A Limia, a lagoa de Antela e o río do Esquecemento.
A Limia, a lagoa de Antela e o río do Esquecemento. | La Región

A Limia, a lagoa de Antela e o río do Esquecemento

POLOS RÍOS E MONTAÑAS DE OURENSE

Don Ramón Otero Pedrayo dicía que A Limia era unha “terra verde, nebulosa e fría; de carballeiras e augas mortas, dominio dos ocres e os rubios do outono de montaña e do ouro grave dos centeos”.

O país que vemos en nada se parece á Galicia salpicada de outeiros e cortada por un milleiro de regueiros; porque o que o viaxeiro enxerga agora é unha chaira inmensa inesperada, unha planicie onde o vento funga cunha inesperada fogosidade. Planicie ou estepa colmada de areas que foron decantando no corazón cristalino de Galicia. Este país foi nun tempo berce dunha das lagoas máis grandes da península, un ovoide con preto de seis quilómetros de diámetro e máis de tres mil hectáreas de superficie no inverno; ben diferente a visión que espalla agora da que reside na memoria.

Estamos na Zona de Especial Protección de Aves da Limia (ZEPA), declarada por decreto da Xunta de Galicia do 12 de novembro do 2009, un espazo considerado un ecosistema agrario pseudoestepario onde varias especies clasificadas como vulnerables ou en perigo de extinción teñen a súa zona de reprodución; casos como o sisón ou pato dos nabos (Tetrax tetrax), o pernileiro ou alcaraván (Burhinus oedicnemus), a tartaraña cinsenta (Circus pygargus) e a calandriña común (Calandrella brachydactila); e outras propias de espazos abertos como a laverca (Alauda arvensis), a cotovía cristada (Galerida cristata), a pica campestre (Anthus campestris) e o chincharraíz (Miliaria calandra). En total 6.939 hectáreas de zona protexida pertencentes aos concellos de Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía; un paraíso para a avifauna onde están inventariadas preto de 150 especies diferentes.

 A Limia dende a Torre da Pena.
A Limia dende a Torre da Pena. | Xosé Benito Reza

As formas

Don Ramón Otero Pedrayo dicía que A Limia era unha “terra verde, nebulosa e fría; de carballeiras e augas mortas, dominio dos ocres e os rubios do outono de montaña e do ouro grave dos centeos”. E asimilaba as vinte e cinco mil hectáreas chairas da comarca a un trevo; a un trifolium ou “gran folla de tres lóbulos”, di el. De tal xeito que o pedúnculo sería o río Limia; logo un primeiro folíolo apegado ao río e o máis pequeno que Otero chama “de Ganade”, e que empraza no encontro dos concellos de Rairiz de Veiga e Vilar de Santos cos de Porqueira e Xinzo; un segundo, o central e con diferencia o máis grande situado ao nordés e onde outrora asentaba a lagoa de Antela, corazón da terra limiá; e, por último, un terceiro folíolo ou lóbulo orientado ao sueste formado polas terras chairegas do concello de Trasmiras e que don Ramón denomina “de Ababides”. Todo en rodopío deste fantástico anfiteatro erguen serras e cotos que pechan o berce do Limia e o que un día foi o lago Beón: os montes de Allariz e os cotarelos graníticos de Xunqueira de Ambía; a Serra do San Mamede e os montes laminados en xistos do reborde occidental do gran Macizo Central; o conxunto estreito e alongado de cotos que a xeito de cordón umbilical cruzan a terra alta das Estivadas, paso entre as montañas e divisoria de augas co Támega, para deseguido unirse ao Larouco sede dun deus protohistórico do mesmo nome; e, finalmente, os rebordes erosionados das penechairas de Os Blancos e Calvos de Randín que se descolgan sobre A Limia polas terras do mosteiro de Ribeira e A Forxa, creando fermosas freixas como a fervenza do Fírberda. Ata chegar ao desaugue natural da lagoa, gorxa por onde marcha o río cando xa aparecen no horizontes as formas graves do Monte Grande de Bande e os seus derrames por Congostro e Carpazás. Todas estas serras e montes arrodean o que os expertos denominan unha “depresión morfotectónica semiendorreica”; cubeta onde foron decantando as terras arrincadas ás serras adxacentes durante o Terciario e o Cuaternario, e que pode chegar a unha profundidade de douscentos metros. Son eses sedimentos, e a natural incapacidade do territorio para drenar e liberar as augas, fundamentalmente pluviais, a razón da lagoa dende tempos inmemoriais, e tamén da extraordinaria e valiosísima biodiversidade que nesta paraxe excepcional, conformada polo anfiteatro de montañas e o fondo chairo da depresión, alí se acubillaba.

Mapas A Limia.
Mapas A Limia. | Xosé Benito Reza

Paseando

Podemos dar un paseo principiando polo norte, e tirar logo cara embaixo, deica a bocana final na Feira da Ponte ou Ponte Liñares. Por aquela banda setentrional, no medio da chaira extensión e ao pé da vella verea que de Cortegada de Sarreaus levaba ata Xunqueira de Ambía, instala, fachendoso e altivo, un fito da nosa máis remota antigüidade: a Pedra Alta, unha das pedras fitas ou “menhires” máis singulares de Galicia, emprazada no encontro dos concellos de Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio e Sarreaus. Dende ela descubrimos a sobriedade e a serena quietude que impera nestas paisaxes espidas, e que, ata o ano 1964 en que remataron as operacións, acollía a inmensa lagoa. Un enorme espello de prata relando a luz do sol onde se escoitaba o abouxar dunha exuberante vida silvestre no corazón máis húmido de Galicia. Hoxe, de toda aquela magnificencia, non queda nada; só o fungar do vento cruzando a terra esteparia, e que nos fala na orella daqueles tempos en que abundaban os gansos, zarapicos, galiñolas, avetouros e incluso cisnes; tantas aves que ao dicir dos máis vellos anubraban o sol. E queda tamén, cando contemplamos aqueles campos inmensos de pan levar, entre a poeira que levantan os tractores, unha nostalxia que esturruxa a alma.

Todas estas serras e montes arrodean o que os expertos denominan unha “depresión morfotectónica semiendorreica”; cubeta onde foron decantando as terras arrincadas ás serras adxacentes durante o Terciario e o Cuaternario

Logo de cruzar a estrada nacional entramos na zona industrial das areeiras. Despuntan no horizonte os perfís metálicos da maquinaria, e hai un continuo ir e vir de camións trasfegando a cobizada area. Nas recuadas charcas que van xurdindo co avance das explotacións, ben na lámina libre da auga ou acantonadas entre os xuncos, espadanas e canavais, viven aves tan interesantes como os mergullóns cristados e comúns (Podiceps cristatus e Tachybaptus ruficollis), a galguiñeira común (Botaurus minutus), a garza real (Ardea cinerea), a cerceta (Anas crecca), o parrulo cristado (Aythya fuligula), moitos lavancos (Anas platyrhynchos) e os corvos mariños foráneos (Phalacrocorax carbo). Con todos eles, dispondo de tempo abondo e bo material óptico na estación propicia, pasará o amante da natureza unha xornada inesquecible polos observatorios e a ruta das areeiras do concello de Sandiás.

A Torre da Pena (Xinzo).
A Torre da Pena (Xinzo). | Xosé Benito Reza

Deixamos este concello e cruzamos o de Vilar de Santos para achegarnos ao de Rairiz de Veiga onde a canle principal da lagoa se xunta co río. Un Limia somnolento que vén de Xinzo, das veigas de Trasmiras e dos modestos outeiros de Sarreaus onde abrochan as augas primeiras. Agora, neste punto do percorrido, xa teñen as augas máis cara de río; é un paseo agradecido onde iremos descubrimos a vida silvestre que vive apegada ás ribeiras ou asomado das augas, como as cabazas (Nymphaea alba e Nuphar lutea), a xonza negra e branca (Carex e Cyperus sp.), as chantaxes das augas (Baldellia ranunculoides), e máis espadanas (Typha latifolia), xuncos (Juncus sp.), platanarias (Sparganium erectum) e bións (Scirpus lacustris), especie, esta última, aproveitada polos ribeiregos da lagoa dende tempos inmemoriais; e tamén outras que viven nestas chans areentas, como a galda (Reseda luteola), que se empregaba para tinguir de amarelo; e, sobre todo, o cardiño da lagoa (Eryngium viviparum), unha especie en perigo de extinción que ten aquí as mellores poboacións de toda Europa. Vénse tamén, asomando entre a vexetación boiante ou emerxente, especies típicas da avifauna acuática como galiñolas (Gallinula chloropus) e galos de auga (Fulica atra), e por veces sobresáltanos o estrondo dun bando de lavancos remontando o voo moi preto de nós.

As Veigas

A veiga da Saínza.
A veiga da Saínza. | Xosé Benito Reza

Así chegamos á zona da Limia máis auténtica, ás veigas da Saínza, Ordes e Congostro; terras de asolagamento que cumpren hoxe igual que hai centos de anos o seu ciclo natural de seca e asolagamento; que viven nun frenesí continuo en resposta ás mudables condicións climáticas. Esa é a razón da enorme importancia destes ecosistemas, onde cohabitan especies adaptadas a tan cambiantes e mutables ritmos; nunha comarca cuxo clima se define como “mediterráneo subhúmido de tendencia atlántica“ ou “mediterráneo temperado fresco”; con calor, estiaxe e sequidade nos estíos e xeadas nos brumosos invernos. As veigas, emprazadas na área onde desemboca o río Bidueiro, ocupan unha banda intermedia entre a canle do río e as leiras arboradas; unha franxa aparentemente núa que cando non está asolagada loce pastos dun verde esmeraldino que aproveita o gando doméstico, ecotono ou fronteira entre o río e as agras lamacentas sucadas de camiños evocadores dun enorme valor ecolóxico. Entre a grama, entre as rosiñas e trevos, na xesta branca e negra ou nos codesos, nas pozas e nas canles naturais que van zarrapicando o territorio; nas silvas, nichas, lirios amarelos e queirugas das brañas; no bosque mesto de carballos, vidos e sanguiños, vive un número inxente de persoeiros silvestres. Andan pé das augas, aloumiñando as humidades terreiras, ras, salamántigas, cobras e lagartixas; e polo verde pasteiro ollamos o andar mesurado das cegoñas, garzas reais que levantan o voo e cruzan a canle cara ás terras de Porqueira co pescozo revirado, garzas boieiras (Bubulcus ibis) procurando entre o gando, arceúchas (Gallinago gallinago) e avefrías ou choromicas (Vanellus vanellus) que están en perigo de extinción, algunha arcea (Scolopax rusticola) á captura das abondosas miñocas, e biluricos (Tringa sp.); e campan por aquí e acolá con voo maxestoso os buxatos (Buteo buteo) e os miñatos negros (Milvus migrans) que, xunto coas tartarañas andan a escrutar os rasos.

Foto antiga da lagoa de Antela.
Foto antiga da lagoa de Antela. | Xosé Benito Reza

Na distancia próxima están as leiras e os labradíos cinguidos de valiosísimas sebes que serven de refuxio e corredor ecolóxico para unha morea de seres silvestres. Un mundo antigo humanizado, polo que marchan en ringleira os carballos e asoman os brillos misteriosos dos acivros, a maraña de trabadas silveiras, as follas coma moedas douradas dos salgueiros outonizos, e os cortizos anacarados dos bidueiros coa póla fina da cor do viño. Alá enriba, ao alzar a vista, vemos os niños das cegoñas da cabalo dos carballos vellos decotados. Saímos das veigas para rematar a viaxe no desaugue natural de Antela, nese lugar con ponte, capela, cruceiro, peto, campo da feira e restos da vía romana chamado Ponte Liñares. Aquí remata a Limia e comeza outra terra moi diferente; porque o Limia xa colle cara de río. Erguen as terras, asoman as ladeiras, veñen vales esporentes onde afloran os granitos e o río vaise por unha gorxa estreita camiño de Portugal. Finalmente, unha recomendación: antes de ver a zona debería o visitante pasarse polo Centro de Interpretación da Lagoa de Antela en Sandiás, onde o responsable de cultura dese concello desenvolve un máis que meritorio labor.

E, como estamos na Limia, visitando esta importante Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) da Rede Natura 2000, gustaríame subliñar o bochorno que tiveron que sufrir bastantes persoas e mandatarios destes concellos ao ver como, logo de dous anos de proclamas, consignas, pancartas e manifestacións percorrendo as rúas e milleiros de folletos e pegatinas “anti-ZEPA”

Degradación

Toda esa vida da que falo vese hoxe diminuída se a comparo, por exemplo, coa que había cando puxemos en marcha o proxecto de recuperación das areeiras da Limia aló polos mediados dos anos noventa. E xa non digamos coa que debería haber en tempos da lagoa e antes de que se arrasara boa parte do arborado e das sebes vexetais que protexían os cultivos. Supoño que hoxe apenas quedarán sisóns e pernileiros; e, polo que me din, tamén deben ser contadas as avefrías, tan fermosas e elegantes. Daquela, vai xa para trinta anos, andabamos moi ilusionados coa idea de recuperar as charcas resultantes da extracción de áridos e que ían quedando abandonadas conforme avanzaban as explotacións; pois eu vira un proxecto precioso de recuperación dunhas antigas areeiras na chaira aluvial do río Mosela que agora eran unha importante reserva ornitolóxica, e onde os alemáns fixeran unha estación científica de anelamento de aves para estudar a migración destes infatigables viaxeiros. Retiramos lixo, suavizamos noiros, puxemos illas artificiais no medio das charcas, plantamos vexetación acuática e incluso fixemos un pequeno viveiro coa nosa brigada nunha das charcas naturalizadas; e pouco máis... porque non conseguimos o apoio necesario dos responsables de Industria e dos empresarios para aquel proxecto pioneiro. Ogallá a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), que traballou na veiga de Gomareite e anda agora tamén nas areeiras, teña máis sorte. De feito, e logo de tantos anos, a Xunta de Galicia remata de aprobar hai apenas uns días o proxecto sectorial das areeiras para os concellos de Sandiás e Vilar de Santos, regulando así a actividade industrial nunha superficie de preto de 300 hectáreas; e onde se contempla a posible cesión das charcas á Xunta de Galicia, aos concellos ou a outras entidades e asociacións na modalidade de custodia do territorio, como ben podería ser a dita SGHN; abríndose así un camiño de esperanza para un proxecto que pode ser certamente apaixonante.

 A canle principal coas florciñas brancas dos ranúnculus e as xestas.
A canle principal coas florciñas brancas dos ranúnculus e as xestas. | Xosé Varela

E, como estamos na Limia, visitando esta importante Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA) da Rede Natura 2000, gustaríame subliñar o bochorno que tiveron que sufrir bastantes persoas e mandatarios destes concellos ao ver como, logo de dous anos de proclamas, consignas, pancartas e manifestacións percorrendo as rúas e milleiros de folletos e pegatinas “anti-ZEPA”, tan só seis meses despois da chegada do novo goberno á Xunta de Galicia o ano 2009 aprobábase a tan deostada ZEPA rodeada dun atronador silencio. Cousas que poden pasar cando se utilizan perversamente as políticas medioambientais.

 Centro de Interpretación da Lagoa de Antela.
Centro de Interpretación da Lagoa de Antela. | Xosé Benito Reza

Pero, sobre todo, polo que nos podemos laiar longamente é pola degradación que sufre a comarca dende o punto de vista ambiental como resultado das explotacións agropecuarias que se levan instalado neste territorio dende hai tantos anos e sen apenas control por parte das administracións responsables. De tal xeito que, segundo afirman os expertos, a comarca superou hai moito a capacidade de carga para asumir os centos de miles de toneladas de residuos gandeiros que se xeran todos os anos, de miles de cisternas de xurros cos que se regan acotío estas terras. De feito, calcúlase que os vertidos procedentes destes centos de granxas intensivas equivalen a unha poboación de máis dun millón e medio de persoas, cando a xente que vive na Limia non chega ás vinte mil. E os técnicos da Confederación Hidrográfica aseguran que é xa practicamente imposible abrir un pozo de auga potable pois os acuíferos están na súa meirande parte contaminados por nitratos. Así as cousas, o Tribunal Supremo remata de confirmar unha sentenza pioneira e que sen dúbida vai crear xurisprudencia por denuncia interposta polos veciños do lugar de As Conchas (Lobeira), e pola que se condena á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil pola súa inacción e pasividade fronte ao deterioro ambiental que está levando a toda comarca e ao río Limia en particular a unha situación límite, poñendo en risco a saúde das persoas.

Charca naturalizada
Charca naturalizada | Xosé Benito Reza

Este desastre quedou en evidencia hai xa uns quince anos cando o encoro de As Conchas se converteu pola proliferación de cianobacterias (debidas ao exceso de nutrientes nas augas) nunha enorme charca putrefacta e fedorenta, situación que se repite periodicamente facendo insufrible a vida da xente que habita nas súas ribeiras. Ante semellante despropósito só cabe esperar que os máximos responsables das dúas administracións deixen de lanzarse a sentenza á cabeza a ver quen ten menos culpa dos dous e se senten dunha vez a falar e a buscar solucións a tan arduo problema.

A Limia.
1/15 A Limia. | Xosé Benito Reza
A Casa da Lagoa (Sandiás).
2/15 A Casa da Lagoa (Sandiás). | Xosé Benito Reza
Campos de alfalfa.
3/15 Campos de alfalfa. | Xosé Benito Reza
Centro de Interpretación  (Sandiás).
4/15 Centro de Interpretación (Sandiás). | Xosé Benito Reza
Illas flotantes.
5/15 Illas flotantes. | Xosé Benito Reza
Observatorio ornitolóxico de terróns ou felpas (Sandiás).
6/15 Observatorio ornitolóxico de terróns ou felpas (Sandiás). | Xosé Benito Reza
Vista aérea de Xinzo e a extinta Lagoa de Antela.
7/15 Vista aérea de Xinzo e a extinta Lagoa de Antela. | Xosé Benito Reza
Se chove a lagoa sempre volve (Xosé Varela).
8/15 Se chove a lagoa sempre volve (Xosé Varela). | Xosé Benito Reza
As pozas, refuxios de biodiversidade
9/15 As pozas, refuxios de biodiversidade | Xosé Benito Reza
As grandes charcas dos areeiros
10/15 As grandes charcas dos areeiros | Xosé Benito Reza
Campos e areeiras
11/15 Campos e areeiras | Xosé Benito Reza
Espadanas na canle principal da lagoa
12/15 Espadanas na canle principal da lagoa | Xosé Benito Reza
Aí estaba a Lagoa de Antela
13/15 Aí estaba a Lagoa de Antela | Xosé Benito Reza
Lirios amarelos na veiga da Saínza
14/15 Lirios amarelos na veiga da Saínza | Xosé Benito Reza
Praia na ruta das areeiras
15/15 Praia na ruta das areeiras | Xosé Benito Reza

Contenido patrocinado

También te puede interesar

Lo último

stats