O Macizo Central, aquela vida dura da montaña
O Macizo Central, aquela vida dura da montaña | La Región

O Macizo Central, aquela vida dura da montaña

POLOS RÍOS E MONTAÑAS DE OURENSE

Cada aldea co seu curro e chozo, en lugar abrigado, a cuberto do vento e procurando ter unha fonte preto, por tras dun penedo ou nunha valgada; como acontece no curros de Soutelo ou de Rozavales, de Requeixo, de Langullo, de Cernado, da Mosenda ou das Naveiras.

A ocupación humana da serra, da terra brava onde son máis teimosas as nevaradas, é un prodixio de supervivencia; un reto compartido entre homes e mulleres que por razóns insospeitadas achegáronse un día aos altos que culminaban a súa terra pequena, observáronos atentamente, e decidiron quedar alí para sempre; pendurados do silencio, ollando sen medo as altas cumieiras nevadas, tan próximas e inquietantes. Non é fácil vivir na montaña, chegar tan alto e tan lonxe, remontando os ríos no noso afán por colonizar ata a última terra aproveitable; antes de que o frío, a neve, as xeadas e as enxurradas que baixan precipitándose polas ladeiras, fagan imposible calquera asomo de civilización.

Por todo iso admira que a xente puidera chegar tan alto como Chaguazoso, aos 1.300 metros de altitude; ou esa orla de valentes colonos que un día decidiron rodear como un cinto o gran Macizo Central: Pradoalbar, Mormentelos, Cernado, Penapetada, Parafita, As Forcadas, Requeixo, As Taboazas, A Teixeira, Camba... Todos na cota dos mil metros de altitude ou máis, acantonados nos cavorcos e valgadas dos ríos incipientes, acubillados ao amparo dos altos e longos lombeiros da serra que os protexen dos ventos xeados e as frontes oceánicas; marcando o derradeiro intento por conquistar os últimos espazos no límite do humanamente habitable. Eses lugares onde a primavera é un suspiro e o verán un paso necesario cara ao outono que xa é inverno. Aló onde a vida desenvolve con forzada velocidade para aproveitar o pouco tempo dispoñible. Todos nesa fronteira entre o mundo frío, duro e pecuario dos curros e as malladas, das uces e as carqueixas, e o val recendente e agarimoso que nace nese mesmo intre, cálido e acolledor, onde atemperan os ceos e se fai máis doce o xélido aloumiño da neve.

San Mamede de Hedrada (X. R. Cruz)
San Mamede de Hedrada (X. R. Cruz) | X.R. Cruz

Aquí, neste territorio tan difícil de domear, non pasa como nas terras agradecidas dos vales e ribeiras onde en cada parroquia hai un morea de lugares pequenos e a xente vai seguindo o camiño que lle marca a densa rede fluvial; un número inxente de aldeas e casais entremetidos polas corgas onde van os millos e os socalcos do bo viño, coa igrexa da freguesía ocupando un lugar central e elevado naquel feraz e privilexiado universo. Un mundo domesticado que recea dos espazos abertos; sempre próximo ás augas correntes, onde crecen os bosques, estrangulan os montes e abundan as terras feraces.

Setenta e cinco quilómetros mide a rolda entre a ducia de aldeas que rodean o Macizo Central pechando un círculo enorme de 270 qm2 onde non vive ninguén, e que hoxe se ve na súa meirande parte e infelizmente calcinado polos incendios.

O viaxeiro que nos acompaña percorreu aqueles lugares altos admirado; porque no seu concello, instalado nesa Galicia pacífica e agarimosa entre os 500 e os 600 metros de altitude, terra de millo, canastros e levadas, hai 135 entidades de poboación en tan só 67 qm2; ou sexa, é practicamente imposible camiñar un só quilómetro sen atopar un pobo, un lugar, un núcleo de poboación. E, de feito, o seu territorio de orixe xunto cos outros concellos que van pola marxe esquerda do río Arnoia ata o Miño, eran, historicamente e xunto co Ribeiro do Avia, as terras con diferencia máis densamente poboadas de toda a provincia de Ourense. Pero na montaña as aldeas teñen que gardar unha distancia prudencial respecto da gran montaña que ocupa neste caso o centro de tan cumprido universo. Setenta e cinco quilómetros mide a rolda entre a ducia de aldeas que rodean o Macizo Central pechando un círculo enorme de 270 qm2 onde non vive ninguén, e que hoxe se ve na súa meirande parte e infelizmente calcinado polos incendios.

Estante na Serra de Queixa (David Simón)
Estante na Serra de Queixa (David Simón) | David Simón

En efecto, aquí, na montaña, as aldeas son en xeral grandes e van afastadas unhas das outras; pero non polas razóns polas que a xente acostuma arrexuntarse nas extensas e feraces veigas polas que camiñan os ríos caudalosos, ou nos chanzos intermedios das amplas penechairas pé dos montes, caso do val de Verín que xa vimos con Tamaguelos ou Mandín, ou de Cualedro e Monterrei con A Xironda ou Medeiros, senón polo contrario. Porque aquí, na montaña, as terras produtivas escasean, e a xente ten que ampliar os seus dominios por un vasto territorio onde procurar o sustento co apoio da gandería extensiva. E, ademais, vai frío, un frío intenso que hai que amatar cos rebolos que andan ciscados polos cavorcos ou cos torgos que se apañan sachando na serra. Por iso na montaña a xente arrexunta. Precísase axuda comunal para abrir e limpar os regos, segar o centeo e facer as medas, apañar os torgos, gobernar os camiños que estraga este tempo inclemente e subir o gando á serra. Todo o pobo en concello aberto de xeira en xeira, do val aos cotarelos da serra, para se defender do frío, dos lobos, da fame, das enfermidades, dos feitizos e os males de ollo, das xeadas negras e as grandes nevaradas brancas; incluso do lobishome, o sacauntos ou lobo da xente, que din que era de Esgos e nun tempo andou por estas montañas facendo maldades. Hai que xuntar o gando e aproveitar en grandes rabaños os excelentes pasteiros de montaña; toda a facenda xunta camiño das altas penechairas. E, por todo iso, aquí móntanse aldeas con xeito dende as que estender o dominio por moitos quilómetros en rodopío.

O viaxeiro que nos acompaña e nos vai contando este periplo pola provincia, estudou aquel xeito da ocupación humana, e comprobou que, en efecto, alá enriba andaban as parroquias máis grandes da provincia, enormes; como no Xurés de Riocaldo ou na Trevinca de Casaio e A Ponte. Tan grandes que, se a superficie media das parroquias de Galicia é de preto de 8 qm2, aquí, na montaña, as dez parroquias que se xuntan aló enriba suman 280 qm2; ou sexa, son tres veces e media máis grandes do normal. E, non obstante, con ter tanta terra só contan cun único núcleo de poboación; un lugar solitario escrutando na súa soidade os extensos ermos e baldíos que espallan cara ao corazón da serra. Ese é o caso de Santa María de Cernado, de San Bartolomeu de Requeixo e de San Antonio de Paradela en Manzaneda; e tamén de Santa María da O en Cernado, de San Bernabé de Chaguazoso (cos seus cinco barrios), de San Lourenzo de Castiñeira e de Santo André de Pradoalbar en Vilariño de Conso; todos na terra dos glaciares. E tamén de San Salvador de Camba en Laza, aló polo Fial das Corzas; ou de Santa María de Rebordechao en Vilar de Barrio, pé do impoñente San Mamede. E tamén de Santa María das Forcadas en Chandrexa pola outra banda da Serra de Queixa; ou de Santa María de Cova, de Santiago de Cotarós e de Santo Estevo de Penapetada na Terra de Trives. Todos, todas estas parroquias, só contan cun único núcleo de poboación en tan vasta extensión. Que diferente é a montaña do resto do país!, porque en Galicia temos 30.675 entidades de poboación repartidas entre 3.771 parroquias; ou sexa, tocamos de media a 8 núcleos por parroquia.

Alto do San Mamede
Alto do San Mamede | Xosé Benito Reza

O viaxeiro comeu un día hai moitos anos no santuario dos Milagres para falar con don Elixio Rivas e ver o museo etnográfico que con tanto esforzo fora amañando alí o vello padre Paúl. E don Elixio contoulle, con aquela verba sabedora que como un torrente agromaba da súa boca; que non paraba de falar de arte, de historia, de camiños, pedras e de tanta toponimia como el sabía; que antes tamén marchaba a xente, moito movemento de persoas, de homes nas guerras, na emigración, durante séculos; pero que non era o de agora, porque antes, dicía el, quedaba o “recambio”, e cos anos volvíanse poboar os lugares, e as serras, de novo con xente. Pero agora, laiábase el, xa non queda pobo. E aquela palabra “pobo” estourou como o badalear dun cento de Bereguelas nos ouvidos do viaxeiro, chamando a rebato, igual que se viñera un lume moi grande alancando polos montes para debullar as aldeas todas; que algo así está a pasar xustamente agora. E don Elixio explicáballe cousas da vida de antes, tal e como relata naquel libriño tan fermoso que lle dedicou ao seu San Mamede, onde conta a vida intensa que tiñan as serras, e mesmo parece que falara cantando, cunha lingua antiga e poderosa, que vén de non se sabe onde, e que se che entremete na alma: Xente que vivía de asento, nos casais: a Edreira, A Ferrería, O Casal da Ferrería, o Teixedo, o Curral de San Xiraldo... E deica a desamortización, pegureiros e costeiros da facenda, da res, por as malladas, acollidos nestes casais e pobos a sopé. Xogos, berros e asubíos, cántigas e rifas, contos e consellas; a facenda a avisar coas súas broncas chocas. Os pegureiros arman copos ou copelas coas que coller arandos, xogan á billarda, labran caxatas e porca, e hai partidas ruidosas que teñen algo de golf e algo de hockey.... E tamén había as súas pelexas e cantaceiras de vez en cando, entre os dunha freiguesía e os da outra. Os da Bara contra os caldelaus, os de Gabín contra os rebordegos. Había quen moureaba no carbón, quen duiaba coa casca, quen suaba ou aterecía coa neve, trafegando coela. Se algunha cousa había era leña, leña a fartura. Había muíño e forno, ás veces faltaba o sal. Quen viña como gran señor, de caza.

Camiño da serra
Camiño da serra | Xosé Benito Reza

E á noite, na soedade da serra e ó zoar dos cumes, detrás do lar ó mor dos torgos, arrequecéndose de consuno mutuamente, mentres os martelos mallaban no ferro relumbrante, tintileando a contraponto. En Camba, coeste ferro, fixéronse navallas cambesas... Alumean os gancios que de vez en cando compre escabuzalos. Ben alumearon, deica os 50, na Espasa de Chandrexa, namentras houbo camas de colgadeira e trandeiras nos sobrados. Os homes da serra viven sobre o terreo, dos productos que ela dá. Teñen facenda e leito e queixo, teñen pan de abondo, nas searas semetando e en forno propio cocido. Nas caeiras hai moita castaña. Tres castiñeiros na Edreira. E chegado o día da festa, farían como nas Taboazas, onde xa tiñan por costume recibida, pra saber da ovella senteciada, deixa-la res nun curro con portelo calibrado, a ovella que non daba choutado, que non daba a talla, era guisada. E un, ao escoitar estas cousas, parécelle que o tempo quedara pendurado dun sedeño; vén un silencio raro; medra no interior unha paz que adormece os sentidos; e os miolos viaxan dacabalo dos nubeiros, imaxinando tanta vida xunta, tanta xente cubrindo a serra enteira.

Todos, todas estas parroquias, só contan cun único núcleo de poboación en tan vasta extensión. Que diferente é a montaña do resto do país!, porque en Galicia temos 30.675 entidades de poboación repartidas entre 3.771 parroquias; ou sexa, tocamos de media a 8 núcleos por parroquia.
Mapa Macizo.
Mapa Macizo. | La Región

Vida dura a máis non poder, a das aldeas da montaña, que hoxe costa un mundo imaxinar. “Nós xa eramos riquísimos en comparanza cos nosos avós”, dicía un vello de Castiñeira dos tempos en que era neno. E nun libro de Xosé Rodríguez Cruz (etnógrafo e amigo do viaxeiro) sobre o pastoreo na serra e a vestimenta tradicional, recóllese outra testemuña similar: En pouco tempo acordamos moito, nós xa eramos riquísimos en comparanza cos nosos abuelos. O mundo viviu mutos anos sin adelanto ningún e vivindo sempre na misma, non se conocían os aviois nin nada deso, pero o noso abuelo falaba que virían tempos en que os homes voarían por encima de nós e os montes estarían cruzados por carreteras. Diciámoslle nós: ¡si, oh, han de voar os homes por encima de nós! Que daquela nin se sabía nada do que hai ahora.

Camiño lousado de Requeixo
Camiño lousado de Requeixo | Xosé Benito Reza

E don Manuel García Paz, autor de IV Melodía (1935), recolle na preguerra civil cousas coma esta: Chaguazoso é o pobo máis frío de Galiza. Fórmano carenta casas con duascentas pesoas, achegadas antre si polo rigore do tempeiro. Caen eilí os móres nevazos do mundo. Os niveiros son móres que rebolos..., cando neva, a neve vaise endurescendo. E ao soprare un aire grande, vai esvarando; apañada, logo, ás grandes paadas polo albañil do vento, iste ponse a formare un castelo de neve ou un lampio. Entonces os homes do consello con páas vaena librando, facendo a rota. É perigoso o sair da casa niste intre. A xente que vai turroando polos tumbios de neve cega ca cisca, ou ceverisca, un vento envolto con neve, o coal dá nos ollos e deixa sen alento. Asina as pesoas que saen a apañare auga ou boscare calquera outra cousa, pérdense a catro pasos da propia casa. E tamén conta dos de Pradoalbar: A vida dos de Pradoalbar, élle moi alasada. Eló enriba fai muto frío. Cada día nevazo que espaventa. As portas, e mesmo por riba dos colmados, segurados con grosas latas de rebolo, fórmanse niveiros grandísimos. Por iso as casas son terreas, é dicir, sin piso ningún pra que non se afonden; e na soia peza que teen, a cociña, alumada polo lume e ás veces polo gancio de unha uz, conviven quecéndose mutuamente, homes e animais.

As Forcadas
As Forcadas | Xosé Benito Reza

E o amigo Cruz vaille contando ao viaxeiro cousas que el tan ben coñece por ser das Frieiras e por estudoso e amante das tradicións. Os lugares máis frecuentados eran as malladas, onde estaba o curro e durmía o pastor. Polas serras adiante os verdes pasteiros con nomes como Mallada Fría, Mallada dos Castiñeiros, de Cerveira, do Frade, da Encomenda, Mallada Nova, A Malladeta, A Mallada do Lagorzo, a da Ramallosa…, todas no alto da serra, polos valciños insinuados. E tamén están os sestiles ou sistiles, que fan referencia aos lugares onde o gando sesteaba, boa sombra e manancial. Na primeira parte do ano andaba a res nos contornos das aldeas, pero cando o tempo estabilizada xa subían as veceiras; pola Santa Isabel, máis ou menos, que cae nos primeiros días do mes de xullo; e quedaban alí ata ben entrado o outono. Cada rabaño na súas zonas de bos pastos, cada veceira coas súas preferencias; máis de tres mil cabezas cada unha, pois cada veciño non acostumaba ter menos de sesenta ou setenta cabezas de res; e en cada aldea había cando menos unha. Moita vida nos altos da serra, en grandes rabaños percorréndoa de punta a punta; cos pastores da res que se chamaban veceiros e os seus axudantes os costeiros; incluso se eran moi grandes tamén tiñan un reveceiro e un recosteiro; e tamén os que andaban coas novelas en vacadas, que se chamaban boieiros. E aló durmían, na soidade da serra. Cada aldea co seu curro e chozo, en lugar abrigado, a cuberto do vento e procurando ter unha fonte preto, por tras dun penedo ou nunha valgada; como acontece no curros de Soutelo ou de Rozavales, de Requeixo, de Langullo, de Cernado, da Mosenda ou das Naveiras.

Museo etnográfico
Museo etnográfico | Xosé Benito Reza

E durmían nun colchón de queirugas. Era o que había, e a xente ao pastor coidábao moito e dáballe ben de comer, porque era fundamental na vida da aldea. Eles acostumaban cantar na soidade dos montes co seu andar silandeiro, e Cruz di que ten constancia dalgúns deses cantares, e das conversas que mantiñan entre eles, berrando fronte a fronte, a unha enorme distancia.

Os curros da serra
Os curros da serra | Xosé Benito Reza

E así, alá arriba, na soidade dos páramos extremos, onde no hai máis horizonte que un ceo inmenso que amplifica os silencios, xuntábanse todos. Unha enchente de vida; tanto da silvestre, que era abondosa e variada, como da doméstica. Xente por acó e por acolá, dende Cernado de Manzaneda e Cova de Trives ata Camba de Laza e Pradoalbar de Vilariño; polas malladas e tantos camiños como cruzaban a serra, tendo conta dos estantes para non se perder. Xente das Forcadas, de Requeixo, da Zamorela, de Chaguazoso, das Taboazas…; que todos remataban por se fundir aló enriba, no cabo do mundo, nas planicies elevadas da Serra de Queixa que é onde remata aquel mundo por riba dos mil cincocentos metros. E, con eles, camiñaba de dez a quince quilómetros diarios unha barafunda de reses en movemento; e grandes poeiras erguían cara aos ceos ardentes do estío, coma se pasara un exército xigantesco camiño de non se sabe que país a conquistar. E pola noite lucían os gancios nos chozos dos pastores, e o mundo afundía baixo unhas estrelas gloriosas que agora perdemos. Ao carón rebulía o can das voltas; e quizais no medio da noite, por tras do farallón glaciar, resoara o ouveo do lobo. Pasos silandeiros non demasiado lonxe, o chirlar duns paxariños insomnes, o ulular grave e profundo dun bufo, os violíns dos grilos, carreiriñas rápidas, o ruxerruxe do rabaño, e o moumear do mastín de ollos lánguidos e cara de pena, ata que lle caeron as pálpebras de tanto mirar a lúa, alí, na porta do curro, coa carranca posta, morto de sono, de soño de séculos de andar a facer o mesmo. Ata que un vento arrebatado arramplou con todo e esvaeceu no tempo...

Altos da Pa na Serra de Queixa
1/13 Altos da Pa na Serra de Queixa | David Simón
A Serra de Queixa en inverno
2/13 A Serra de Queixa en inverno | David Simón
A veiga do Berganzo
3/13 A veiga do Berganzo | David Simón
Chaguazoso
4/13 Chaguazoso | Xosé Benito Reza
Chaguazoso
5/13 Chaguazoso | Xesús Fariñas
Chaguazoso
6/13 Chaguazoso | Xosé Benito Reza
O pastor coa veceira
7/13 O pastor coa veceira | Serra de Queixa
Estante na Serra de Queixa (David Simón)
8/13 Estante na Serra de Queixa (David Simón) | David Simón
Entrecinsa
9/13 Entrecinsa | Xosé Benito Reza
Requeixo
10/13 Requeixo | Xosé Benito Reza
Vacas, pastos, valados e reboleiras na Corraínza
11/13 Vacas, pastos, valados e reboleiras na Corraínza | Xosé Benito Reza
Os curros e as malladas
12/13 Os curros e as malladas | Xosé Benito Reza
Pasteiros higrófilos de montaña (David Simón)
13/13 Pasteiros higrófilos de montaña (David Simón) | David Simón

Contenido patrocinado

También te puede interesar

Lo último

stats