A Baixa Limia, vida e natureza no encontro das biorrexións
A Baixa Limia, vida e natureza no encontro das biorrexións | La Región

A Baixa Limia, vida e natureza no encontro das biorrexións

POLOS RÍOS E MONTAÑAS DE OURENSE

Nunca poderei esquecer aquel día en que, sendo un mociño e percorrendo o Xurés dende Salgueiros ata San Paio de Araúxo un día caloroso de verán, sentín un zoar estraño no ar que me chamou a atención

Xa explicamos en días pasados que esta é terra esgrevia, terra de horizontes rachados nun milleiro de formas que despuntan en insólitas alturas, que ergue maxestosa en toda a revolta a xeito de ferradura sobre un Limia domesticado, primeiro no encoro de As Conchas e logo no de Lindoso. Hai alí, nos altos espazos abertos da fronteira, graves silencios que medran acotío entre enormes penedías, e frontes oceánicas que baten nas montañas e descargan un diluvio sobre a terra. E hai tamén ecos estraños que murmuran nas matogueiras de uces vermellas e carqueixas, sombras mestas nas fragas de cerquiños e veriños, luzadas pálidas entre érbedos e mimosas, reflexos metálicos nas follas lustrosas dos acivros, e un sol peneirado nas copas dos freixos, sabugueiros, sanguiños, amieiros e esa rareza que son os chopos tremedeiros. E hai tamén cortizos vellos de sobreiras antiquísimas, cerdeiras bravas, cancereixos cuxas bagas gorentan os paxariños, pereiras bravas, faias foráneas, acereiros lusitanos do Terciario e soutos aproveitados dende a época dos romanos. Cando estas serras falan debe o visitante achegarse amodo para non perder a súa verba esquiva. Hai alí parlamento de lobos nas noites de lúa chea; pasos silandeiros de teixugos, donicelas, martas, gatos monteses e algarias; xemidos de curuxas e avelaionas na noite pecha; chirlos de lavercas nas altas planicies soleadas; londras cautelosas nas augas cristalinas, roñar de xabarís, ladra de corzas, bruar de cervos, crepitar de insectos e alarmas de miñatos, cobreiras, azores, falcóns e peneireiros nos ceos insondables. E no máis alto, aló onde a terra amosa a súa osamenta fustrigada polo vento, enxergará o viaxeiro a silueta poderosa da cabra montesa, señora da serra de novo connosco. E hai tamén vellos arraianos, sementados na terra, espetados nos socalcos onde medraban os bacelos de viño verde, nas aldeas irredentas dacabalo dos lombeiros onde cada vez vive menos xente; todos coa ollada alzada sobre un horizonte que soborda os cumios das montañas e que vai sempre, invariable, inevitablemente, cara a Portugal.

Campamento romano (Bande).
Campamento romano (Bande). | Xosé Benito Reza

Nunca poderei esquecer aquel día en que, sendo un mociño e percorrendo o Xurés dende Salgueiros ata San Paio de Araúxo un día caloroso de verán, sentín un zoar estraño no ar que me chamou a atención, logo a sombra inmensa de algo que se abatía dende as alturas, e axiña a espectacular silueta dunha aguia real de dous metros de envergadura que viña descolgándose dende o Fontefría e que pasou sobre a miña cabeza a moi pouca distancia. Só podo dicir que quedei tan conmocionado que decidín sentar no chan e darlle as grazas aos ceos por me agasallar cunha das manifestacións máis extraordinarias da natureza galega (xunto co lobo que leva toda a sombra da noite na boca).

Hai alí parlamento de lobos nas noites de lúa chea; pasos silandeiros de teixugos, donicelas, martas, gatos monteses e algarias; xemidos de curuxas e avelaionas na noite pecha
Fonte do miradoiro de A Cela.
Fonte do miradoiro de A Cela. | Xosé Benito Reza.

Naturaleza

Malia a intensa degradación que teñen sufrido estas serras dende tempos remotos, e máis agora en que os incendios acadan magnitudes inimaxinables hai ben poucos anos, sempre fomos conscientes de que nestas graves e extensas montañas, nas aparentemente espidas paisaxes, nas corgas por onde baixan estrepitosamente os torrentes do Xurés, ou nos voluminosos lombeiros do Leboreiro que espallan dende a Baixa Limia cara ás terras miñotas do norte, aínda quedaba moita vida. Era esa unha certeza que nos acompañou sempre, e que se viu felizmente referendada polos estudos que, sobre fauna, flora e biodiversidade, se fixeron nos longos anos que teñen pasado dende a creación do parque natural en 1993. De feito, no traballo que fixemos no 2008 para a creación da Reserva da Biosfera da UNESCO, constatábase que esta zona fronteiriza tiña un dos índices de biodiversidade máis elevados da península, coa presenza de 235 especies diferentes de vertebrados, o que supón o 73% das existentes en Galicia e o 40% das españolas. Unha realidade que reflectía non só a amplitude destas serras que espallan por moitos quilómetros cara ao país veciño; senón tamén o manexo do territorio polos seres humanos, o illamento secular desta zona de fronteira e o feito de estarmos nun val fortemente encaixado, con grandes pendentes que van dende o Pico da Nevosa ata o río Limia cun desnivel que chega aos 1.200 metros en moi poucos quilómetros. Ademais, as dúas grandes serras que pechan o val fano enfrontadas: unha coa ollada no norte (o Xurés) e outra no mediodía (o Leboreiro). En consecuencia, atopamos nesta área unha multiplicidade de ambientes relacionados non só coa temperatura e a pluviosidade, senón tamén coa altitude, pendente, orientación e luminosidade, o que condiciona a aparición de distintos tipos de vexetación conforme aos “pisos bioclimáticos” resultantes. Ademais (xa o dixemos nunha anterior entrega), estamos no encontro dos ambientes propios da Rexión Eurosiberiana ou Atlántica cos da Mediterránea, o que aínda enriquece máis a diversidade ecolóxica deste territorio ao compartir especies dunha e doutra biorrexión.

Mapa, A Baixa Limia, vida e natureza no encontro das biorrexións.
Mapa, A Baixa Limia, vida e natureza no encontro das biorrexións. | La Región

Acostúmase a dicir que o clima desta zona é un “temperado oceánico submediterráneo”, ou sexa, unha mestura de ambientes con predominio do atlántico sobre do mediterráneo. Estas son as razóns polas que o noso parque, esas case trinta mil hectáreas de superficie, son aínda hoxe e malia os incendios un auténtico tesouro natural en fauna, flora, hábitats e ecosistemas. No Parque Natural da “Baixa Limia – Serra do Xurés”, e xunto a el a Zona de Especial Conservación “Baixa Limia”, inventariáronse 26 hábitats naturais de interese comunitario (o que representa un 36% dos presentes en Galicia) dos cales seis son prioritarios ou do máximo interese. Estamos a falar das turbeiras que xa vimos na Serra do Suído, das uceiras húmidas atlánticas de áreas de montaña, dos soutos e carballeiras mixtas, ou de pastos e formacións herbosas do xénero Nardus.

Flora

Ademais deses hábitats téñense catalogado preto de 800 especies dunha máis que relevante flora vascular; das cales 100 (situadas maiormente nas zonas máis elevadas por riba da cota de mil metros), están consideradas endemismos ibéricos (só aparecen na península) e algunhas son de área restrinxida (ou sexa, con poboacións que viven en territorios moi pequenos); o que converte a esta área protexida nun espazo único e dun extraordinario valor dende o punto de vista da flora. Ademais, 17 especies figuran no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e 8 están en perigo de extinción. Son todas elas pequenos tesouros vexetais que viven a rentes do chan, como herbas de namorar, narcisos ou lirios, especies únicas e marabillosas que en latín reciben nomes como Armeria humillis, Narcissus juressianus e Gallium belizianum; e hai tamén outras moi valiosas e que aínda que non gocen dun status de protección tan elevado, son tamén preciosas pola súa rareza e reducida área de distribución, como Iris boissieri, Centaurea limbata subsp. Geresensis, Silene acutifolia ou Eryngium juressianum, que algunhas levan como vemos o “apelido” (especie ou subespecie) destas serras; orgullo que sentimos. Estas xoias da nosa coroa vexetal conforman entre matos, arboredos, turbeiras, pastos e zonas de rochedos preto de cen comunidades vexetais diferentes. Todo un mundo a descubrir.

Caseta de vixilancia do Pedreiriño (Entrimo)
Caseta de vixilancia do Pedreiriño (Entrimo) | Xosé Benito Reza.

Inda que o parque natural se atopa baixo a influencia oceánica que suaviza o clima e cuxo máximo expoñente na sucesión vexetal é o carballo, conforme avancemos cara ao leste os ambientes mediterráneos de estíos secos e calorosos se deixarán notar máis intensamente, aparecendo entón as reboleiras de cerquiño, e tamén mesturándose co toxo arnal (Ulex europaea) e a xesta negra de flor amarela (Cystisus striatus) outras leguminosas como as xestas brancas (Cytisus multiflorus) e os codesos (Adenocarpus complicatus). Ademais, en inda que o carballo sexa a especie dominante ou clímax, en zonas degradadas polos incendios e nas ladeiras solleiras verase substituído polo cerquiño. E tamén poderemos ver esa xoia dos teixos do Xurés, outra reliquia de tempos antediluvianos que viven (ou vivían?) encanastrados nas corgas máis afastadas; os capudres ou cancereixos de Sorbus aucuparia que pintan de vermello a paisaxe; ese descoñecido e rechamante chopo ao que lle tremen as follas (Populus tremula) e que vive (ou vivía?) acantonado nas humildes regatas camiño da Portela do Home, e os bidueiros de Betula pubescens que substitúen en altura os salgueiros e os amieiros das terras baixas e que son os máis sufridos de todos. E contamos tamén entre a flora endémica do parque natural con outra xoia de gran porte que xa vimos no río Arnoia: os acereiros de Prunus lusitanica, un lauroide do Terciario incluído no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, e que presenta aquí no Xurés (ou presentaba antes dos devastadores incendios) as mellores poboacións de toda Galicia. E tamén temos o famoso cerquiño das Cortes da Carballeira, en Queguas; que acompaña, impoñente e solidario, á ermida da Ascensión. Pero destas “senlleiras” xa falaremos outro día.

Cabras bravas.
Cabras bravas. | Xosé Varela
Estas xoias da nosa coroa vexetal conforman entre matos, arboredos, turbeiras, pastos e zonas de rochedos preto de cen comunidades vexetais diferentes. Todo un mundo a descubrir.

Porén, non son as masas de quercíneas e os seus acompañantes como as arandeiras e os acivros (ou esas flores preciosas chamadas “paxariños”) as que dominan por mor dos moitos lumes que ano tras ano estragan estas montañas; senón ás súas etapas substitutivas como as xesteiras e toxeiras de xesta negra e toxo molar que aproveitan os cabaliños da serra, e tamén as uceiras e breixeiras que veñen substituír ás anteriores cando aumenta a degradación; como a uz branca que acubilla nos cavorcos (Erica arborea), a queiruga de umbela (Erica umbellata) que frecuenta as terras baixas, a carrasca ou carpaza (Erica cinerea) que é a máis xenerosa pois coloniza todo tipo de terreos incluso os máis pobres e esqueléticos, e outras amantes de brañas e gándaras e solos fondos lamacentos como a queiruga de cruz (Calluna vulgaris), o breixo de turbeira (Erica tetralix) e a carroucha (Erica ciliaris). E, sobre todo, nestas montañas ourensáns, a uz vermella (Erica australis subespecie aragonesis), un breixo de alta talla que protexe os lombeiros das serras da moita auga que cae dos ceos por estas latitudes (ata 2.000 mil litros por metro cadrado). E tamén podemos topar de cando en vez cubrindo os rasos as carpazas de Cistus psilosepalus e Halimium alyssoides. Por último, nas terras baixas, quentes e plácidas, ao pé do encoro de Lindoso ou no encontro de tantos ríos e regueiros como van ao Limia pouco antes de despedirse camiño de Portugal, vive a vexetación chamada termófila, amante das quenturas e inimiga das xeadas; especies como as sobreiras, os érbedos e os loureiros que chegaron dende Portugal remontando o Limia; e tamén o velenoso trobisco, as lavandas ou cantroxos e as xaras ou estevas de flores grandes e vistosas como o Cistus populifolius e o salvifolius; e incluso algunha leguminosa como o piorno espiñento (Genista triacanthos).

Fauna

En canto á fauna se teñen inventariado un total de 235 especies diferentes, das cales 64 son consideradas especies clave para a conservación da biodiversidade europea. En aves temos 143 especies das cales 101 están catalogadas como ameazadas. En peixes, anfibios e réptiles contamos con outras 21. E, finalmente, percorren todas estas serras 12 especies de mamíferos dos que 8 están catalogados como ameazados. De todas elas podemos destacar algunhas moi interesantes e cada vez máis escasas incluídas no Anexo II da Directiva Hábitats, como a boga, o mexillón de auga doce ou náiade dos ríos, o escornabois ou vacaloura das carballeiras, a píntega ou salamántiga rabilonga, o lagarto da serra, o lagarto verde ou arnal, a auganeira ou desmán dos perineos, a gran londra comedora de peixes e varios morcegos.

O axente José Otero e a primeira cabra nacida no Xurés despois dun século(1998).
O axente José Otero e a primeira cabra nacida no Xurés despois dun século(1998). | Xosé Benito Reza

E moitos outros que nos aledan cos seus cantos, nos asustan ou nos sorprenden cando as vemos atravesar fugazmente as matogueiras, sucar velozmente os ceos ou despuntar nos rochedos. Estamos a falar de especies como a cobra lagarteira e a perigosa víbora fociñuda; de grandes mamíferos como os xabarís ou as corzas que camiñan silandeiras polas corgas máis sombrizas; de raposas e teixugos, martas e donicelas, algarias que te observan con eses ollos grandes e acuosos dende a espesura do arboredo; das lebres ibéricas que deron nome ao Leboreiro, ou dos esquíos que chegaron nun milagre de colonización que ninguén entende. E tamén anda por aquí o gran mamífero carniceiro; o lobo que segue espertando paixóns e enfrontando incluso as propias administracións. “Hai un cantar de lobos que dá medo”, díxome un día Hermindo, o garda forestal de Riocaldo cando soltamos os primeiros veados na regata do viveiro. E, se hai lobos, tamén sobrevoan estas terras os seus naturais competidores alados: as aguias reais que recuperamos coa axuda de GREFA; e baten ás polas altas cumieiras outras rapinas como peneireiros, azores, aguias albelas, falcóns e as cada vez máis escasas tartarañas cinsentas e gatafornelas.

 A aldea abandonada de Salgueiros.
A aldea abandonada de Salgueiros. | Xosé Benito Reza

E tamén hai paxariños que escasean polo mundo adiante, como o bicogroso europeo, o cruzabico boreal, a choia de bico vermello, o roqueiro rubio e azul, e o merlo de colar que eu vin un día, só un día, cando culminaba a Serra da Pena e xa despuntaba no horizonte o castelo de Montalegre. E, con todo, se hai algo que nos estimula e do que nos sentimos realmente orgullosos, é a visión dos centos de cabras montesas que percorren hoxe as montañas do parque natural; un proxecto que superou as nosas máis optimistas expectativas. E aló seguirán, dende aquel 24 de novembro de 1997 en que o axente forestal José Otero abriu a porta traseira do camión para que saíran as primeiras 16 cabras montesas logo dunha ausencia que durou un século.

Casiña da Moura no Planalto.
Casiña da Moura no Planalto. | Xose Varela

Despedida

Malia os tantos incendios que se lle teñen abatido como unha maldición sobre este territorio, aínda queda moita vida e moita natureza polo medio destas serras e montes; e xa non digamos o espléndido patrimonio cultural que nos deixaron os antepasados: as aldeas, a arquitectura tradicional e a etnografía que estudio Xocas; os camiños, pontes, levadas e outras obras de enxeñería dos antigos; os montes inzados de mámoas nas chairas elevadas que estudou Eguileta; o paso dos romanos pola Vía Nova, a mansión Aquis ogerensis e o campamento Aquis querquennis, con máis miliarios que en ningunha outra parte do Imperio a dicir de Colmenero; co visigótico de San Trocado, o campión Odoario e Santa Comba de Bande; o churrigueresco de Entrimo; as ermidas caladiñas na curupela dos outeiros; vilas e prazas fortes do señores de Araúxo enfrontados a Lindoso; polos lombeiros voluptuosos do Leboreiro ata a chaira infinda onde remata e suspira o mundo un exabrupto de humidades; pola montaña de pura pedra chamada Anamán, refuxio de bandoleiros e morada de deuses primitivos; polo Quinxo de Alberte Adán, as cachenas e as paredes arrepiantes que esfragan sobre Portugal; pola mole da Santa Eufemia onde cantaron os carros dos carboeiros e corren ceibes os últimos garranos; polas agullas do Xurés, esgazadas das montañas primixenias polo xeo dos glaciares e un millón de anos de chuvias e temporais; por Salgueiros e o Camiño dos Mortos ata a última morada; pola Serra do Pisco e da Pena con Turei por medio; polo Camiño Privilexiado dos mixtos, do contrabando, dos guerrilleiros e exclaustrados de Méndez Ferrín e Bento da Cruz; tantos pequenos mundos escorregando por corgas que estoupan en cachoeiras de prata e aldeas suspendidas en socalcos como en Gustomeau; tantas e tantas cousas que non acabariamos xamais; pero temos que seguir a nosa viaxe.

A raia do Leboreiro.
1/14 A raia do Leboreiro. | Xosé Benito Reza
Miradoiro de Xordos (Bande).
2/14 Miradoiro de Xordos (Bande). | Xosé Benito Reza
Marco das Catro Cruces (Verea).
3/14 Marco das Catro Cruces (Verea). | Xosé Benito Reza
Miradoiro do Pedreiriño (Entrimo).
4/14 Miradoiro do Pedreiriño (Entrimo). | Xosé Benito Reza
O Planalto do Leboreiro.
5/14 O Planalto do Leboreiro. | Xosé Benito Reza
Salgueiros .
6/14 Salgueiros . | Xosé Benito Reza
Santa Eufemia queimada no 2020.
7/14 Santa Eufemia queimada no 2020. | José Lamela.
Salgueiros.
8/14 Salgueiros. | Xosé Benito Reza
Serra do Leboeiro (Lobeira)
9/14 Serra do Leboeiro (Lobeira) | Xosé Benito Reza
Ruta do río Vilameá (Lobios).
10/14 Ruta do río Vilameá (Lobios). | Xosé Benito Reza.
Casiña da Moura no Planalto.
11/14 Casiña da Moura no Planalto. | Xose Varela
Santa Comba de Bande.
12/14 Santa Comba de Bande. | Xosé Benito Reza.
Santuario da Virxe do Xurés
13/14 Santuario da Virxe do Xurés | Xosé Benito Reza
San Bieito de Grou
14/14 San Bieito de Grou | Xosé Benito Reza

Contenido patrocinado

También te puede interesar

Lo último

stats