O lume chegou o ano pasado ao Teixadal
O lume chegou o ano pasado ao Teixadal | Xosé Varela

O Teixadal de Casaio e a Pena Maseira

POLOS RÍOS E MONTAÑAS DE OURENSE

Xosé Benito Reza permítenos viaxar polos ríos e montañas de Ourense cunha nova entrega, nesta ocasión, sobre O Teixadal de Casaio e a Pena Maseira

Ficha ZEC

Superficie: 5.715 hectáreas

Altitude máxima : 1.394 metros (A Azoreira)

Concellos: A Mezquita e A Gudiña

O Teixadal

Aló enriba, en terras de Carballeda de Valdeorras, subindo polo cavorco escuro do río que chaman san Xil e ao acubillo das cumieiras que vimos o domingo pasado, reside dende tempos inmemoriais unha das xoias máis senlleiras da natureza galega: o Teixadal de Casaio, un bosque moi especial. Neste pequeno arboredo, reliquia de enorme valor, conviven, ao pé da Pena Survia e os seus impresionantes 2.112 m de altitude, as frondosas caducifolias das nosas fragas auténticas coas últimas coníferas autóctonas de Galicia: os teixos da especie Taxus baccata, unha formación incluída no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.

O que vemos agora, no berce máis recuado destas serras que avanzan pola liña da fronteira con Castela e León, é un fósil vivinte da idade dos grandes xeos e cuxas orixes se remontan á era Terciaria; un relicto de bosque eurosiberiano que chegou ata nós de milagre, e que hoxe parece estar fóra de todo tempo e lugar. Velaí o enorme valor desta pequena reliquia ou alfaia vexetal, do bosque de coníferas máis vello de Galicia e un dos máis importantes de Europa; non esaxero. Os preto de 400 pés de teixos de ata 15 metros de altura e 60 cm de diámetro que alí sobreviven, espallan, xunto con outras especies arbóreas, por unha superficie de apenas dúas hectáreas; conformando entre todos ese escuro e irredutible teixedo espetado no corazón de pedra da montaña máis alta. Un bosquete que leva milenios retando aos seres humanos e ás forzas desatadas da natureza, e que foi estudiado con ciencia, corazón e sentimento por un fillo daquela terra de Valdeorras: o meu compañeiro e colega enxeñeiro de montes Eduardo Olano Gurriarán, autor dun libro marabilloso titulado El tejo y el Teixadal de Casaio (Ourense), obra en gran formato da Deputación Provincial de Ourense do ano 2005.

 O Teixadal está situado no Macizo de Pena Trevinca, en Carballeda de Valdeorras.
O Teixadal está situado no Macizo de Pena Trevinca, en Carballeda de Valdeorras. | David Simón

Alí, na ladeira que mira ao norte e que cae sobre o regato do Penedo que vai choutando sobre un leito de rochas, vive, recuado dende tempos inmemoriais, esta pequena marabilla vexetal; acubillada nun lugar sombrío e silencioso xunto con outras especies arbóreas como salgueiros, freixos, abeleiras, cerquiños, pradairos e, sobre todo, acivros e cancereixos; un lugar moi afastado dos ollos humanos. É o Teixadal de Casaio unha formación tan especial que, ao entender dos expertos nestas cousas da botánica e da fitosocioloxía, estaríamos agora ante un bosque asimilable ou equivalente á asociación chamada Blechno spicant-Fagetum sylvaticae, ou sexa, a un faial de montaña pero sen faias, tamén considerado hábitat de interese comunitario da Rede Natura 2000 co código 9120 e nome “Faiais acidófilos atlánticos con sotobosque de acivros e teixos”; formacións que medran sobre solos ácidos e pobres en áreas húmidas de montaña ata os 1.600 m de altitude (o Teixadal está a 1.400 m). Velaí o enorme interese bioxeográfico deste bosque excepcional, duns arboredos que contactan, como acontece aquí, coas reboleiras de cerquiños nos pisos inferiores e cos bidueirais e os cimbros dos pisos superiores; sempre en zonas avesedas e moi húmidas preferentemente orientadas ao norte, como é tamén este caso; razón de ter sobrevivido a tantos lumes como teñen asolado estas montañas. E, aínda así, temos que lamentar profundamente que o grande incendio de Trevinca do ano pasado chegou ata as mesma portas do Teixadal, poñéndoo en serio perigo. Acompañando a estes irredutibles teixos (as árbores máis lonxevas de Europa pois poden vivir miles de anos), aparecen outras especies máis humildes como anémonas (Anemone nemorosa), aleluias (Oxalis acetosella), violetas (Viola riviniana), xuncos (Luzula sylvatica) e fentos dos xéneros Dryopteris e Blechnum, amais das especies arbóreas antes citadas.

Mapa O Teixadal de Casaio e a Pena Maseira
Mapa O Teixadal de Casaio e a Pena Maseira | La Región

Un bosque inmortal

Por se isto que contamos non fora suficiente para destacar a extraordinaria singularidade deste encrave único, Olano Gurriarán explica no seu detallado estudo que o Teixadal de Casaio se rexenera unicamente por reprodución vexetativa e non por semente, pois en toda a área que el estudou minuciosamente non atopou unha soa plántula; só innumerables gromos que abrochan dos vellos teixos e que cos anos se converterán en teixos tamén anciáns e por suposto xeneticamente iguais aos seus proxenitores. E por iso case arrepía cavilar dende a perspectiva humana do tempo en toda esa masa forestal inmorredoira, que leva naquel recuado lugar, coma un cemiterio de elefantes, dende o principio dos tempos; de gromos que se fan pólas e pólas que van ao chan e logo medran en vertical e se fan árbores, e árbores que logo morren e podrecen e sucumben polo seu propio peso e antes de desaparecer agroman de novo para se reconstruír e resucitar como árbores exactamente idénticos, como copias exactas de si mesmos. O que nos leva a pensar que alí debaixo está o bosque primixenio; unha única rede labiríntica e embeleñada de toros, ramas, raiceiras e toda canta materia vexetal produce o Teixadal nunha rexeneración imparable en loita constante contra a extinción e que se repite unha e outra vez en ciclos interminables, sen avanzar un palmo de terreo na recolleita valgada deste humilde regueiro. Será por iso que os teixos, compañeiros dos mortos nos cemiterios e dos vivos nos adros das igrexas, son para nós o paradigma da inmortalidade.

Pombal en Manzalvos
Pombal en Manzalvos | Xesús Fariñas

A ZEC “Pena Maseira”

Estamos agora na Zona de Especial Conservación da Rede Natura 2000 denominada “Pena Maseira” (código ES1130008), un territorio que ocupa o recanto máis suroriental de Galicia. Estreita banda paralela á raia con Portugal que vai dende preto da Portela de A Canda no límite con Zamora, ata a profunda entalladura pola que viaxa o río Pentes ou de Barxa no seu achegamento ao país veciño. Un territorio protexido de 5.715 hectáreas que espalla, de leste a oeste, polas parroquias de San Xoán de Barxa e Santa María de O Tameirón do concello de A Gudiña; e, no de A Mezquita, polas de Santa Eufemia de A Esculqueira, Santiago de Chaguazoso, Santa María de Manzalvos, Santa María Madanela de Cádavos, a Nosa Señora da Encarnación de Castromil, San Simón de Santigoso, e mais unhas pequenas superficies de San Martiño de A Mezquita onde está a capitalidade municipal e de Santa María da Cabeza de Vilavella no entorno do Coto da Azoreira, área onde a ZEC acada a súa máxima altitude a 1.394 metros.

Organizan este territorio pola banda do leste o río de Cádavos que, xunto cos seus afluentes, percorren o espazo de norte a sur pola banda inmediata ao límite con Zamora ata a fronteira con Portugal, sempre no concello de A Mezquita; e, pola banda occidental, o río de O Pereiro que marca o límite norte da ZEC no concello de A Gudiña; un curso que, seguindo unha pronunciada falla nestas terras de granitos alcalinos e calcoalcalinos, tronza diagonalmente no senso NE-SO todo o territorio, para atoparse un pouco máis adiante co río de Pentes preto de Barxa e marchar xuntos como río Rabazal por territorio luso, país onde recolle tamén as augas que veñen polo río de Cádavos ou Asureira. Estamos logo no cabo do noso mundo, neste recanto onde Galicia se incrusta a xeito de cuña dunha ducia de qm de ancho entre Zamora e Portugal e onde se atopa o famoso Penedo dos Tres Reinos co marco fronteirizo nº 350 a 1.025 m de altitude, lugar onde Galicia, Castela-León e Portugal se dan a man; un penedo que, segundo o meu amigo e gran camiñante Chicho Outeiriño, non se ve ata que bates con el.

Souto en Esculqueira
Souto en Esculqueira | Turismo Ourense

Remontando dende a veiga feraz do Támega a bacía do río de Pentes, que organiza a terra forestal do concello de A Gudiña ata o alto cordal polo que camiña a Ruta da Prata e as súa evocadoras vendas, chegamos ata a profunda corga e inesperado cóbado que fai o río tamén chamado da Ribeira (comportamento fluvial típico destas terras graníticas intensamente fracturadas), e que parte como un coitelo unha vella e ancha penechaira seguindo unha espectacular falla; un deses chanzos horizontais ou superficies de erosión que con tanta frecuencia culminan no noso país os vellos relevos residuais. Pois ben, a ZEC “Pena Maseira” comparte unha porción dese antigo chanzo devastado que espalla longamente polo nivel dos mil metros de altitude; progresando en dirección sur dende a Serra do Canizo no límite coa ZEC “Pena Trevinca” que vimos a semana pasada, ata a fronteira lusa; e dende a profunda corga do río de Pentes ata o límite con Zamora no extremo oposto. Un territorio a xeito de “L” invertida que vai seguindo fielmente a liña da fronteira dende o lugar de Barxa na confluencia do río que vén de San Mamede de Pentes co de San Lourenzo do mesmo nome; sigue logo pola Serra da Esculqueira e O Serro (1.143 m) dentro xa do concello de A Mezquita, e finaliza subindo polos lombeiros e cotos que se proxectan cara ao norte como resultado do traballo do río de Cádavos sobre esta vella superficie e onde están as agras e os campos en precioso “bocage” do lugar de Castromil; montes que ascenden en fortes pendentes cara ao coto da Azoreira (1.394 m) pola esquerda e cara á Serra de Marabón que progresa polo concello zamorano de Hermisende pola dereita, ata chegar ao límite coa parroquia de San Antón de A Canda no norte, zona onde remata o espazo protexido.

Organizan este territorio pola banda do leste o río de Cádavos que, xunto cos seus afluentes, percorren o espazo de norte a sur pola banda inmediata ao límite con Zamora ata a fronteira con Portugal, sempre no concello de A Mezquita; e, pola banda occidental, o río de O Pereiro que marca o límite norte da ZEC no concello de A Gudiña

Hai no final destas serras pequenas (apenas un asomo na devastada superficie que vai pola cota dos mil metros de altitude) pendentes e barrancos inesperados, un devalar de regueiros onde procuraron asento os seres humanos; todos viaxando cara á raia na vixilancia dos cotos e relevos residuais como a Praza dos Lobos ou o espectacular Castro do Cabezo de Chaguazoso; todos acudindo á chamada que vén do outro lado da raia, sen se saber moi ben quen é que chama. Toda a rede fluvial esvara aquí cara a un Portugal moi presente; porque os humildes cursos que cruzan o territorio, uns regueiros medrosos asucando en dirección sur a extensa planicie, son os nacentes de futuras glorias fluviais que irán alimentar, do mesmo xeito que o Támega, o caudaloso Douro. Ben puideran ser razón destas profundas escarpas que vemos agora abalanzándose sobre a mesma raia, o feito de ser a Serra da Esculqueira e mais os montes de Chaguazoso un encrave de xistos metamórficos alleos ás terras que andan en rodopío; que son todas de granito, asomando naqueles píncaros de castelos e torres como un costelar aberto, todo el ergueito pola banda oriental da ZEC e que vai separando do resto do mundo aquel diminuto universo incrustado contra a mesma raia que é Castromil, con dúas aldeas que se chaman igual e dous pobos que falan galego, pero pertencentes a comunidades autónomas diferentes.

O Teixadal por dentro
O Teixadal por dentro | David Simón

A Pena Maseira é monte vello cinguindo a alta chaira pola que din os portugueses ser a fronteira máis vella de Europa, a do Penedo dos Tres Reinos. Montes da biorrexión mediterránea nestas estremas do país, o derradeiro recuncho onde tanto lle costa chegar ás borrascas atlánticas. Por iso aquí van os montes enxoitos cubertos de piornos e xestas brancas con algunha reboleira residual das chamadas carballeiras galaico-portuguesas. Terras de poulas e bouzas e algunhas touzas de cerquiños. Funga por aquí o vento seco da vella penechaira que nos trae o cantar espléndido das lavercas nos largos campos agostados; e quizais o berro estridente dun buxato sobrevoando o cumial onde despuntan as uceiras secas que son tamén un hábitat de interese comunitario; e onde, xunto coas uces e queirugas dos xéneros Erica e Calluna e mais as carqueixas, aparecen nestas zonas de maior continentalidade e mediterraneidade as estepas de Cistus populifolius e Cistus psilosepalus.

Os lugares

Dentro da área protexida quedan os lugares de Castromil, Cádavos e Manzalvos; e no exterior pero no mesmo límite, os de Santigoso, a Esculqueira e Chaguazoso, todos do concello de A Mezquita; máis O Tameirón e Barxa de A Gudiña. Unha terra alta, fría e dura; porque aquí escasean, ao contrario do que acontece na Galicia atlántica, os extensos mosaicos de prados sempre verdes ou as facendas aproveitando co seu andar parsimonioso os lameiros esmeraldinos e suculentos que seguen as veigas dos ríos caudalosos. Agora son terras ásperas, que, como en toda a zona oriental da provincia, sofren a seca estival e a vexetación o chamado “estrés hídrico”, nun clima continental de invernos xeados e estíos abafantes. Territorio de pacer escatimando gramas, de queimas onde procurar nos montes un pasto ralo e apoucado. E hai tamén, no reborde erosionado destes páramos, pequenos prados e lameiros que baixan tenteando as pendentes; e vacas de andar pousón examinando con ollos globosos estas longas penechairas, quizais lembrando nesta terra de patacas e centeo aqueles tempos en que todo o mundo tiña vacas. Por iso, neste chanzo último da cota dos mil metros de altitude, os lugares son escasos pero grandes, outrora moi poboados, pechados na súa grandeza contra o ermo que os rodea e que espalla ao lonxe cara os cotos da fronteira; procurando a proximidade dos regueiros que cruzan o territorio e que, cando os atopan, conflúen alí os pobos; como acontece na extrema meridional deste espazo onde instalan, relativamente próximos, a Esculqueira, Chaguazoso, Cádavos e Manzalvos. Mesmo a capitalidade, incrustada no corazón do chanzo requeimado a esa cota dos mil metros de altura, é toda unha sorpresa.

Cotos da Pena Maseira en Cádavos
Cotos da Pena Maseira en Cádavos | Xesús Fariñas

A Mezquita evoca soños de grandeza, un universo amable e agarimoso pé do regueiro do Poulo onde baixan as agras que median con Santigoso. Hai alí un pazo grande, solares de melancolía, que din foi dos Cadórniga, duques de Láncara. Unha mestura de gótico e renacentismo que nos sorprendente paseando por rúas limpas e acolledoras. Por estes lugares hai agras de cereais en loita constante co monte que avanza; moita perdiz debeu haber aquí en tempos, nestas “prazas” tan anchas. E andan tamén as tartarañas e as gatafornelas que tanto gustan dos altos espazos abertos. E, entre os piornos que ocupan as herdades antigas, de cando en vez estoupa a luz amarela dun ouriol, ou despunta na galla dun cerquiño a silueta dun picanzo vermello, ou a fantasía de cores dun abellaruco europeo. Pé das casas, abeirando cortiñas e eixidos, van os soutos de castiñeiros; moitos castaños na Terra das Frieiras, ben coidados e protexidos, en campos limpos e con valados. Pés centenarios que asombran pola corpulencia do porte en terra tan grave e áspera, e por iso algúns están incluídos no Catálogo Galego de Arbores Senlleiras. Terra vetusta de grandes bolos graníticos e valados de pedregullo itinerante. Terra alta e fría onde chove pouco e cada vez menos; e por iso non nos estraña que pola outra banda, a portuguesa, lle chamen tamén “Terra Fría”, con temperaturas de ata menos 12 ºC. Profundos silencios percorren as extensas agras deste territorio periférico “nos confíns dos tres reinos”, tal e como reza o seu lema. E, por iso, calquera que se achegue ata aquí sentirá, como en poucos lugares, a extrema sobriedade destas paraxes finais onde están as portas de Galicia, feito reflectido nos brasóns dos dous concellos. Un territorio asolado polo incendios, martirizado por unha infinidade de lumes. Tamén chegou ata aquí o azote dos incendios do ano pasado, un dos máis grandes en que arderon dez mil hectáreas e se levou por diante os montes entre Santigoso e Castromil onde asoma o miradoiro do Castelo Grande. O concello de A Mezquita é sen dúbida un dos concellos máis castigados polos lumes de toda Galicia, e O Pereiro unha das parroquias que máis arden.

O Penedo dos Tres Reinos
O Penedo dos Tres Reinos | Xosé. R. Cruz

Do outro lado da raia vai o Parque Natural de Montesinho, unha das áreas protexidas máis grandes de Portugal; pertencente ao distrito de Braganza e ao concello de Vinhais na zona lindeira con esta ZEC. Terra fría e despoboada como a nosa. Terra de lobos no enfrontamento secular cos seres humanos na defensa do seu gando trasmontano. E mesmo chegou ata aquí, hai poucos anos, un oso pardo seguindo a cordal de serras que vimos a semana pasada. Hábitats e ecosistemas onde viven a aguia real e a cegoña negra; e nos ríos especies tan interesantes como a boga do douro (Pseudochondrostoma duriense) que é un endemismo do noroeste peninsular presente tamén nos ríos galegos; e o barbo común ibérico (Luciobarbus bocagei), outro endemismo que só vive nesta bacía do Doutro e mais do Taxo, e en Galicia unicamente nas ourensáns do Limia e do Támega.

O Serro da Esculqueira
1/5 O Serro da Esculqueira | Xosé. R. Cruz
Chaguazoso en A Mezquita
2/5 Chaguazoso en A Mezquita | Xesús Fariñas
Campos na penechaira de mil metros
3/5 Campos na penechaira de mil metros | Xesús Fariñas
O lume chegou o ano pasado ao Teixadal
4/5 O lume chegou o ano pasado ao Teixadal | Xosé Varela
O Teixadal en outono
5/5 O Teixadal en outono | Xosé Varela

Contenido patrocinado

También te puede interesar

Lo último

stats