Outros espazos do Macizo Central
POLOS RÍOS E MONTAÑAS DE OURENSE
O Invernadoiro, O Bidueiral de Montederramo e O Val do río Navea
Ficha
Invernadoiro
Figura de protección: Parque Natural
Superficie : 5.7724 has .
Concellos: Vilariño de Conso
O Invernadoiro
Lembro con emoción aqueles días en que, sendo un mociño e coa mochila ás costas, entrei por primeira vez nos montes do Invernadoiro. Ía acompañado dun fillo de Celso Emilio Ferreiro que coñecera en Madrid cando o poeta celanovés regresou do seu periplo caraqueño. Meses que levabamos soñando con aquela “expedición”; examinando entusiasmados a folla do exército a escala 1:50.000 daquel territorio, que xa nolo sabiamos de memoria malia non coñecelo de nada; hai diso medio século. Baixamos na estación de Campobecerros; e, logo da grande aldea de montaña de Castrelo do Val, iniciamos o remonte. Como xa era tarde acampamos axiña sobre un chan de xistos esfarelados de tonalidades ocres que a min me sorprendían pois eu son fillo dun país de sábregos e granitos grises. Ao día seguinte culminamos a pista no Lombo do Lameiro e baixamos á Ribeira Pequena para atoparnos, admirados, de que naquel desolado lugar puidera haber unha casa tan chula e vivir alí alguén. Axiña entendemos cando o garda de Papelera Española (penso que se chamaba Celso) nos dixo que aquilo era unha propiedade privada; e, moi educadamente, convidounos a subir ao Land Rover para nos levar fóra dunha inmensa finca da que non tiñamos nin idea da súa existencia. Horas máis tarde acampabamos para pasar a noite pé do encoro de As Portas que se creara un par de anos antes non lonxe do encontro das dúas Ribeiras que viñan do Invernadoiro, coa mole impoñente dos montes abaténdose sobre nós e rodeados dun impresionante silencio. E rematamos aquel primeiro día ceando unha magnífica troita que eu pesquei cunha culleriña dourada do tres ao empardecer. Hoxe, aínda sinto aquela emoción; o grave e profundo silencio dos altos e pinos lombeiros que comprimían o mundo, os murmurios que enchían a noite de sons inquietantes; enxertados como estabamos no seo da natureza máis brava que un se pode imaxinar en Galicia.
A gran finca dos Montes do Invernadoiro foi adquirida á empresa Papelera Española S.A . o ano 1984 logo do devastador incendio que arrasara, cinco anos antes, unha boa parte da súa riqueza forestal; converténdose así, as súas 5.772 hectáreas de superficie, na maior propiedade pública en mans do goberno galego dende aquel data. En 1985 acordamos acollernos á Lei de Caza de 1970 para declaralo “refuxio de caza”; en 1989 entraba na relación de espazos naturais en réxime de protección xeral; e, en 1990, regulabamos o acceso e as actividades de uso público desta xoia ecolóxica que xa contaba daquela cunha aula da natureza. Aquelas instalacións para actividades de educación ambiental que fixemos aproveitando o barracón que había na Ribeira Grande, e que puxemos en marcha cuns biólogos contratados a tal efecto (como o meu apreciado amigo e compañeiro, xa desaparecido, Jesús Blanco) enchéronos de ledicia e satisfacción; porque era unha regalía verlle a cara de felicidade aos centos de nenos (e tamén aos mestres e monitores que os acompañaban) que pasaban por alí todos os anos, e que “alucinaban” naquel entorno natural que ata había ben pouco fora unha finca particular. Finalmente, eses montes eran declarados Parque Natural o día mundial do Medio Ambiente de 1997, culminando así o noso traballo naquela paraxe extraordinaria.
O Invernadoiro é o santuario natural máis prezado, porque neste dominio público non hai máis obrigas que conservar a natureza e ofrecer un refuxio privilexiado á fauna silvestre.
Os Montes do Invernadoiro ocupan a parte sur-oriental do gran Macizo Central ourensán no concello de Vilariño de Conso, configurando dous vales profundamente encaixados no cortizo de xistos e cuarcitas metamórficas polos que se abren paso os ríos da Ribeira Pequena e da Ribeira Grande, fillas do Camba que vén de Campobecerros e que hoxe desaugan no encoro de As Portas. Preside polo norte estes montes o Pico Seixo a 1.705 m de altitude, xusto por riba daquela paraxe excepcional e zona de máxima protección do val glacial do Figueiro ou de Aguacenza, e que tamén se viu afectada polos incendios destes últimos anos. Linda o espazo natural polo leste coa alta dorsal que vai polo Pico da Ortiga ata o encoro das Portas no límite coa parroquia de Santo André de Pradoalbar (á que tamén pertence o Parque Natural) e de San Mamede de Hedrada; e polo oeste co Fial das Corzas na raia con Laza. Parte as dúas Ribeiras un alto lombeiro que progresa en dirección NO-SE dende a Cabeza da Veiga do Fial a 1.552 m, ata o encontro dos dous ríos no encoro de As Portas e onde se atopa a presa máis alta de Galicia con 141 metros.
Estamos agora nun mundo pausado e silencioso, dotado da gravidade e solemnidade que impoñen as altas montañas. Poucos lugares hai en Galicia tan afastados e lonxe de calquera balbordo; e non hai visitante que non sinta naquelas estremas, nas profundas corgas e escuros cavorcos onde apenas chega a luz do sol no inverno, un sentimento de paz e tranquilidade plenas; coas impoñentes morfoloxías elevándose ao seu redor a unha enorme altura. Naquelas regatas e barrancos, na luz crepuscular que domina en todo tempo aqueles ceos, viven (ou vivían antes dos últimos incendios que devastaron unha gran parte do espazo natural) os carballos máis vellos de Galicia, e tamén vidos, cancereixos, teixos, vetustos acivros e urces brancas e vermellas no dominio do que se nos antolla debeu ser en tempos remotos unha inmensa carballeira antes das queimas seculares. Polo camiño fluvial que marcan as dúas Ribeiras hai un cantar mainiño de augas frías que saben a glaciares vellos, o único paso habilitado para os seres humanos na inmensidade daquelas montañas. Aquí non hai poboados nin asentamentos; nin barullos nin máis estrondos que o estoupar das treboadas, o oulear dos ventos tarabelos fungando polos cavorcos, o cantar dos regos gorgolexando nos prados e os graves silencios que pousan sobre o mundo da montaña cando caen as fortes nevadas e todo se pecha, inaccesible e impracticable, para os seres humanos. Ben fará a Xunta preservando este lugar, porque todos os que visitan esta marabilla última, sobre todo os nenos que van a aula da natureza, quedan cun pasmo na boca e os ollos estartelados ao ver corzas esquivas na revolta das pistas, cervos de orgullosas cornamentas despuntando nas torgueiras vellas, un alarde de equilibrio de cabras montesas culminando os rochedos, rebezos de faciana riscada asomando nos altos, e quizais a sombra fugaz do lobo ao seu paso pola espesura forestal do Lombo do Lameiro. O Invernadoiro é o santuario natural máis prezado, porque neste dominio público non hai máis obrigas que conservar a natureza e ofrecer un refuxio privilexiado á fauna silvestre. Eu, hai moito que non vou por alí, pero ben sei que segue alí Tomás Pérez Hernández, con quen puxen en marcha, entre outras cousas e hai moitos anos, a aula da natureza e a estación de desove de troitas; un bo axente forestal comprometido co seu traballo.
Como exemplo do que nun tempo debeu ser esta terra indómita de brava natureza, este curruncho tan especial para a fauna silvestre de impoñente presenza e grande alzada, traio aquí o texto que en 1935 escribiu o profesor Manuel García Paz na súa obra IV Melodía, e que nos deixa atónitos, marabillados e incluso escandalizados, pois a serra enteira máis que serra parece un matadoiro: Non tardaron en ascender ao alto das lamas de María, en coya cima escomenza o altare venatorio do Invernadeiro... En búsqueda das canadas a onde baijan as corzas, fóronse inducindo ao Val de Figueiro... Prontes a cazata, os cazadores foron aconchegándose aos sitios baijos por onde teen que pasare os venados... E cando o cán escomenza a dare siñaes, o cazador destapa os sensos, apreta o gatillo, e na encanada resoa un tiro que a envolve en tremores... En doce cabalos viñan ibados catorce corzas, catro jabalís, sete zorras, duas garduñas, tres turoes, un teijo, cincoenta coellos, oito aigües e catro mouchos, doce bufos, seis garduñas e nove picachuelas. A egoada os cascos esgalamondraba a branca camisa da terra, deijando caer para cubrila remendos de sangue.
Ficha
Bidueiral de Montederramo
Figura de protección: Z.E.C.
Superficie : 1.984 has .
Concellos : Montederramo
O Bidueiral de Montederramo
Vai por estas terras de monxes, pola banda de poñente do gran Macizo Central e non lonxe da abadía de Montederramo, un bosque de bidueiros como non se viu outro igual. Uns vidos que espallan ao pé da Serra do San Mamede e no extremo meridional do concello de Montederramo, tan longamente e dende hai tanto tempo, que poderíamos considerar estes bidueiros da asociación Luzulo henriquesii-Betuletum celtibericae como bosques primarios estables, nesa sucesión ecolóxica que no noso país acada a plena madurez e a máxima biomasa e complexidade nas carballeiras. Estamos a falar agora dunha especie que pode vivir en calquera recanto do país, dende a beiramar ata as altas montañas, sen máis requirimentos que algo de sol, un pouco de solo e auga; e por iso tense o vido como a especie arbórea de maior plasticidade ecolóxica de Galicia. Vémolo normalmente en pequenos arboredos instalados nas zonas chairas onde a humidade do solo ou hidromorfía non permite progresar outras árbores; e, sobre todo, preto dos cursos de auga e acantonados nas corgas polas que soben os regueiros, e que nunca ocupan grandes extensións. Pero agora, co que nos topamos aquí, é con algo diferente: cun extenso e inesperado bidueiral en equilibrio coas forzas naturais que condicionan a vexetación da alta montaña ourensá; un ecosistema forestal de tanto interese como pode ser á Devesa da Rogueira no Courel ou o Avesedo de Donís nos Ancares, e que ocupan tamén áreas montañosas orientadas ao norte como esta. Nesta zona do Macizo Central Ourensán os bidueiros víronse favorecidos por unhas condicións ambientais moi particulares: ser un lugar elevado e moi frío con cotas que superan os 1.200 metros de altitude, e tamén moi húmido pois as precipitacións poden superar os 2.000 litros por metros cadrado. Por todo iso o Bidueiral de Montederramo foi declarado Zona de Especial Conservación da Rede Natura 2000 (código ES1130003), onde aparecen moitos dos hábitats que xa vimos en semanas pasadas cando falamos do Macizo Central.
Ocupa esta ZEC o extremo sur do concello de Montederrano no que é a gran cunca de recepción do río Mao e ladeira norte da Serra do San Mamede (1.619 m), para rematar no elevado cordal que separa este concello dos de Vilar de Barrio, Laza e Chandrexa de Queixa, pasando polos evocadores casaríos de O Teixedo e A Ferrería, este último na marxe esquerda do río de Queixa. Ten o espazo natural unha superficie de case dúas mil hectáreas (1.984 has), pertencentes na súa maioría ao monte San Mamede de San Pedro de Gabín, mais unha pequena superficie dunhas 275 has dos montes Travesa e Campo da parroquia de Santa María de Paredes do dito concello. Esta zona, anexa á ZEC do Macizo Central pola banda de poñente, contén, ademais dos propios vidos de Betula celtiberica, outras especies de frondosas caducifolias propias do chamado piso “montano” da rexión atlántica como carballos, cancereixos, pradairos, moitos acivros, e abeleiras que poden facerse dominantes na proximidade dos regueiros, sen esquecer as masas de coníferas que puideron sobrevivir ao furor das lapas; uns piñeirais de repoboación da especie Pinus sylvestris que dominaban, xunto cos teixos e os bidueiros, a paisaxe da Galicia montañosa anterior á retirada dos vellos glaciares. Piñeiros “autóctonos” que espallaban hai milleiros de anos por todas as montañas de Galicia, e que se viron forzados a subir tanto en altitude como en latitude ao suavizar o clima e chegar ao temperado oceánico que temos hoxe; retirada forzada ata a súa total extinción para seren substituídos no noso país polas frondosas actuais de folla grande e caduca que chamamos planifolias. Porén, si quedaron, como reliquias daqueles tempos xélidos e secos, os sufridos e eternos teixos dos que falaremos cando cheguemos a Trevinca.
Para ver o bidueiral hai unha ruta (a PR-G 182) que ao longo de nove quilómetros e unhas tres horas de marcha percorre este espectacular paisaxe boscoso de media montaña, con saída e chegada no denominado Campo do Casar ao que se accede pola pista que vén do lugar de A Mogaínza. Ben merece a pena penetrar nas interioridades boscosas deste bidueiral único, e procurar a luz anacarada das súas rechamantes cortizas.
Ficha
O Val do río Navea
Figura de protección: Paisaxe Protexida
Superficie: 691 has .
Concellos: San Xoán de Río/A Pobra de Trives
O Val do río Navea
O Val do río Navea foi o primeiro espazo natural que declaramos coa categoría de “Paisaxe Protexida” o ano 2008 en Galicia; unha figura de protección recollida na daquela Lei 9/2001 de Conservación da Natureza e agora tamén na vixente norma autonómica do 2019. Xunto cos Penedos de Pasarela e Traba dos concellos coruñeses de Vimianzo e Laxe, son os únicos espazos naturais en Galicia con este tipo de recoñecemento; méritos que no caso ourensán atenden, fundamentalmente, á presenza dos espectaculares soutos e carballeiras que poboan profusamente o val encaixado do río Navea xa próximo o seu encontro co río Bibei; un trabado e frondoso arboredo acubillado na profunda garganta que pinta no outono de amarelo, ocres varios e ouro vello este soberbio escenario.
A Paisaxe Protexida do Val do Navea ocupa unha superficie total de 691 hectáreas pertencentes ao concellos de San Xoán de Río e A Pobra de Trives. Un lugar onde o río, atendendo a chamada do Sil a través do seu emisario o Bibei, abriu una profunda entalladura de abruptas ladeiras e fortes pendentes de moi difícil acceso; de tal xeito que as árbores atoparon aquí un lugar ideal para se defender dos lumes e do ataque das machadas humanas, favorecendo así a supervivencia deste extenso e antigo bosque; como acontece, inda que a moita menor escala, en tantas corgas e valgadas húmidas e sombrías como cruzan Galicia. Estamos a falar das fragas de carballos e rebolos como especies principais, e dos seus acompañantes xa amentados moitas veces nestas entregas, e que medran ben en zonas con certa humidade e non excesiva insolación, caso de abeleiras, pradairos e cerdeiras bravas, ou os amieiros e salgueiros que viven na inminencia das augas. E tamén, por suposto, dos soutos tradicionais que espallan amplamente por estas terras altas e frías de media montaña do oriente ourensán, enriquecendo o país de Trives, de Viana, As Frieiras e Valdeorras, e cuxo froito foi fundamental no decorrer da vida desta xente durante séculos.
No lugar onde comeza o espazo natural atopamos a Ponte Navea; unha notable testemuña do paso da vía romana que xunguía Braga con Astorga, e que vén do Xurés que xa vimos na outra extrema da provincia. Unha construción viaria que aínda conserva trazos da vella fábrica romana; porque aquí, nos rebordes erosionados que baixan dende o Macizo Central pola banda setentrional, todo sabe á vella Roma; caso dos miliarios de Cerdeira, das minas dos Biocos e por suposto da impresionante Ponte Bibei, paso de comunicación obrigado para a xente destas comarcas durante séculos; deses romanos que dobregaron os tiburos do Trives Vello que vivían en Nemetobriga. A Ponte Navea está encravada nunha das paraxes máis evocadoras e fermosas que coñezo, acompañada como está por aquel antigo casarío cuxa orixe se remonta seguramente ao tempo da construción da vía no século primeiro. Dende ela parte a Ruta da Fraga que vai pola marxe contraria para mergullarnos nunha das zonas máis avesedas deste territorio, ata chegar aos sequeiros da Pena Folenche e o seu magnífico miradoiro granítico situado no medio da aldea; camiños deliciosos para gozar destes bosques e dos vetustos e proveitosos soutos da Terra de Trives. E hai tamén outros fermosos miradoiros, como o da Fraga do Navea pola banda de San Xoán de Río, ou o de Penas-Navea no enorme cavorco que crea o río ao achegarse á central de A Ponte Nova, e que espalla, ladeira enriba, por unha barronca espectacular ata o límite coa provincia de Lugo na Serra de A Moá e o Monte Cerengo (1.234 m); e tamén, do outro lado do río e marxe dereita, os miradoiros da Pena da Anduriñeira e o rechamante das Penas de Rome. Todos puntos de observación ben recibidos para apreciar a beleza desta Paisaxe Protexida emprazada no dobre meandro que debuxa o Navea antes de afundir no encoro de Montefurado.
Contenido patrocinado