Lume, castañas e boa compañía nos magostos de Ourense

TRADICIÓN E GASTRONOMÍA

Montealegre e os barrios da ciudade reuniron a centos de persoas aorededor das fogueiras nunha xornada marcada polo bo tempo, a música e a gastronomía

Familias enteiras compartiron a xornada magosteira no Montealegre.
Familias enteiras compartiron a xornada magosteira no Montealegre. | Óscar Pinal

A cidade de Ourense volveu cheirar a outono, a fume e a tradición no primeiro sábado de magostos, no que o bo ambiente e a confraternidade foron os grandes protagonistas. Dende as primeiras horas do día, as fogueiras comezaron a prender, marcando o inicio dunha das celebracións máis arraigadas e queridas por todos os ourensáns. O emblemático Montealegre volveu ser un dos grandes epicentros da festa. Ata alí achegáronse centos de familias e pandillas para cumprir co ritual de cada novembro: asar a carne e os chourizos, beber viño e, por suposto, facer as castañas nas brasas. A música, as risas e o característico manto de fume na cidade formaron a estampa clásica da xornada.

Pero a festa non se limitou ás zonas naturais. Nas rúas, o espírito do magosto deuse cita en cada recuncho grazas ao traballo incansable das asociacións de veciños. As prazas e os locais sociais dos distintos barrios enchéronse de veciñanza ao redor do lume. Ademais, o tempo acompañou, cun tempo agradable nas horas centrais do día e co sol impoñéndose ás previsións que ameazaban con ceos máis cubertos. Os rostros tiznados e a boa compañía marcaron unha xornada que continuará hoxe en moitos recunchos, e, por suposto, polo San Martiño a mediados desta semana, e tamén a vindeira fin de semana.

A celebración dos sabores do outono tivo eco en toda a provincia

O magosto tamén se celebrou en diversos puntos da provincia. En Xinzo de Limia, por exemplo, o evento reuniu centos de persoas de todas as idades na Praza Maior a noite do venres. Os asistentes agardaron a súa quenda baixo unha carpa para recoller castañas asadas e refrescos.

Servíronse castañas asadas, chourizos, empanada e bica. A repartición estivo amenizada con música tradicional a cargo dos grupos *Os Xeitosiñ@s de Baltar* e *Os Lumeada*. Acompañados de gaitas, bombo, acordeón e pandeiretas, os músicos actuaron entre o público, animando a todos a cantar e bailar. Máis tarde, o grupo *The Tetas’ Van* subiu ao escenario, poñendo un broche de ouro ao evento.

Outros municipios tamén celebraron os seus propios magostos esta fin de semana. En Sandiás, decenas de veciños reuníronse para compartir chourizos, castañas, historias e risas. Baltar tamén celebrou o seu magosto tradicional, un acto ao que asistiu o presidente da Deputación Provincial, Luis Menor. Baños de Molgas mantivo a súa longa tradición coa 43.ª edición do seu magosto, e tamén houbo celebración, neste caso do PP, en Verín.

Contenido patrocinado

stats