OLA DE CALOR
Ourense en alerta
O Macizo Central, un mundo elevado e rotundo no corazón  da provincia
O Macizo Central, un mundo elevado e rotundo no corazón da provincia | La Región

O Macizo Central, un mundo elevado e rotundo no corazón da provincia

POLOS RÍOS E MONTAÑAS DE OURENSE

Vinte e seis quilómetros enormes que van alancando no senso oeste-leste polas paisaxes máis aparatosas do Macizo Central: polo San Mamede, o río da Hedreira, o Pico Seixo e o encoro do Cenza. Esa é a distancia que hai entre os nacentes do río Tioira nas terras altas de Castro de Escuadro e os fantásticos depósitos glaciares de Chaguazoso, alí onde pousa a memoria dos grandes fríos da antigüidade.

Ficha da ZEC

Altitude máxima

1.781 m (Cabeza Grande de Manzaneda).

Superficie(ZEC)

46.983 has.

Concellos

(Macizo e Serra do San Mamede): Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives, Manzaneda, Vilariño de Conso, Castrelo do Val, Laza, Vilar de Barrio, Maceda e Montederramo.

Moitas das cousas das que agora vou falar están recollidas no meu libro O Macizo Central Ourensán (2009), probablemente a obra, de todas cantas levo escritas sobre natureza e paisaxe, que máis aprecio porque foi escrita nun tempo de entretempo; nese tempo en que sentimos que a terra se abre baixo os nosos pés porque a xente que nos coidou e protexeu toda a vida desaparece de repente e para sempre. Foi entón cando procurei acubillo no colo destas montañas que espallan dende Rebordechao e o Invernadoiro ata a Cabeza Grande de Manzaneda, dende a Serra de San Mamede ata Pradoalbar, e dende a Serra do Burgo ata Vilariño de Conso. E aló marchei (alá marchou o viaxeiro ao que se fai referencia nestes capítulos) instalar nunha casa de turismo rural para mesturarme na terra brava da Serra de Queixa e encher de terra o enorme buraco que levaba no corazón. De terra, plantas, animais e horizontes inmensos; de seixos, lousas e granitos; de uces, vidos e carqueixas; de falcóns, lobos e corzas; de paisaxes espectaculares que eu bebía a grandes grolos como se da auga daquelas fontes xeadas dun outono inesquecible dependera a miña vida. E eu gozaba, silandeiro, coa contemplación serena daqueles horizontes inabarcables que tanta enerxía me daban.

Serra do San Mamede.
Serra do San Mamede. | D.Simón

É o Macizo Central ourensán un mundo aberto e elevado onde apenas se escoitan voces humanas. De feito non hai en toda a xeografía ourensá un mundo tan extenso, afastado e silencioso como aquel; e, non obstante, tan centrado e rodeado de xente por todos os lados. Esa é, sen dúbida, a súa singularidade máis notable. Dende A Teixeira de Maceda ata Chaguazoso de Vilariño de Conso hai vinte e seis quilómetros de pura montaña sen ningún outro núcleo habitado por medio. Vinte e seis quilómetros enormes que van alancando no senso oeste-leste polas paisaxes máis aparatosas do Macizo Central: polo San Mamede, o río da Hedreira, o Pico Seixo e o encoro do Cenza. Esa é a distancia que hai entre os nacentes do río Tioira nas terras altas de Castro de Escuadro e os fantásticos depósitos glaciares de Chaguazoso, alí onde pousa a memoria dos grandes fríos da antigüidade. Vinte e seis longuísimos quilómetros onde só se escoita o silencio, o fungar do vento e os murmurios afogados dunha natureza cada vez máis minorada e apremada a conta dos devastadores incendios que teñen arrasado os últimos anos todas estas montañas; que teñen queimado a maior parte do Macizo Central Ourensán, e que tanta mágoa e aflición nos producen.

Velaí por que todas esas parroquias da Serra de Queixa e dos montes de Manzaneda pertencen aínda hoxe ao bispado da antiga Asturica augusta, tempos afastados nos que a vella Galicia romana espallaba os seus dominios ata o río Douro e a meseta leonesa ou Terra de Foros. O gran macizo é, tal e como o eu nome xenérico indica, unha enorme masa de serras e montes que se arrexuntan procurando unha concreción das formas nada común en Galicia; para dar finalmente como resultado un volume grandioso estrañamente circular e concreto que xira e se desenvolve arredor do Pico Seixo aos 1.705 metros de altitude.

As formas

Coma unha enorme vinchoca asomando impoñente no corazón da provincia de Ourense. En efecto, o primeiro que chama a atención no gran macizo é a súa centrada situación, o seu afastamento respecto dos grandes límites territoriais. Porque o natural, cando se trata de terras elevadas que sobordan os límites do humanamente habitable, cando a xeografía traspasa a fronteira das terras poboadas, é que estes territorios se presenten nas extremas e divisorias administrativas establecidas polos seres humanos moito tempo atrás. E iso é así porque as grandes montañas, na súa aparente inconmensurabilidade, ofrecen un límite preciso por onde podérmonos levar a raia, esas liñas virtuais que van afastando pobos e culturas; caso por exemplo das serras orientais da nosa fronteira con Asturias, León e Zamora; e, tamén, no Xurés ou no Leboreiro que vimos en semanas pasadas. Pero agora non é o caso, non, non o é; porque o Macizo Central Ourensán, en toda a súa opulencia e magnificencia xeográfica, nesas 47.000 hectáreas que conforman a Zona de Especial Conservación (ZEC) da Rede Natura 2000, non define ningunha fronteira ou límite administrativo de importancia, agás o de ser aqueles altores finais que chegan a sobordar os 1.700 metros de altitude punto de encontro dos nove concellos ourensáns que aló nas cumieiras e de xeito moi natural se dan a man; unha man fría aterecida polos ventos xeados que percorren as espidas e altas penechairas. E isto é así porque o Macizo Central é exclusivamente ourensán.

E, con todo, si hai alá enriba unha divisoria moito menos coñecida, pero non por iso menos importante, e que nos transporta a tempos moi recuados en que eramos unha provincia do Imperio, de cando naceu Galicia como provincia romana; a única autonomía do Estado español que aínda conserva o nome que lle puxeron os romanos hai dous mil anos; non así a Tarraconensis, a Bética ou a Lusitania, por exemplo. En efecto, vai e sigue indo por alá enriba e malia os milenios transcorridos o límite entre as dioceses de Ourense e de Astorga, lembranza dos vetustos conventus bracarense, lucense e asturicense en que se dividía Gallaecia; unha divisoria entre sedes que vai polo río Camba e o encoro das Portas, logo pola divisoria entre Vilariño de Conso e Castrelo do Val que se prolonga polo Fial das Corzas na extrema con Laza; e, finalmente, todo o río de Queixa abaixo que logo do encoro será Navea ata o río Sil.

Castelo granítico.
Castelo granítico. | Xosé Benito Reza

Velaí por que todas esas parroquias da Serra de Queixa e dos montes de Manzaneda pertencen aínda hoxe ao bispado da antiga Asturica augusta, tempos afastados nos que a vella Galicia romana espallaba os seus dominios ata o río Douro e a meseta leonesa ou Terra de Foros. O gran macizo é, tal e como o eu nome xenérico indica, unha enorme masa de serras e montes que se arrexuntan procurando unha concreción das formas nada común en Galicia; para dar finalmente como resultado un volume grandioso estrañamente circular e concreto que xira e se desenvolve arredor do Pico Seixo aos 1.705 metros de altitude. Unhas morfoloxías alleas ás que atopamos normalmente nas paisaxes montesías do noso país, e que sempre teñen unha orientación clara cara á certos aires na roseira dos ventos; caso de Ancares, Courel, Larouco, Xurés e tantos outros. Formas alongadas que a veces se organizan nunha xerarquía superior entendida como “cordilleira”, resultado das presións ás que se veu sometido o territorio hai millóns de anos durante os vellos paroxismos tectónicos. Pero agora non é así, e esa é, como dicimos, a súa máis rechamante singularidade; un territorio complexo onde as serras e os montes se confunden, mesturan e galgan uns sobre os outros; e só achegándonos a eles seremos quen de discernir singularidades, tendencias, compases e orientacións que antes se nos facían imperceptibles. Así, descubriremos que, en efecto, as serras que conforman o macizo circular tamén se proxectan en paralelo cara a un horizonte preciso seguindo a natural disposición dun antigo pregamento que basculou os vellos bloques en dirección NO-SE: a Serra do Fial das Corzas, O Invernadoiro e o San Mamede que prolonga a liña pola escarpa de falla do Rodicio ata a Cabeza de Meda; mais todos os rebordes que baixan en dirección contraria cara o val agarimoso, quente e mediterráneo do río Bibei. Todas elas cosidas e enfiadas pola impoñente Serra de Queixa que domina a área setentrional deste amplo territorio, un bloque levantado durante o pregamento alpino do Terciario e que segue agora a orientación xeral das fallas desa rexión no senso cruzado NE-SO. E tamén poderíamos incluír nesta relación á Serra do Burgo que separa Queixa de Montederramo e a Terra de Caldelas, pechando así polo norte o gran círculo orográfico logo da profunda fochanca por onde circula o río Navea. Velaí a razón circular da morfoloxía do territorio que andamos a contemplar: unha confabulación ou xustaposición de serras aparentemente inextricables, pero onde cada unha conserva a súa personalidade axustada ás forzas tectónicas que moldearon este territorio hai millóns de anos. É pois este bloque montañoso, cos seus profundos e encaixados vales e as vastas superficies de aplanamento que coroan as partes máis elevadas, unha notable singularidade xeográfica; compendio de serras que un día soergueron no corazón da provincia de Ourense ata acadar os 1.781 metros na Cabeza Grande de Manzaneda. Terras convulsionadas e soerguidas polas forzas epiroxénicas que modelan o planeta, aquí perfectamente delimitadas polas grandes depresións que as van contornando: a de Monforte e Quiroga ao norte, a do Bolo no Bibei ao leste, a do Támega de Verín ao sur, e a da Limia de Xinzo xunto coa de Maceda a poñente.

Lagoa de orixe glacial.
Lagoa de orixe glacial. | Turismo de Ourense

As rochas

Ademais dos volumes que dominan os grandiosos escenarios do Macizo Central, tamén debemos considerar a osamenta das serras. Porque aquí non temos un cortizo homoxéneo e uniforme, senón dous mundos contrapostos que se presentan ante nós de xeito moi diferente segundo á natureza da rocha do subsolo. Xúntanse aquí as dúas Galicias máis coñecidas se falamos en termos litolóxicos, e ás que o noso guieiro don Ramón Otero Pedrayo denominaba a Galicia pizarrosa e a Galicia granítica; unha propia das terras oceánicas do occidente e a outra das grandes serras orientais que nos afastan doutros territorios. Hai aquí, en efecto, unha Galicia laminada, de xistos e lousas que cando as vemos de preto parecen ter sufrido mil padecementos, amosando os camiños estratificados dun magma esmagado a gran profundidade. Son formas e acenos propios que espallan dende Vilariño de Conso e Montederramo por toda a área sur-occidental do gran Macizo. As vemos polo San Mamede (agás na cumieira que é unha intrusión granítica), e tamén amplamente espalladas polos montes de Castro de Escuadro, do Invernadoiro, do Fial das Corzas e dos Altos do Samión.

Encontro da Serra de Queixa co Invernadoiro.
Encontro da Serra de Queixa co Invernadoiro. | Xosé Benito Reza

Todas estas rochas de orixe metamórfico debuxan paisaxes semellantes á das grandes serras do oriente galego, presentando grandes e avultados lombeiros de terras pesadas e arxilosas de suaves fisionomías e prolongalas vertentes separadas por profundos barrancos; e onde os ríos novos, nestes chans facilmente degradables, van modelando o territorio pola rede dendrítica de drenaxe típica destas litoloxías, similar á ramificación das árbores. Paraxes onde vemos asomar as cristas e resaltes das duras cuarcitas que a erosión diferencial vai deixando ao descuberto, e onde se manifestan claramente as bandas paralelas que marcan a dirección do antigo pregamento. Fóra delas, dese gris azulado das louxeiras onde ía a xente recoller a pedra para facer os teitos, non hai máis cor que o manto verdeal que outro día descifraremos. E, ademais destas rochas, temos tamén os granitos hercínicos de dúas micas e algunha migmatita dominando a banda norte do gran macizo; dende o encoro de Queixa ata a Terra de Caldelas con toda a Serra do Burgo por medio, e dende as altas cumieiras da Serra de Queixa polo Sixtil Branco alongándose en dirección nordés cara ao río Bibei. Pedra de gran que ocupa unha gran parte dos concellos de Manzaneda e Trives, así como a parte norte dos de Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso. Afloramentos que nada teñen que ver coas bandas de cuarcitas que a xeito de cristas ou “galiñeiros” van culminandoas dorsais das serras meridionais como o Invernadoiro; pois agora, o que vemos, son sábregos e unha anarquía de penedos ciscados polas ladeiras da gran serra de Queixa-Manzaneda. Estamos de novo, como no Xurés, nesas paisaxes adustas e caóticas, nun escenario gris de rochas cristalinas que se presentan ante nós ben a xeito de grandes penedos como bolos illados, tors, dorsos de balea, picas ou pedras cabaleiras; ou ben en formacións compactas como os castelos lanzais que asoman nos cotos de Manzaneda.

Mapa Macizo Central.
Mapa Macizo Central. | La Región

Ríos de auga e xelo

O gran macizo é tamén crisol e matriz onde nacen ríos de sona; e que, ademais, son na súa maioría propios e con carácter exclusivo a todos os ourensáns. Estamos a falar de ríos de cuncas tan diferentes como o Arnoia que vai directamente ao Miño; do Mao e o Navea que son do Sil; do Camba e o Conso que pertencen á bacía mediterránea do Bibei que tamén se xunta co Sil en Montefurado; e do Támega de Verín que non ten nada que ver cos anteriores pois é da cunca do Douro. E, non obstante, todos eles comparten ese territorio común onde abrollan as súas augas seminais. Todos eles son, no incipiente camiñar das súas augas primeiras, rolda e carrusel no marco circular onde encaixa a perfección o rotundo macizo. En efecto, hai un claro presentimento de proximidade e achegamento entre todos eles nalgún punto elevado do macizo montañoso. Será o Arnoia co Limia nos brazos que avanzan dende o San Mamede. Será o Támega que por aló tamén anda nos altores da Alberguería e apenas a un tiro de pedra dos anteriores. Serán os afluentes do Bibei de Viana, O Bolo e Manzaneda que por alí se chaman Conso e tamén Camba polas terras de Castrelo do Val e Laza e onde se achega aos dominios do Támega; e tamén o da Hedreira que antes é das Casas e logo Queixa e finalmente Navea, e que é o único que de verdade tronza e penetra profundamente no gran macizo montañoso ata bater nas fontes do río Camba. Mesmo o Mao dos monxes de Montederramo que, inda que algo máis afastado, vai beber non lonxe da capela do eremita que culmina o San Mamede. E, por todo isto, non hai moitos lugares en Galicia onde se dea, en tan limitado espazo como aqueles altores finais, un conclave fluvial de semellantes proporcións.

Val do río Queixa.
Val do río Queixa. | Xosé Benito Reza

E así van os ríos debullando o macizo, creando fervenzas espectaculares como a do Cenza por Castiñeira, nesa fronteira entre os retallos da vella penechaira rabuñada polos xeos da antigüidade e que culmina o mundo por riba dos 1.500 metros de altura, e a movida xeografía dos angostos vales por onde escorregan torrencialmente os ríos e regueiros da montaña. Escarpas e rachaduras tan impresionantes que da fervenza de Castiñeira ou Ola do Cenza dicía a xente antiga antes de que abrirán a canteira que facía unha fumareira como si estiveran ardendo tres casas a un tempo, esprende botos coma oito homes; non deixa durmir a nadie a súa roxideira en duas légoas arrodeada. ¡E graceas que se brandou a ola, pois noutro tempo chegaba a ouvirse na vila de Ourense!

Galiñeiro de cuarcita metamórfica.
Galiñeiro de cuarcita metamórfica. | Xosé Benito Reza

Pero non só os ríos do Holoceno foron quen de traballar arreo na morfoloxía destes bloques elevados; pois aquí os xeos xogaron tamén un papel fundamental na construción dos grandiosos escenarios que andamos a visitar. Hai testemuñas abondo, reliquias dun tempo que nos proxecta cara as grandes estepas xeadas da Europa oriental ou cara ó norte brumoso dos ríos de xeo. Así debeu ser tamén por aquí en tempos remotos, naqueles anos de parsimonioso traballo glacial e con neves perpetuas por riba dos 1.100 metros de altitude. Así, enumeran os expertos todo ese mundo antigo e xeado dos cumios da Serra de Queixa con circos, conos, morenas, bloques e vales glaciares en forma de “U” que hoxe reclaman a nosa atención. De paredes e baluartes en espectaculares anfiteatros situados a sotavento das frontes polares que varrían a serra e que nos transportan, estupefactos, once mil anos atrás.

Castelo de Cerveira.
Castelo de Cerveira. | Xosé R. Cruz

Glaciares que ocupaban as cabeceiras dos humildes regueiros e as pequenas lagoas que hoxe vemos, pero onde antes se acugulaba un enorme cobertor branco de pura neve que superaba os 200 metros de espesor. É o caso do glaciar das Lamas e de San Lázaro, de Prada, de Cerveira en Queixa co Invernadoiro, das Forcadas e Requeixo no río Grande, do Regueiro e Mormentelos, do Figueiro no parque natural, e, sobre de todo, do magnífico val do Cenza hoxe asolagado, esvarando a súa morena ata a Última Thule galega: o lugar de Chaguazoso a 1.300 metros de altitude, o segundo máis alto de Galicia logo de Cepedelo de Viana que só lle gana por unhas ducias de metros.

Penedos glaciales.
Penedos glaciales. | Xosé Benito Reza

E quedan e quedarán tamén para sempre outras reliquias e testemuñas da acción pertinaz dos xeos; picoutos illados ou nunatak, como o Castelo de Cerveira que nos reclama dende a distancia, e imos a el dende Pradoalbar coa vista alzada e un latexar acelerado no peito, impelidos pola forza poderosa da súa impoñente presencia.

As Picas graníticas de Paradela.
1/6 As Picas graníticas de Paradela. | Turismo de Ourense
Circo glacial.
2/6 Circo glacial. | Xosé Benito Reza
Bandas de cuarcitas no Pico Seixo.
3/6 Bandas de cuarcitas no Pico Seixo. | D.Simón
Morena glacial de Chaguazoso.
4/6 Morena glacial de Chaguazoso. | Xosé Benito Reza
Penechaira da Serra de Queixa.
5/6 Penechaira da Serra de Queixa. | D.Simón
Val gracial do Cenza.
6/6 Val gracial do Cenza. | D.Simón

Contenido patrocinado

También te puede interesar

Lo último

stats