Pena Trevinca, aproximación á alta montaña
Pena Trevinca, aproximación á alta montaña

Pena Trevinca, aproximación á alta montaña

POLOS RÍOS E MONTAÑAS DE OURENSE

Pena Trevinca e o Bibei: cumes, tradición e memoria no teito de Galicia

Ficha técnica

ZEC: "Pena Trevinca"

Superficie: 24.894 hectáreas

Altitude máxima: Pena Trevinca, 2.127 metros

Concellos: Viana do Bolo, A Veiga, Carballeda de Valdeorras e O Bolo

A Zona de Especial Conservación (ZEC) “Pena Trevinca” é tamén Zona de Especial Protección de Aves (ZEPA), e constitúe un dos espazos naturais máis senlleiros e interesantes de Galicia, tanto pola súa extensión (24.894 hectáreas, o que a sitúa en 4ª posición na Red Natura galega) como pola importante biodiversidade que atesouran estas grandes serras do oriente ourensán. Un lugar onde se atopa o teito de Galicia na Pena Trevinca a 2.127 m de altitude, cumieira final do noso país (o Mostallar dos Ancares lucenses chega a 1.935 m), e onde é frecuente a albura da terra pola teimosía de neves que apenas desaparecer nos rigorosos estíos desta área xeográfica incluída na biorrexión mediterránea, tan lonxe xa da dozura do océano; un contraforte ou baluarte final onde tamén destacan, soberbias e moi próximas, a Pena Negra (2.123 m), a Pena Surbia (2.112 m) e a Valigota (2.008 m). Conforman esta gran ZEC, nas súas extremas orientais lindeiras coas provincias de León e Zamora, os concellos de Viana do Bolo (10.642 hectáreas e o 42,7% do espaso protexido), A Veiga (10.515 has e o 42,3%), Carballeda de Valdeorras (3.244 has e o 13%), máis unha pequena superficie de O Bolo (493 has e o 2%) no ramal que conecta esta ZEC coa do Macizo Central.

Val do Bibei.
Val do Bibei. | Xosé Varela

Vai esta ZEC amparando un feixe de serras e gavelas de montes que centradas na Pena Trevinca percorren dende Valdeorras ata as terras altas e frías de Viana do Bolo unha boa parte do oriente ourensán. É a continuación ou proxección meridiana do alongado contraforte que nos separa de León por Ancares e O Courel, e logo pola terra de contrastes de Valdeorras que asuca o Sil; baluarte orográfico que vai marcando en dirección sur a nosa fronteira ata a Serra do Canizo e As Portelas; para espallar logo cara ao nacente cruzando o val do Tuela ata a Meseta, a aquela chaira inmensa ateigada de sedimentos mariños dun mar de Tetis antigo que aínda existía hai 15 millóns de anos, un mundo moi diferente desta nosa Galicia de louseiras e granitos que conforman o duro cerne do chamado Macizo Hespérico. Estamos a falar, nomeadamente, da Serra Lardeira e os Montes de Casaio; da Serra do Eixe co Maluro (1.934 m) entre Carballeda e A Veiga, da proxección deste último cara ao leste pola Serra da Cabreira co Teleno (2.183 m); da Serra Calva co Alto do Fial (1.841 m) que nos separa de Zamora; da Serra Segundeira co Moncalvo (2.044 m) xa dentro desa provincia; e, finalmente, dos montes de Viana que tronza o Bibei; configurando entre todos ese recanto último onde morre Galicia nun paredón espectacular. Unha área xeográfica onde ten o berce o río Casoio que irá xuntarse co Sil en Sobradelo; o Xares que nace ao pé de Trevinca entre a Serra Calva e O Eixo e irá toparse co Bibei preto de Larouco; e o propio Bibei que nace en Zamora entre a Serra Calva e a Segundeira; sen esquecer o Tera que nace entre a Segundeira e a Cabreira, e que alimenta o lago glacial máis grande da península; unha zona onde crearon o Parque Natural do “Lago de Sanabria e serras Segundeira e de Porto” que chega ata o límite cos concellos de Viana e A Veiga; unha grande área protexida de 32.302 hectáreas similar á que tamén chegamos a propoñer pola banda galega e cuxo plano de ordenamento quedara redactado no 2009, sen que dese proxecto da Xunta de Galicia se volvera saber máis nada.

ZEC Pena Trevinca
ZEC Pena Trevinca

Imos por terras de Viana

Se comezamos a nosa visita pola terras meridionais de Viana do Bolo, decatarémonos de cantas variadas paisaxes imos atopando no noso lento peregrinar polo chamado país do Bibei. Un territorio onde os expertos identifican ata tres niveis de aplanamento: o das altas cumieiras da serras citadas que chega a rebordar como xa se dixo os 2.000 m; un segundo a uns 1.400 m que espalla longamente dende a Serra do Canizo e O Testeiro (1.446 m) ata os Altos do Campanario entre A Veiga e Carballeda de Valdeorras, e que tanto o río Bibei como as aldeas vianesas van contornando sen se atrever a penetralo; e un terceiro a poñente do anterior sobre a cota dos 1.000 m que espalla dende o límite con A Gudiña ata o Alto do Covelo (1.052 m) antes de chegar á depresión de O Bolo.

Xa dende o principio da nosa viaxe imos na compaña do río Bibei, un curso que marca o nivel de base dunha extensa rede de drenaxe que parte dos altores máximos da Pena Trevinca; pero tamén de moitos dos ríos e regueiros que cruzan o Macizo Central. E é precisamente neste lugar onde agora nos atopamos, pé da Serra do Canizo que separa Viana da Terra das Frieiras, onde o Bibei, que vén de Zamora, vese obrigado a xirar bruscamente de rumbo ao ser capturado polo Sil (a 40 qm de distancia en Montefurado); e, facendo un espectacular cóbado, toma rumbo norte para absorber en Viana ao río Camba que vén de As Portas e axiña ao Conso que vén de Vilariño, logo de encaixar un profundo e sinuoso suco no nivel de aplanamento dos 1.400 metros. Estamos nunhas terras onde non hai unha serra ou cordal que organice por completo o territorio; pois o que vemos é un continuum de horizontes que galgan en todas as direccións por terras vetustas e superficies devastadas que erguen no medio e medio da gran revolta do Bibei entre o Porto zamorano e a Viana galega. Por baixo, a carón do río, vai un mundo quente e mediterráneo; porque agora entramos de cheo no mundo das secas estivais e os rigoroso invernos que ameazaban con domear o clima ourensán; razón pola que camiñamos agora entre xestas brancas e dos varredores (Cytisus multiflorus e scoparius), uces brancas (Erica arborea), quizais algunha estepa de alta talla ou carpaza de montaña (Cistus laurifolius), e, sobre todo, o piorno espiñento (Genista falcata), unha novidade no mundo atlántico pero común nestas terras de ambientes mediterráneos, unha especie asociada ás reboleiras que substitúen nestas valgadas e por riba dos 600 metros ás aciñeiras, e que os botánicos denominan Genisto falcatae-Quercetum pyrenaicae.

Xesta amarela (Cytisus scoparius).
Xesta amarela (Cytisus scoparius). | Xosé Varela

E así, conforme afondemos na fenda que vai abrindo o Bibei, no suco meandriforme que segue unha liña de fracturas norte-sur coñecida como falla de Pixeiros ou de Viana, e que continua logo pola de Chandoiro, irán aparecendo aciñeiras e sobreiras, e oliveiras e muíños de aceite que nos sorprenden e funcionaron durante séculos; e érbedos e xaras (Cistus sp.), e tomiños e cantroxos (Thymus e Lavandula), todos falando nesa lingua das terras ocres pintadas de uva tinta; paraxes permanentemente acantonadas no recendo quente e sensual que agatuña polos barrancos fluviais, como o espectacular desfiladeiro de As Ermidas, con socalcos humildes de videiras baixas que nada teñen que ver coas altas parras e os “lobios” itinerantes da miña terra pequena. E hai alí tamén, naquelas fonduras agarimadas, bosques que nos aledan o espírito, tanto pola súa extensión como pola trabada cobertura do arboredo; cerquiños continentais que espallan profusamente por estas corgas do Bibei e tamén polas terras altas e achanzadas do Xares de A Veiga, aqueles melojares, que dirían en Castela.

Xesta branca (Cytisus multiflorus).
Xesta branca (Cytisus multiflorus). | Xosé Varela
Piorno espiñento (Genista falcata).
Piorno espiñento (Genista falcata). | Xosé Varela
Cerquiño (Quercus pyrenaica).
Cerquiño (Quercus pyrenaica). | Xosé Varela

Deixamos o río estoupando en cachoeiras polas terras de Umoso e imos cara á serra brava e áspera, nese subsector bioclimático que denominan Maragato-Sanabriense para diferencialo do que ocupa a depresión do Sil que é o Berciano-Valdeorrés. Procuramos na subida unha sucesión de lombeiros que espallan de sur a norte ata a penechaira dos 1.400 metros, dende Sever, Castiñeira e os Umoso ata Paradela e Penouta, e logo, alá no norte e próximo xa o concello de A Veiga, con Ramilo, esa aldea grande rodeada de campos, incrustada no corazón espido da montaña; sempre en terras de Viana, dunha Viana señorial e altiva que vive soños de elegancia, nobreza e burguesía á sombra da torre da homenaxe; centro e motor daquel mundo dinámico que era nun tempo o oriente ourensán; vila e eixo fundamental no decorrer da vida de todas estas aldeas que tan ben nos describiu, hai máis dun século, o xuíz don Nicolás Tenorio.

Teñen estas terra altas face dura e grisalla, de paraxes espidas e paisaxes adustas que espertan a nostalxia polas terras agarimosas de viñedos e arboredos que acompañarán logo o Bibei. Terras machucadas polas veceiras que percorreron infatigablementes estas serras dende tempos inmemoriais. Pois agora, a pouco que nos afastemos dos regueiros, sempre por riba dos mil metros de altitude, veñen terras ásperas, de pastos que axiña amarelan e agostan baixo o clima estremo e a longa seca estival; nun ambiente que algúns autores denominan oceánico de tendencia mediterránea, con altas temperaturas no verán e invernos moi fríos, abundancia de néboas e xeadas, e as precipitacións máis baixas de Galicia. Un mundo apto para o gando lanar e o caprino, animais de medio tamaño acostumados ao longos desprazamentos por estas serras de climas extremos; adaptados á esclerose dos montes e ás paisaxes resesas de breixos, piornos e carqueixas que sempre se controlaron cos lumes culturais; un xeito de entender e organizar o mundo a base de curros e malladas como as do Macizo Central; sen esquecer, por suposto, esa vaca rústica e sacrificada, de simpático floquiño da raza Vianesa que se criou nestas montañas.

Raza vianesa.
Raza vianesa. | Xosé Varela

Cara ao norte van picoutos e asoman rochedos de formas macizas e alombadas. Xa non son aqueles castelos do duro granito das terras de Manzaneda; nin tampouco aquel traxe a raias das bandas de cuarcitas asucando os Montes do Invernadoiro. Estamos agora por diante dunhas rochas nada correntes denominadas gneises de “ollo de sapo” que espallan longamente por toda esta zona da Rede Natura, agás no extremo norte onde aparecen as lousas ordovícicas (e con elas as canteiras) que dominarán a litoloxía da Galicia oriental e montañosa ata a rasa cantábrica. Son estes gneises unhas rochas metamórficas dacabalo dos xistos e dos granitos onde alternan bandas escuras de minerais de ferro con outras máis claras de seixo e feldespato a xeito de megacristais ou ocelos, razón pola que estes ortogneises glandulares levan o nome de “ollo de sapo”. Estas rochas, consideradas das máis antigas de Galicia pois remontan a súa orixe a preto de 500 millóns de anos, ocupan en Galicia unha banda que espalla dende a Estaca de Bares ata Sanabria cruzando por estas montañas; potente estrutura xeolóxica ou anticlinal que vai cosendo a Galicia granítica e a louseña. Aparecen en grandes e pesados volumes aló onde o traballo dos regueiros modelou a montaña; formas polo xeral escuras e algo laminadas que xorden nas escarpas e rupturas de pendente destas terras de pastores no nivel de aplanamento dos 1.400 metros.

Estas rochas, consideradas das máis antigas de Galicia pois remontan a súa orixe a preto de 500 millóns de anos

A vida de antes

O país do Bibei dende o Macizo Central.
O país do Bibei dende o Macizo Central. | Xosé Varela

Nesta área meridional pola que andamos, envolta toda ela polo río Bibei e que espalla dende Vilaseco da Serra no límite sur da ZEC ata a Pedra dos Altares (1.542 m), atopará o viaxeiro dúas notables singularidades no ámbito da xeografía humana. Por unha banda o núcleo de poboación máis elevado de Galicia: Cepedelo a 1.350 metros de altitude; un lugar que é como un suspiro, emprazado no último chanzo da montaña (o arco dunha morena glacial lateral) antes de se precipitar sobre o Bibei e por onde un día baixaba unha lingua de xeo de, como pouco, trescentos metros de espesor; unha valiña rodeada de campos con sebes de rebolos e un azul metálico que se desprende dos ceos e pousa sereno sobre os teitos de lousa da aldea máis alta. E, por outra, un dos lugares máis recuados e singulares do noso país: Pradorramisquedo, incrustado na raia, nas terras torturadas polos xeos da antigüidade e por onde se abre paso, a marchas forzadas, un aínda moi novo Bibei; un lugar ensimesmado, acubillado como un nacemento coa súa igrexa e cemiterio na feraz veiguiña de sedimentos glaciares que chaman “till”, rodeada de impoñentes montañas e onde quedou como testemuña muda daqueles tempos extraordinarios un rosario de lagoas e unha paisaxe caótica e atormentada.

Don Nicolás Tenorio, autor dunha obra memorable (La Aldea Gallega, 1914), escribe nos albores do século pasado sobre estes lugares, sobre a dura vida neles cando chegou de Sevilla para se facer cargo do xulgado de primeira instancia e instrución do partido de Viana, en aquellos días en que por estar lloviendo o nevando de continuo no podía salir de la casa y a veces de mi habitación. Tempos difíciles; como eran tamén aqueles prebélicos de don Manuel García Paz cando da excursión ao Invernadoiro. E, con todo, da insaciable curiosidade do xuíz andaluz en ningún momento recende o cheiro acre e acedo da miseria. Tan só a intuímos no transfundo de cada páxina, sabemos que está alí, pero nada máis; porque o que enche cada liña e cada parágrafo deste inestimable ensaio é a vida levada á súa máis luminosa e emotiva expresión.

Viana do Bolo.
Viana do Bolo. | Xesús Fariñas

Don Nicolás cóntanos como se organizaban aquelas comunidades en tempos aínda non tan afastados dos nosos, pero que teñen o inmenso valor de reflectir un xeito de vida que moi pouco debeu mudar durante séculos. E abraiamos, porque naquelas estremas, na terra máis dura, con aquelas nevadas, tantos lobos, foros e lutuosas (a abolición dos foros fíxose efectiva hai agora xustamente cen anos), desenvolvía unha vida tan dinámica e feraz que resulta difícil de imaxinar. E así, o xuíz vainos contando como se organizaban os concellos para regular o aproveitamento dos montes comunais, das lamas e as malladas; para repartir as quendas e asumir os gastos da reparación e composición das fontes, das poldras, dos curros e os camiños; do forno comunitario, do aproveitamento de leñas e do reparto das terras ou meras para sementar as patacas e o cereal; para comprar ferramentas e os cans da facenda, para facer o reconto das veceiras e confeccionar a “tarxa” que regulaba o pastoreo.

Por todo canto hai, que aínda é moito e valioso, debemos comprometernos coa salvagarda destas montañas

E fala don Nicolás das tantas labores que había que facer en comunidade, da “esterca, decrúa, bina e alevanta”; da “xeira e a tornaxeira”; das seitureiras que son de oito a dez mulleres e unha maiorana e van casi siempre cantando y se las encuentra uno por los valles y laderas; e cantan sempre a coro sen que por iso deixen de cortar a més; e cando rematan os mozos compoñen as medas, as vellas angazan, e coa merenda comeza o baile, con muiñeira e aturuxos ata o por do sol. E fala o xuíz da malla na aira, que mallan os homes xuntos e por quenda; e cando rematan van todos prender a dona do último mollo para que lles dea pan trigo rebozado con ovo e regado con azucre e canela. E na deluva do liño sentan as mozas en rolda para deluvar, e os mozos entre elas envolvidos en mantas e coa pucha na cara, e que al arder el tasco con más fuerza como da mejor luz suelen sorprenderse escenas curiosas. E no fiadeiro arrexuntan todos na cociña da mellor casa do lugar, á luz do gancio que é unha vara de uz seca sen casca como de medio metro; e as mulleres fían, os noivos parolan, os casados xogan á brisca, e todos comen risoños castañas cocidas, asadas ou con leite; e logo xogan ás prendas, contan contos, bailan ao son do pandeiro e das cunchas, e logo marchan oufanos e satisfeitos, co aturuxo dos mozos rachando a noite, cada un para a súa casa; que non se ten por costume falar mal de ninguén e todo se resolve con moitas cousas de proveito para toda a comunidade.

E, por todo iso, ao ler estas cousas e malia a miseria que había, éntrache a nostalxia; porque botas en falta a vida barullenta e movida daquelas aldeas cheas de xente; a troula dos mozos, os berros dos nenos, o bruar das vacas, as ringleiras de ovellas e cabras subindo á serra, os montes limpos... e aquel POBO que dicía don Elixio vocalizando con forza, e que hoxe xa non existe. E, por todo iso, é admirable que aínda hoxe a xente destas aldeas te mire cunha luminaria nos ollos e un sorriso nos beizos, e te fale e te escoite con tanta simpatía, coa mesma serenidade e a mesma cadencia coa que cae a neve do inverno na serra. E, por todo iso que había e xa non hai; por todo o que foi e xa non será; e, sobre todo, por todo canto hai, que aínda é moito e valioso, debemos comprometernos coa salvaguarda destas montañas, da súa natureza e das espectaculares paisaxes onde remata Galicia.

Reboleiras de cerquios cubren os vales (David Simn)
1/4 Reboleiras de cerquios cubren os vales David Simn | David Simn
13-7 xose benito reza
2/4 Pena Trevinca, aproximación á alta montaña | Xosé Varela
Camio do teito de Galicia (David Simn) (1)
3/4 Camio do teito de Galicia | David Simn
Ro Xares (Xos Varela)
4/4 Ro Xares | Xosé Varela

Contenido patrocinado

También te puede interesar

Lo último

stats