A matanza, o sentir do rural

TRADICIÓNS

A matanza do porco é un dos traballos comunitarios das aldeas que comeza a desaparecer co despoboamento do entorno rural e a falta de relevo xeracional. En Viana aínda perduran, pero o número diminuíu de xeito alarmante

O sacrificio do porco permite a elaboración posterior de diferentes embutidos e salazóns.
O sacrificio do porco permite a elaboración posterior de diferentes embutidos e salazóns. | C.C.

"Poucas matanzas quedan xa nas aldeas”. Esta é unha afirmación que escoitamos acotío no medio rural, onde traballos que durante décadas formaron parte esencial da vida comunitaria e da tradición familiar, hoxe sobreviven prácticamente só na memoria colectiva.

A matanza do porco sempre foi unha tarefa ligada á autosuficiencia do fogar, que se levaba a cabo durante os meses de inverno -principalmente en novembro e decembro- e consistía no sacrificio do porco e na posterior elaboración de produtos como chourizos, androllas, touciños ou xamóns, que permitían asegurar o alimento para boa parte do ano.

Máis aló do seu significado económico, a matanza ten un gran compoñente cultural, xa que permitía reunir a familiares e veciñanza arredor dun traballo colectivo que semellaba unha festa e cuxos coñecementos pasaban de xeración en xeración.

Toda casa de aldea celebraba a súa matanza; porén, o paulatino abandono e despoboamento do medio rural trouxo consigo un proceso próximo á desaparición. “Poucas quedan”, afirma Tina Alves, veciña de Fradelo, en Viana do Bolo, que recorda máis de vinte matanzas neste pobo fai catro décadas. “Agora só quedan tres”. Unha situación semellante ocorre no resto de aldeas deste municipio ourensán ou doutros veciños, como Vilariño de Conso, A Gudiña ou A Mezquita.

Aínda así, as poucas que se conservan manteñen ese espírito: o traballo ligado ao encontro e ao fortalecemento dos vínculos sociais.

“Poucas quedan. Fai catro décadas había máis dunha vintena de matanzas, agora hai tres”, afirma Tina Alves

A tarefa comeza coa matanza propiamente dita, xornada na que se sacrifica o porco e se leva a cabo a retirada das vísceras e a súa limpeza para a posterior elaboración de embutidos e outros produtos secundarios. Aquí, a colaboración de todos e cada un dos participantes é fundamental.

Tras o duro traballo chega a quenda dun gran festín, elaborado a partir de sopa, cocido, cordeiro ou saborosas sobremesas. Un longo copiño e unha boa partida ás cartas completan a xornada, que remata cunha cea conxunta na que non faltan as molexas, o fígado ou as filloas.

Elaboración das androllas -produto típico das Terras do Bibei, por varias xeracións-.
Elaboración das androllas -produto típico das Terras do Bibei, por varias xeracións-.

Esta é a antesala da “desfeita”, que se inicia ben cedo e permite preparar a carne para a elaboración da zorza e das salazóns. Aquí, as protagonistas no prato son as frebas feitas na brasa e as moitas “sobras” do día anterior. Tras o repouso do adobo, chega a quenda de embutir e elaborar parte do produto final: chourizos, androllas ou bochas. Despois desta tarefa, coñecida como “encha”, o traballo non cesa. Durante semanas, haberá que facerlle lume na lareira para que todo cure de maneira axeitada.

“Imos ter que voltar ao de antes”, afirma Francisco Jares, parella de Tina, que durante a pasada fin de semana levou a cabo a matanza na súa casa. Unha afirmación que lembra ben o que outros maiores dixeran antes. Palabras cargadas de experiencia e memoria dun tempo no que o traballo colectivo unía ás familias e reforzaba os lazos entre veciños. Quizais reflicte a súa propia visión do futuro, ou a esperanza de que non se esquezan as tradicións que manteñan vivo o vínculo entre a veciñanza e a memoria rural. E é que as matanzas, como moitos outros traballos comunitarios das aldeas do rural, parece que teñen os anos contados.

Contenido patrocinado

stats