O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre.
O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre. | La Región

O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre

POLOS RÍOS E MONTAÑAS DE OURENSE

Un percorrido pola extraordinaria biodiversidade do Macizo Central, os seus hábitats protexidos e o impacto devastador dos incendios nun dos grandes refuxios naturais de Galicia

O lugar de interese comunitario da Rede Natura 2000 (LIC) denominado "Macizo Central" foi declarado Zona de Especial Conservación (ZEC) (código ES1130002) pola Xunta de Galicia no ano 2014, ocupando unha superficie total de 46.983 hectáreas. Un territorio pertencente fundamentalmente aos concellos de Manzaneda e Vilariño de Conso, que achegan case a totalidade da súa superficie municipal, seguidos por Chandrexa de Queixa e, en menor medida, por Laza e A Pobra de Trives, así como por pequenas superficies dos concellos de Viana do Bolo, O Bolo, Petín e Larouco, no lugar de encontro do río Xarés co río Bibei, que marca por esa banda o límite leste da zona.

ZEC Macizo Central.
ZEC Macizo Central. | La Región

Estamos de novo (de novo outra vez) noutra zona de transición entre a Galicia húmida atlántica e a Galicia mediterránea de ardentes estíos. E así abofé parece cando nos decatamos de que estas serras penetran a xeito de cuña na atmosfera resesa que chega da Meseta polas ribeiras do río Bibei; un territorio que globalmente presenta veráns propiamente mediterráneos, con importante seca estival, e invernos tipicamente atlánticos, con abondosas precipitacións, sobre todo pola banda de poñente ou de barlovento das serras, onde baten as frontes oceánicas. Cousas do clima e do ambiente atmosférico que sempre debemos ter en conta cando analizamos a biodiversidade dunha área determinada e que afectarán, necesariamente, ao igual que a natureza dos solos ou a exposición das ladeiras, á vida que alí se desenvolve.

Altos da Pa na Serra de Queixa.
Altos da Pa na Serra de Queixa. | Xosé Benito Reza

A flora

Se comezamos pola parte superior do macizo veremos que aló, nas áreas máis duras e arrebatadas, próximos os cumiais e por riba do límite dos bosques, hai un mundo húmido e luminoso, vagamente espallado polas penechairas espidas nas que culmina o Macizo. Unha planicie enorme que sobe e baixa mainamente polas cabeceiras dos regatos incipientes e por onde ían outrora, xa o dixemos, os vellos glaciares.

Sobre esta vasta superficie de erosión van as plantas máis sufridoras, instaladas no derradeiro chanzo da montaña; pastos que aguantan estoicamente estes climas extremos a máis de 1.500 metros de altitude, e tamén as especies pioneiras acostumadas ao monótono asubío do vento e a colonizar paraxes rochosas aparentemente imposibles: fendas nas penedías, derrubas, noiros, cascallos, paredes e toda canta hecatombe pétrea se precipita dende os cumiais das serras.

Estamos a falar dos rochedos silíceos con vexetación pioneira, un hábitat da Rede Natura (código 8230) onde aparecen xéneros como Sedum, Agrostis, Echinospartium e a Silene acutifolia, que é un endemismo do noroeste peninsular; especies que ocupan as áreas onde o chan é máis seco e pedregoso, e que cumpren coa súa presenza un papel de primeiro orde no concerto da natureza: crear o ambiente propicio para vidas máis esplendorosas, aló onde non existe máis ca unha osamenta pétrea.

E, sobre todo, estamos a falar nestas terras altas, acostumadas ás bruscas mudanzas do clima, dun ecosistema de indubidable valor ecolóxico e tamén económico: os pasteiros de Nardus stricta ou cervuno; unha especie que medra en solos con certa fondura e humidade e que ten aquí as mellores representacións de toda Galicia. Pastos de montaña sempre verdes aproveitados de antano polas vacadas e as veceiras que subían á serra na procura destas cobizadas e nutritivas gramíneas. Un mundo agropecuario ateigado de voces mestas e do soar intermitente dos chocallos.

Van os cervunais nestes solos ácidos e húmidos do piso bioclimático “montano” ou “supratemperado”, acompañados doutras especies como Carex binervis, Festuca indigesta, Luzula multiflora, Gentiana pneumonante ou Agrostis durieui, conformando entre todas os chamados pasteiros higrófilos vivaces de montaña (código 6230), un hábitat de interese comunitario que ocupa as depresións, cubetas de orixe glacial e zonas deprimidas destas extensas e altas penechairas do gran Macizo Central.

Ademais, e en canto a formacións herbáceas, tamén están considerados hábitats de interese comunitario os prados de sega (código 6510) que a xente destes lugares mantiña ao pé dos regueiros e nas pinas ladeiras regadas por antiquísimas levadas, e que, paseniño, vanse abandonando pola dificultade do acceso ou polo cambio de uso a pastoreo.

E topamos tamén nestas áreas altas as valiosas tubeiras, que xa vimos na Serra do Suído, correspondentes ao hábitat prioritario 7110, e que aparecen onde a humidade do solo ou hidromorfía acada niveis elevados; un mundo vexetal antigo que acugula, ano tras ano, século a século, capa a capa, a historia do mundo natural que nos rodea.

Pastizais higrófilos coa xunca do algodón.
Pastizais higrófilos coa xunca do algodón. | Xesús Fariñas

Preto das fochancas e depresións do terreo, nesta terra agradecida para os botánicos máis esixentes, medran tamén outras especies amantes dos solos brañentos que conforman o *hábitat prioritario das uceiras húmidas atlánticas (código 4020)**; con especies clave como o breixo de turbeira e a carroucha; e, como acompañantes, a queiruga de cruz e algunhas leguminosas como Genista micrantha e Genista anglica. E tamén pode aparecer Arenaria montana, e outras especies destes ambientes húmidos como os xuncos dos xéneros Juncus e Carex, e unha ciperácea que amosa precisamente estes días as súas rechamantes infrutescencias: a xunca do algodón (Eriophorum angustifolium).

Conforme comezamos o descenso, vemos como a vida vai medrando e presentándose noutras formas máis evolucionadas e aparentes. Estamos agora nos lombeiros coroados polos resaltes de cuarcitas ou polos castelos graníticos, onde atopamos a comunidade vexetal máis estendida na serra: as altas uceiras de uz moura, que van progresando en calquera dirección cara ás corgas e cavorcos do gran macizo circular. Neste hábitat das uceiras secas europeas (código 4030) aparecen como especies clave a uz moura ou vermella (Erica australis subsp. aragonensis) xunto coa carqueixa (Genista tridentata); comuñón perfecta na colonización dos solos das montañas do oriente galego e sometidas a recorrentes incendios dende tempos inmemoriais. Con elas irán tamén, en solos máis lixeiros e secos, a carpaza (Halimium lasianthum subsp. alyssoides) e a queiruga de umbela (Erica umbellata).

Carqueixas sobre xistos.
Carqueixas sobre xistos. | La Región
A uz moura que coloniza os lombeiros.
A uz moura que coloniza os lombeiros. | La Región

Deixamos os grandes espazos abertos, as penechairas e os lombeiros que configuran a fachada máis coñecida destas montañas, e afondamos na penumbra dos regueiros. Hai aló primeiro, aínda non lonxe dos altos e nos vales incipientes onde aparecen as primeiras aldeas da montaña, as piorneiras de Genista florida subsp. polygaliiphylla. E tamén pode aparecer a cotizada xanzá (Gentiana lutea), da medicina popular, e o arando (Vaccinium myrtillus), dos licores e augardentes, unha especie que medra moi ben nestes solos ácidos de montaña e que vemos con frecuencia no sotobosque dos piñeirais. Esta comunidade evolucionará cara á piorneira-xesteira conforme vaiamos descendendo e o clima se faga máis apracible, con presenza das xestas negras (Cytisus striatus e Cytisus scoparius) e tamén da xesta branca (Cytisus multiflorus) nas áreas máis secas e solleiras.

Estamos a falar nestas terras altas acostumadas ás bruscas mudanzas do clima dun ecosistema de indubidable valor ecolóxico e tamén económico

Estamos chegando, case sen decatarnos, ao momento en que a natureza acada a súa máxima expresión. Estas comunidades de piorneira-xesteira son a antesala dos bosques, hoxe minorados polo furor das lapas. Nas zonas máis acantonadas, facendo camiño por corgas e regueiros, despuntarán sen dúbida os vidos de Betula celtiberica; e, con eles, os capudres ou cancereixos, os rechamantes acivros, a grande uz branca e, quizais, algún teixo, lembranza dos tempos en que se retiraron os grandes xeos destas montañas.

Chegamos así á área do dominio da especie que mellor representa o noso país: o carballo, que, como xa vimos, aparece en masas mixtas co rebolo ou cerquiño, ou mesmo hibridados. Son estas carballeiras do piso “montano” (código Rede Natura 9230) a fin da etapa serial que comezamos coas pioneiras dos rochedos e as gramíneas dos pastos de altura. Agora, no fondo dos vales, aparecen estas carballeiras coa súa cohorte de especies acompañantes, sobre todo os acivros e os bidueiros, e tamén abeleiras, pradairos, sanguiños, pereiras bravas, sabugueiros, escambróns, salgueiros e amieiros, ademais de madreselvas, anemones, hedras, violetas, herbas dos pitos e fentos. Todas elas, xunto coas arandeiras, constitúen a impresionante comunidade das carballeiras atlánticas de montaña, asociación que os botánicos denominan Vaccinio myrtilli–Quercetum roboris. E quizais atopemos tamén o carballo de montaña ou carballo albar (Quercus petraea), unha rareza destas serras que aguanta solos máis pobres e climas extremados. E tamén temos, como xa se dixo, os rebolos ou cerquiños, cuxas achas quentaron tantos fogares na nosa provincia; unha especie que se defende dos rigores do inverno co abrigo das súas follas secas (marcescencia), e que conforma nestas áreas unha nova comunidade chamada Holcus molli-Quercetum pyrenaici. Máis embaixo, cubrindo as pinas ladeiras ou rodeando as aldeas que van xurdindo no descenso, aparecen os soutos de castiñeiros que tanta importancia tiveron como sostén destas comunidades. Soutos de frondosas e agarimosas sombras, con pés centenarios que son un portento da natureza; como o de Rozavales en Manzaneda, declarado Monumento Natural, e dos que falaremos antes de rematar esta viaxe.

O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre
O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre | Xosé Benito Reza

A fauna

Foi sempre este macizo, como o foron noutros tempos todas as serras galegas, refuxio e solaz da fauna ibérica máis cobizada. Houbo sempre nestas terras bravas, nas que sobordan o hábitat natural das xentes na nosa latitude, espazo e tempo abondo para unha enchente de especies. Zonas que eran, e esperemos que volvan ser logo dos lumes pasados, paraxes propicias para moitas especies da nosa fauna silvestre máis prezada.

Así, andan por todo o macizo, dende as áreas máis frías e expostas ata as máis agarimosas e recuadas, moitas especies de réptiles polos rochedos e os claros nas matogueiras, como o lagarto arnal (Lacerta lepida), a lagartixa dos penedos (Podarcis hispanica) e, sobre todo, a lagartixa da serra (Iberolacerta monticola), un endemismo ibérico con poboacións que poden ser as únicas da provincia de Ourense; e tamén a cobra lagarteira (Coronella austriaca). Polas matogueiras inmediatas aparecen as víboras, probablemente a de Seoane (Vipera seoanei) e, quizais, a víbora fociñuda (Vipera latastei), unha rareza en Galicia que vive sobre todo no Xurés.

Nas zonas máis húmidas atoparemos outros ofidios, desta vez inofensivos, como a cobra de colar e a viperina (Natrix natrix e Natrix maura). De auga son tamén a ra ibérica ou patilonga (Rana iberica) e a ra verde (Pelophylax perezi); e pode, o que sería marabilloso, que nos topáramos nas brañas e turbeiras coa pequena ra vermella (Rana temporaria parvipalmata), unha subespecie exclusiva de Galicia, clasificada como “vulnerable” no Catálogo Galego de Especies Ameazadas e incluída na Lista Vermella da UICN.

Cada mancha ou tesela do mosaico que configura a paisaxe ten a súa ave ou paxariño cantareiro. Hai por aquí, nas terras altas de pedregullo, roqueiros rubios e azuis, pedreiros rubios, anduriñas dos penedos, rabirrubios de testa branca, tordos, abellarucos mediterráneos, aláudidas nos pastos de montaña e unha morea de pequenos paseriformes entre as follas das carballeiras. Tamén poderemos ver a estreliña dos piñeiros, o paxariño máis pequeno do continente, con apenas 9 centímetros de lonxitude.

Pola noite debería andar o bufo real nos farallóns rochosos, a avelaiona nas carballeiras, e tamén o moucho paleártico e o moucho de orellas. E, como en tantas outras serras, poboan os aires as aves de rapina; quizais poidamos enxergar unha parella de aguias reais erguendo o voo cara a horizontes descoñecidos.

E tamén poderemos atopar, nestes espazos inmensos onde non vive ninguén, outras especies máis miúdas e recatadas pero admirables, como a auganeira ou desmán dos Pireneos (Galemys pyrenaicus), as toupeiras nivais (Chionomys nivalis), o leirón gris ou rabudo (Myoxus glis), e moitos mustélidos, ademais de londras, gatos monteses e raposas.

Ata chegar aos grandes mamíferos fitófagos, omnívoros e carnívoros, que sempre nos producen, caso de nos topar de fronte con eles, un arrepío no lombo: o lobo, o corzo, o xabarín e o gran cervo de espléndida cornamenta; porque neles se resume, dalgún xeito marabilloso, todo canto ata aquí levamos falado do clima, das rochas, das plantas e de todos cantos seres se moven polo gran Macizo Central Ourensán.

Incendios

Gustaríame rematar esta entrega facendo unha puntualización. Cando arde na natureza, no que pensamos xeralmente é nos milleiros de hectáreas que se levaron os lumes, nos quilómetros de cinsa negra tinguindo os montes e nas violentas enxurradas que poden chegar aos ríos e encoros para envelenar as augas ou estragar camiños e aldeas.

Tamén prestamos atención ás centos ou miles de hectáreas arboradas que desaparecen: carballeiras, piñeirais, soutos seculares, acivros e bidueiros que levaban décadas ou séculos resistindo nas corgas máis recuadas. E, por suposto, pensamos nos danos ocasionados aos bens das persoas e, máis aínda, cando hai perda de vidas humanas, como na recente traxedia de Almería.

Soutos centenarios
Soutos centenarios | Xosé Benito Reza

Pero no que moi poucos pensan é nos miles e miles de animais que sucumbiron abrasados. Milleiros de paxaros, insectos, réptiles e pequenos vertebrados incapaces de escapar desa trampa infernal; incluso grandes mamíferos, que, malia o seu tamaño e capacidade para fuxir, tampouco foron quen de sobrevivir.

Só reparamos neles cando vemos na portada dun xornal un cabaliño bravo medio queimado, cambaleando por unha paisaxe desolada, ou un cervato sobrevivente ao que un garda forestal lle dá de beber cun biberón. E aos velos así, tan desamparados, encollese o corazón.

Por todo iso, ver como, logo de semellante desastre e de máis de vinte mil hectáreas arrasadas o ano pasado no Macizo Central, espazo protexido da Rede Natura, se recorre simplemente a un helicóptero para botar unhas poucas pacas de alimento sobre aquela inmensa desolación, irrita profundamente.

Porque axiña nos decatamos de que esas “aparencias” non son máis que o reflexo da nosa impotencia, da indolencia e incapacidade das administracións públicas para afrontar o gravísimo problema do abandono do territorio. Eses ermos e baldíos que, ano tras ano, seguen a arder e con eles a rica e variada vida silvestre que sustentan, unha vida á que cada vez lle custa máis saír adiante.

O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre
1/15 O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre | Xosé Benito Reza
O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre
2/15 O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre | Xosé Benito Reza
O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre
3/15 O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre | Xosé Benito Reza
O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre
4/15 O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre | Xosé Benito Reza
O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre
5/15 O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre | Xosé Benito Reza
O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre
6/15 O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre | Xosé Benito Reza
O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre
7/15 O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre | Xosé Benito Reza
O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre
8/15 O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre | Xosé Benito Reza
O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre
9/15 O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre | Xosé Benito Reza
O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre
10/15 O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre | Xosé Benito Reza
O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre
11/15 O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre | Xosé Benito Reza
O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre
12/15 O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre | Xosé Benito Reza
O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre
13/15 O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre | Xosé Benito Reza
O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre
14/15 O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre | Xosé Benito Reza
O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre
15/15 O Macizo Central, os chanzos da vida silvestre | Xosé Benito Reza

Contenido patrocinado

También te puede interesar

Lo último

stats