UNA VIDA DE COLECCIÓN (XLV)
Galería | Arte color y mensaje en una plantilla
POLOS RÍOS E MONTAÑAS DE OURENSE
Situado no recanto nororiental da provincia de Ourense no seu límite con León e entrada do Sil en Galicia, está, polas razóns que axiña veremos, un dos territorios máis senlleiros e singulares do noso país e do que poderemos gozar longamente dende os nove miradoiros habilitados. Incluído primeiramente na relación de Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) con 1.742 has, e tamén na proposta de Lugares de Interese Comunitario da Rede Natura 2000 (LIC), foi declarado finalmente pola Xunta de Galicia parque natural o ano 2002, cunha superficie total de 3.151 hectáreas, todas elas no concello ourensán de Rubiá, comarca de Valdeorras. O parque natural pertence ás parroquias de San Miguel de Oulego, Nosa Señora da Concepción de Robledo da Lastra, San Cristovo de O Porto, San Miguel de Biobra, San Salvador de Covas e Santo Estevo de Pardollán; situándose dentro da área protexida os núcleos de Biobra, Covas e Vilardesilva; e emprazados no seu perímetro meridional os de Oulego, Robledo da Lastra, O Porto, O Real e Pardollán.
Se os ecosistemas naturais están condicionados pola acción dos factores climáticos sobre os parámetros edáficos nunhas morfoloxías concretas, fundamentalmente a temperatura e a pluviosidade sobre a natureza dos solos nuns determinados relevos, xurdindo así unhas formas de vida características e propias adaptadas a eses particulares ambientes; nun territorio tan abrupto e de fortes desniveis como este (700 metros de desnivel en moi poucos quilómetros), conformado pola cunca de recepción do río Galir que vai a Éntoma xuntarse co Sil, sobre substrato calcario tan escaso en Galicia, e no ambiente máis mediterráneo de todo o país, teñen que xurdir aquí, necesariamente e para maior gloria da biodiversidade galega, hábitats e especies raras ou endémicas de moi alto valor e que non vemos noutras áreas do territorio galego. E, precisamente por esas razóns, o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, cuxa protección foi impulsada a comezos de século dende os eidos científicos e universitarios, é unha das xoias máis valiosas do noso patrimonio natural, presentando as paisaxes máis orixinais e singulares de Galicia.
En efecto, agás algunhas estreitas franxas espalladas polas terras lucenses de Sarria e O Courel, o territorio galego con máis presencia de pedra calcaria é este recanto ourensán onde agora nos atopamos, e onde imos rematar definitivamente a nosa viaxe. Uns relevos que xeoloxicamente están asociados ao que os expertos denominan antiforme ou pregue deitado do Courel, unha espectacular estrutura declarada Monumento Natural pola Xunta o ano 2012. E, por esa razón, se algo reclama a atención do visitante cando se achega aquí por vez primeira, son efectivamente esas morfoloxías calcarias que se erguen maxestosas cara aos ceos dende os fundamentos da serra; porque os galegos non estamos acostumados, ao contrario do que acontece coa meirande parte dos poboadores das montañas ibéricas e europeas máis importantes (caso por exemplo dos non moi distantes e ben coñecidos Picos de Europa), a estas paisaxes rachadas e abruptas, a estes farallóns impresionantes de cristas, escarpas e cortadas case verticais que debuxa a dura e grisalla rocha calcaria, e que aquí acada uns volumes impresionantes. Morfoloxías que se presentan ante os nosos admirados ollos ben a xeito dunha vella e elevadísima dentame que vai percorrendo toda a cordal dende a Pena Falcueira ata os Penedos de Oulego; ben amosando o seu corazón fendido e abrancazado nos barrancos e cortadas que se precipitan sobre o río Sil no seu achegamento ao territorio galego polo estreito de Covas e o encoro de Penarrubia.
Por se isto fora pouco, a natural composición desta calcaria chamada de Aquitania e o proceso de meteorización con disolución da rocha pola auga de chuvia cargada co carbónico atmosférico, orixina fenómenos kársticos únicos en Galicia. Non existe en toda a xeografía galega un lugar tan admirable onde poder contemplar absortos o resultado da circulación das augas subterráneas polo subsolo; ben en sentido horizontal formando covas, ou ben fabricando simas e outros afundimentos ou depresións chamados dolinas. Velaí, por exemplo, as covas de Penarrubia, do Pé de Pau, da Campa, a sima do monte Corrodumeiro, de Biobra ou a dolina de Pardellán; e, sobre todo, a Pala da Zorra con 600 metros de galerías e sete bocas de entrada, ou a Pala Pumbeira á que se chega en barca polo encoro de Penarrubia. Unhas covas que aquí reciben o nome de “palas”, e que son ademais redutos de interese ecolóxico pois soportan as maiores e máis interesantes poboacións de morcegos de toda Galicia, con ata nove especies de quirópteros diferentes; unhas rochas calcarias que nos amosan tamén os poucos fósiles de briozoos e crinoideos que podemos ver en Galicia. Ademais, tamén se teñen atopado nestas covas restos doutras culturas e civilizacións, caso da recente aparición na Cova do Santo dun dos xacementos prehistóricos da idade do Bronce máis interesantes de Galicia, un lugar onde soterraron hai tres mil anos cando menos a dez individuos de distintas idades.
Imos de leste a poñente, abraiados e marabillados ante estas formas tan estrañas e alleas á natural composición das paisaxes galegas, coa mirada espetada na calcaria esborrallada sobre a que asenta o lugar de Covas; precipicios primeiros polos que se vai abrindo paso, a marchas forzadas, un encaixado e cohibido Sil; e logo polas cristas do cordal que vai marcando a fronteira con León, pola Pena Falcueira, o Arengo e a Pena Tara, onde o espazo protexido acada a súa máxima altitude aos 1.112 metros; para rematar, finalmente, polos impresionantes Penedos de Oulego, de calcaria cristalina marmórea, farallóns espectaculares e un agasallo para a vista nesta última visita que facemos aos espazos naturais de Ourense. Xorden estas formas robustas de cor gris prata coma moas xigantescas asomando dos lombeiros pola banda galega, fincando as raiceiras nunha rocha que xa non é a calcaria ordovícica senón a natural a cantas montañas viaxan polo oriente galego, dende Trevinca ata o Cantábrico: as lousas e cuarcitas que vemos asomar nas partes baixas da ladeira e que veñen avanzando dende a Serra do Eixo.
Por estes lombeiros que espallan en forte pendente dende as cumieiras da serra ata o río Galir (curso que vai marcando o límite sur na zona occidental da área protexida), primeiro sobre as calcarias esmiuzadas que caen dende a cima do cordal, e logo sobre as lousas metamórficas e as terras de aluvión por onde vai o río, espalla unha variada e exuberante vexetación mediterránea. Estamos agora no subsector bioclimático chamado Berciano-Valdeorrés, onde aparecen, para admiración de galegos atlantes, non só os aciñeirais típicos destas rexións quentes e resesas da especie Quercus rotundifolia, senón tamén trabadas matogueiras espiñentas e tomiños extraordinarios, neste tan solícito, afastado e recendente recuncho que nos conduce ao Bierzo. En efecto, se nas corgas quentes e agarimadas da bacía do Bibei, tamén moi mediterráneas elas, atoparamos aquelas reboleiras subhúmidas con piorno espiñento (Genista falcata); o que temos agora en fronte son os aciñeirais da asociación Genisto hystricis-Quercetum rotundifoliae, unha formación vexetal do denominado aciñeiral lusitano-duriense típico do piso supramediterráneo, e onde as aciñeiras do estrato superior van acompañadas do tamén chamado piorno espiñento, pero agora da especie Genista hystris, mais outras plantas esclerófilas, xenuinamente mediterráneas, tan representativas como os escornacabras (Pistacia terebintus), as lentellas (Phillyrea angustifolia) e os érbedos (Arbutus unedo), conformando entre todas un sotobosque denso e variado no que son os aciñeirais máis extensos de Galicia. Por entremedias agatuñan hedras e madreselvas dos xéneros Lonicera e Rubia, e tamén podemos atopar outras especies que nos son algo máis familiares, como o estripeiro (Crataegus monogyna), a xibarda (Ruscus aculeatus); o eléboro ou herba papeira (Helleborus foetidus), o trobisco (Dapne gnidium) e, sobre todo, as xestas brancas de Cistus multiflorus; e tamén algunhas sobreiras aló onde a terra é máis fonda e xenerosa e que espallan, como sabemos, cara a poñente seguindo a profunda corga pola que viaxa o Sil. Nos claros onde o solo é máis pobre e pedregoso medran as lavandas ou cantroxos (Lavandula stoechas), as carpazas de Cistus salvifolium e psilosepalus que tamén atopamos en moitas outras áreas ourensáns, e as estepas ou xaras mediterráneos de Cistus ladanifer, populifolius e laurifolius que estes si son unha rareza para os galegos oceánicos.
A xeito de orla arredor do arboredo aparecen, como etapa de substitución, as matogueiras espiñentas mediterráneas sobre calcarias, con especies moi interesantes para a fauna que reside aquí pois producen grandes cantidades de froitos; especies como silvas, roseiras e cerdeiras bravas, escambróns, abruñeiros e estripeiros. E tamén atopamos aquí unha formación natural espontánea única en Galicia: os tomiños de Tymus zygis que medran sobre solos calcarios. Tanta é a riqueza desta última serra galega, da Enciña da Lastra, que en tan pouco espazo están contabilizadas un total de 451 especies vexetais pertencentes a 16 asociacións diferentes; das cales 62 só aparecen aquí de toda a xeografía galega, e 40 están consideradas endemismos ibéricos. Así, por exemplo, adornan estas pedreiras 25 especies diferentes de orquídeas, xunto con outras igualmente admirables como os fentos da especie Cheilantes acrostica, matos de Rhamnus legionensis, florciñas de Petrocoptis grandiflora, herbas de namorar (Armeria rothmalerii) e outras como a Ononis pusila ou a Silene saxifraga. E, xa por último, acompañan as ribeiras dos ríos e regueiros amieiros, chopos, freixos mediterráneos, varios salgueiros e lodeiros (Celtis australis) que eu nunca vira porque non os hai na miña terra pequena. Sen esquecer, por suposto, os moitos soutos que espallan polo territorio na proximidade das aldeas, ao igual que en tantas outras zonas poboadas do oriente ourensán.
Como ben pode apreciar o amigo lector todo isto é unha regalía para calquera que teña unha especial sensibilidade polas cousas belas, raras e escasas que nos ofrece a natureza galega, algunhas tan recatadas e descoñecidas coma as que rematamos de ver. Pero aínda hai moita máis vida nestas terras raianas da fin de Galicia, nesta extrema oriental pola que nos fomos movendo estas últimas semanas. Son agora unha infinidade de seres ou actores da paisaxe que interpretan sons e movementos en moitos casos inesperados e descoñecidos, como únicos e extraordinarios son tamén estes escenarios calcarios. Estamos a falar de 39 especies de mamíferos, entre os que destacan as 9 especies de morcegos amentadas; e lobos, raposos, esquíos, londras, xenetas, garduñas, teixugos, gatos monteses, xabaríns e corzas; e tamén algúns osos transeúntes e que, ao igual que noutras zonas de montaña raianas con Asturias e León, teñen aparecido circunstancialmente por aquí nos últimos anos. E tamén podemos ver especies de réptiles que habitan nos chans de pedregullo como a lagartixa dos penedos (Podarcis hispanica), e outros como a lagartixa cincenta (Psammodromus occidentalis), a rabuda (Psammodromus manuelae), o lagarto arnal (Lacerta lepida), a cobra de escada ou riscada (Rhinechis scalaris) e o cobregón ou cobra rateira (Malpolon monspessulanus), que entre todos fan un total de trece especies diferentes.
Ás que debemos engadir outras dez de anfibios especializados nos tan diversos e contrastados ecosistemas que aparecen neste parque natural; dende as áreas húmidas dos regueiros da serra ata as veigas e chairas de aluvión por onde vai o Galir para rematar nas mornas augas encoradas do Sil, caso da píntega ou salamántiga galega (Chioglossa lusitánica), os sapos parteiros ou sapetas (Alytes obstetricans), a ra ibérica ou patilonga (Rana iberica), a rela (Hyla molleri) e a ra verde (Pelophylax perezi).
Pero, se hai un grupo que verdadeiramente soborda calquera previsión inicial, tanto en poboacións como en diversidade, son as aves; nunhas paraxes privilexiadas como son estas para a observación da fauna ornitolóxica. Contamos nesta área protexida que xa dixemos é tamén Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), cun total de 125 especies diferentes, das cales preto de cen nidifican aquí, caso único en Galicia. Entre elas destacan as especies rupícolas que habitan estes cantís e farallóns de calcaria case verticais, como as pombas dos penedos que presentan aquí a maior poboación de toda Galicia; o roqueiro rubio e azul; as choias, corvos e grallas pequenas; ou unha enchente de cirrios e andoriñas riscando infatigables os ceos con frecuencia límpidos e luminosos do concello de Rubiá, caso particular dos andoriñóns, das andoriñas dos penedos e incluso das dáuricas. E, por suposto, as grandes rapinas que atopan aquí, nestas espectaculares e inaccesibles cortadas, un hábitat idóneo para criar e dominar os ceos, caso dos falcóns peregrinos, a aguia calzada, a cobreira europea e, sobre todo, a aguia real, a aguia perdigueira e a meloufa ou voitre branco (Neophron percnopterus).
Por último, non debemos esquecer unha das xoias máis importantes do patrimonio cultural ourensán; pois neste lugar despídese, camiño de Astorga, a vía romana construída durante a dinastía flavia chamada Vía Nova, e que atoparamos na nosa visita ao Parque Natural do Xurés na outra extrema da provincia. Unha vía que ten estudiado con detalle o meu amigo o arqueólogo valdeorrés Santiago Ferrer Sierra, e que, segundo el, ofrece neste parque natural un dos tramos mellor conservados do seu percorrido en diagonal por Ourense; sinaladamente os 2,5 qm que van dende o cemiterio de Robledo da Lastra ata a paraxe coñecida como A Trincheira, e onde a vía mantén nesta zona tan abrupta unha pendente constate do 6% e unha anchura de 12 metros.
Remato aquí a miña viaxe, preto do lugar de Oulego, neste recanto último de Galicia onde peta con forza a terra de Castela. É un lugar idílico, arrolado polo murmurio do regueiro que me acompaña e a fala do vento nos chopos; terra tan estraña para min, este mundo mediterráneo. Por fronte teño o baluarte impoñente dos penedos de prata de Oulego. Chega un cantar mesto de paxaros na noitiña, e a brisa que se levanta recende a lavanda, tomiño e ourego. Soño esperto con todas as terras que levamos percorrido e un desexo venme ao caletre: que neste tempo de populismos, de campañas de desprestixio contra as políticas ambientais e de conservación da natureza ás que eu dediquei unha parte importante da miña vida profesional; neste tempo escuro en que semella que se quere aniquilar o traballo de décadas a prol da defensa dos ecosistemas e a loita contra o cambio climático; é preciso que tomemos consciencia da necesidade de deter a perda de biodiversidade e evitar o colapso dos ecosistemas, porque estamos intimamente xunguidos a eles e aos hábitats das especies silvestres dentro do que é a economía da natureza (velaí a pandemia horrorosa), e porque a nosa supervivencia como especie depende, por suposto, da saúde do planeta, hoxe ameazado; inda que sinalados dirixentes políticos e poderosos magnates de distinta pelaxe se empeñen en negar absurdamente esta incuestionable realidade.
E tamén quixera ter un último recordo para don Ramón Otero Pedrayo neste seu ano, porque el foi o que inspirou en min, como en tanta outra xente, cos seus escritos e traballos, a súa bonhomía e o seu compromiso permanente e inquebrantable con Galicia, a miña admiración e entusiasmo polas cousas belas e fermosas da nosa natureza e das paisaxes que nos rodean.
Finalmente, quixera darlle as grazas a todos os lectores que tiveron a ben seguirme nesta apaixonante viaxe polos ríos e montañas de Ourense; e, por suposto, agradecer a todas as persoas que me cederon, dun xeito altruísta e xeneroso, as súas preciosas fotos; sinaladamente a Begoña Cádiz, a Eva de “De Cabo a Rabo”, a Xosé Varela, David Simón e Xosé Rodríguez Cruz; e tamén, por suposto, ás deseñadoras, fotógrafos e demais traballadoras e traballadores de La Región que me trataron con tanta consideración dende o mes de abril en que comezamos estas colaboracións.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
UNA VIDA DE COLECCIÓN (XLV)
Galería | Arte color y mensaje en una plantilla
POLOS RÍOS E MONTAÑAS DE OURENSE
A Serra da Enciña da Lastra
CAMBIO CLIMÁTICO
Infografía | 58 días de calor extremo al año en Ourense
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este domingo, 6 de septiembre
Lo último
SECTOR ESTRATÉGICO
Xinzo exhibe la feria Alimagro toda su riqueza agrícola
José Luis Gómez
CUENTA DE RESULTADOS
Marruecos gana peso en Washington
INCAUTACIÓN DE UN CUCHILLO
Intervención policial tras la pelea en un “after” en Ourense
LITERATURA Y MODA
Más allá de la ropa: 6 libros para entender la moda