda de Avia, extrema onde se atopa o famoso curro de As Laceiras. A partir destes cotos inicia a progresión a nosa serra a xeito de arco ou cuadrante de círculo case perfecto cara ao nordés, partindo dos 817 metros (máxima altitude do espazo) ao norte do lugar de As Fermosas da parroquia de Vilar de Condes e concello de Carballeda de Avia, para acadar no final e logo dun mesurado descenso os cotos próximos aos 600 metros que separan as parroquias de Santa María de Lamas e San Xoán de Orega, xa no concello de Leiro. O espazo protexido esténdese así, e ademais das xa citadas, polas parroquias de Muimenta, Abelenda das Penas, Balde e Faramontaos do concello de Carballeda de Avia, e mais unha pequena superficie pertencente a Santa Baia de Barroso do concello de Avión. A súa superficie de case mil hectáreas (998 has) repártese a nivel de concellos entre Carballeda de Avia con 759 has, Leiro con 199 has e Avión con 40 has.
É este un territorio de transición, un espazo a medio camiño entre os montes que conforman a Dorsal Meridiana de Galicia da que falamos cando visitamos a Serra da Martiñá (e cuxos principais expoñentes orográficos son aquí a Serra do Suído e o Faro de Avión), e as fértiles e plácidas veigas por onde viaxa o río Avía, non lonxe do seu encontro co río Miño, terra de promisión e verxel que todos coñecemos como O Ribeiro do Avia. Toda a ladeira da serra que mira de fronte ao sol nacente, a cuberto das frontes oceánicas e dos ventos impetuosos que lle baten nas costas, presenta aos ollos do observador unha morfoloxía movida e contrastada, onde as fortes pendentes van descompoñéndose e evolucionando nunha secuencia case ininterrompida de outeiros asentados sobre antigas superficies que a modo de chanzos van baixando en dirección ao Ribeiro, e onde apenas quedan espazos habilitados para os asentamentos. Só nos relanzos ao pé dos outeiros, ou nas veigas e pequenos interfluvios que se forman ao paso dos regueiros, hai lugar para a ocupación humana. Ese é o caso da ampla plataforma superior situada a sopé da Serra de Pena Corneira onde instalan os lugares de San Xiao de Muimenta, Santo André de Abelenda, San Cosmede de Faramontaos e San Xiao de Orega. Polo demais, o relevo desenvolve nunha secuencia practicamente ininterrompida de outeiros que se van sucedendo na parte superior das pendentes; lugares onde abundan os chamados microrelevos pola débil resistencia que presentan os granitos desta zona ante o traballo dos regueiros, xerando así estas paisaxes tan movidas pero de formas suaves.
É pois, todo este territorio, drenado por unha infinidade de regueiros que parten cara ao Avia en dirección sueste, unha gran bocarribeira no senso de Otero Pedrayo; territorio intermedio ou de transición entre a ribeira (aquí o Ribeiro do Avia) e a montaña (a Serra de Pena Corneira), e que nada ten que ver coas terras que desenvolven pola outra banda, polas terras altas e ben drenadas do concello de Avión onde se recollen os nacentes do río omnipresente, do Avia. Estamos, ademais, nun territorio onde entra en contacto o batolito ou gran masa granítica da Serra de Pena Corneira co grupo de xistos e outras rochas metamórficas que veñen avanzando dende o Testeiro e o Paraño, razón dos fortes declives que aparecen aquí separando as dúas unidades litolóxicas. Chama dende logo poderosamente a atención que estas dúas vertentes, a dos xistos e a dos granitos, tan diferentes e situadas a unha e a outra banda da serra, pertenzan a unha mesma bacía; e só se explica este inusitado acontecemento xeográfico pola longa revolta que dá o río Avia ao abandonar o encoro de Albarellos camiño de Leiro, bordeando polo norte nun xiro total de cento oitenta graos o dito concello. É sen dúbida este importante río, o Avia de Albarellos, Leiro, Ponte San Clodio, A Quinza e San Cristovo, xunto cos seus humildes emisarios, o axente modelador de todo este territorio; un curso que se ve forzado a seguir a dirección norte-sur da rede principal de fracturas da rexión; a mesma que seguen o Arenteiro e os seus pequenos emisarios como o río de Oseira que vimos a semana pasada; a mesma que segue tamén, por exemplo, o río Támega que tamén visitaremos, consecuencia daqueles paroxismos xeolóxicos extraordinarios de hai douscentos millóns de anos, de cando se abriu o océano Atlántico no Mesozoico.
Pero agora, o que de verdade nos interesa é a litoloxía deste lugar tan especial: as enormes rochas graníticas hercínicas presentes na espectacular Serra de Pena Corneira, conformada por granitoides calcoalcalinos de tipo biotítico; unhas rochas que chaman granodioritas, e que ao ser menos resistentes que os granitos alcalinos de dúas micas que rodean o Ribeiro polos outros aires, facilitan a incisión fluvial e unha maior fragmentación, e, en consecuencia, a aparición desta típica morfoloxía en outeiros onde despuntan penedos xigantescos, e cuxo paradigma é precisamente a Pena Corneira. É pois, e así se recoñece longamente, a notoriedade destas inusitadas morfoloxías e a presenza destes grandes penedos o que chamou a atención dos especialistas nos campos da xeoloxía e da xeografía, e que hoxe contemplan admirados turistas e visitantes. Unhas formacións que destacan sen dúbida pola súa monumentalidade, grandiosidade, rareza e excepcionalidade, e das que hai máis de cen anos se facían eco os amantes das nosas paisaxes, caso de Cesáreo Ribera na súa “Guía de Galicia” de 1883, cuxo texto recolleu Vicente Risco no tomo de Ourense da “Geografía del Reino de Galicia” de 1928:
"De las montañas de Pena Corneira, cuyo agudo pico se distingue en los días claros desde la Sierra de San Mamed, a 70 kilómetros de distancia; encumbradas, ásperas, recubiertas de rocas apretadas y gigantescas, montañas de aspecto salvaje que se yerguen en el medio de un valle amenísimo, cuya apacible belleza produce una encantadora inarmonía con aquellas crestas abruptas e inaccesibles".
Estamos pois ante un impoñente batolito granítico que espalla por un territorio duns dezaoito quilómetros de longo por sete de ancho, onde as forzas desatadas da natureza, traballando sobre o magma primixenio que asomou á superficie hai máis de trescentos millóns de anos, labraron e tallaron estas formas caprichosas e sorprendentes; relevos que atraen poderosamente a nosa atención e que son o resultado da erosión diferencial actuando sobre as distintas litoloxías, sinaladamente o ataque físico-químico da auga de chuvia disolvendo o granito. Velaí a xénese destas paisaxes singulares que se presentan ante os nosos ollos a xeito de cristas, castelos, torres, alvéolos, corredores deprimidos ou caos de bolos que a gravidade axudou a espallar ao longo das pendentes, e onde as grandes rochas adquiren formas cónicas, columnares, redondeadas ou córneas, resultado do desmantelamento dos grandes relevos en forma de domos e cúpulas.
Estamos, en fin, ante todo un compendio do que a natureza é capaz de fabricar e construír para asombro dos diminutos e efémeros mortais que andamos ao seu pé; de nós, que observamos extasiados estes fabulosos e rechamantes penedos, unhas formas que as xentes do país bautizaron con nomes como A Campá, Os Forniños, O Lagarto ou A Bañeira do Demo.
Todos estes valores naturais animáronos, cando estabamos no goberno da Xunta de Galicia, a declarar a Serra de Pena Corneira como Monumento Natural (Decreto 264/2007), atendendo (segundo recollía a anterior Lei de Conservación da Natureza Galega 9/2001) a que:
"Terán a consideración de monumento natural aqueles espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial, así como as formacións xeolóxicas, os xacementos paleontolóxicos e demais elementos da xea que reúnan un interese especial pola singularidade ou importancia dos seus valores científicos, culturais e paisaxísticos".
De todos eles, se hai un penedo que en verdade reclame a atención do observador, ese é a Pena Corneira, o máis notorio e fachendoso; corno, matapiollos ou dedo de Deus que avisa, alerta ou amoesta, que así por alí algúns o teñen.
Pode achegarse o viaxeiro ao Monumento Natural dende o Ribeiro, deixando a estrada principal de Ribadavia ao Carballiño ben en San Cristovo, Beade ou Leiro; sempre subindo por ese plano inclinado polo que progresa o territorio; por costas esporentes entre outeiros cubertos de piñeiros e carballos onde abundan os érbedos e as mimosas glaucas; lugares onde escintilan os sábregos cristalinos e asoman os grandes penedos illados; terra sempre mimada e cobizada polos grandes señores e as poderosas ordes relixiosas e militares, recendos e exuberancias entre bacelos e adegas dun dos mellores caldos do mundo.
Sen embargo, é aló no alto, logo deses falsos chairos humanizados onde asentan os lugares citados anteriormente, cando sentimos de verdade as mudanzas na paisaxe. Chega a serra pequena, longa, curvada e áspera, espida polas chuvieiras e os lumes famélicos que con tanta frecuencia visitan estes lombeiros; e chega de súpeto, sementada de inmensos bolos luídos, ciscados polas ladeiras coma canecas de xogar os xigantes da antigüidade. De todos eles, se hai un penedo que en verdade reclame a atención do observador, ese é a Pena Corneira, o máis notorio e fachendoso; corno, matapiollos ou dedo de Deus que avisa, alerta ou amoesta, que así por alí algúns o teñen. Un penedo espectacular de máis de vinte metros de altura que a xeito de corno pétreo coroa un modesto outeiro aos 674 metros de altitude, non lonxe do encontro do concello de Carballeda de Avia co de Leiro.
A Pena Corneira marca o punto de encontro de vellos límites territoriais. Será un fito da antigüidade?... Un cruceiro natural de camiños prehistóricos onde arrexuntar os sabios, os vellos, para falar dos deuses, das guerras, das enfermidades?...
A Pena Corneira é, sen dúbida, a xoia da coroa deste valioso patrimonio natural; do Monumento Natural máis grande de Galicia. Protuberancia ou asomo de unicornio coroando a serra áspera. Un penedo de impoñente presenza, como o corno dunha corza ou dunha cabra brevemente inclinado na testa do cotarelo, sentinela inmutable visible en todo o Ribeiro e en moitas outras terras a unha gran distancia. Dende estas alturas vemos todo en rodopío un mundo abraiante ateigado de penedos fabulosos que nos deixan estupefactos, pois superan en formas e tamaños a normal comprensión da natureza a escala humana. E sentimos, como en poucos lugares de Galicia, a potencia e o poder das forzas subterráneas que ergueron hai millóns de anos o plutón intrusivo escondido no corazón da montaña. E escoitamos o balbordo de milleiros de treboadas e dun diluvio universal que caeu moito antes de aparecer nós neste planeta, hai dous millóns de anos; porque só así se pode entender o enorme poder do cicel cósmico.
A Pena Corneira marca o punto de encontro de vellos límites territoriais. Será un fito da antigüidade?... Un cruceiro natural de camiños prehistóricos onde arrexuntar os sabios, os vellos, para falar dos deuses, das guerras, das enfermidades?... Porque, ademais, naquela humilde portela que dá paso ao berce do Avia e do que falaremos a semana próxima, contan que había unha citania castrexa onde apareceron puñais de antenas, e un castelo que foi cativerio do emperador Afonso VII, dos tempos espantados dos irmandiños, dona Urraca, Xelmírez e o conde Arias. Cando un vai alí, pé da pena e arrodeado da escura e trabada carballeira, aínda o corazón fica nun puño, por entre ciclópeas penedías, fontes santas que agroman das entrañas e asoman en pías que foron sepulcro de infantes, e o mundo que nos rodea impón un severo silencio.
Hai pola banda do concello de Leiro un fermoso miradoiro ao que se pode acceder dende a evocadora igrexa románica de Santa María de Lamas, subindo por un suxestivo sendeiro con escaleiras e pasarelas de madeira logo da área recreativa. Ben merece a pena observar dende alí as terras que se alongan na distancia, pé da Pena Corneira e dende o modesto outeiro: néboas divagando como veos translúcidos cubrindo as terras quentes do Ribeiro; o Coto Novelle coma un facho ergueito marcando o fin do Arnoia e as terras do concello homónimo; o Miño cimbrando pola ancha e feraz valgada que vén da cidade de Ourense; lombeiros suaves devalando cara aos vales en liñas horizontais cada vez máis distantes; mesmo as serras grandes achantan co peso da distancia: o San Mamede, o Larouco, o Xurés... vagas lembranzas finais das súas prominencias.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este miércoles, 13 de mayo
PODCAST Y VÍDEO
El primer café | Martes, 12 de mayo
Lo último
36,6% CAMBIARÍAN DE EMPRESA
El 75,6% de los españoles está insatisfecho con su salario
REAL DECRETO-LEY
Luz verde a un copago más progresivo de las medicinas
Jenaro Castro
MORRIÑA.COM
El desembarco de Simón