CAMPAÑA DE VACINACIÓN
Xa se coñecen os 13 colexios da provincia de Ourense que vacinarán contra a gripe
CAMPAÑA DE VACINACIÓN
A Xunta de Galicia arrincará o vindeiro 13 de outubro a nova campaña de vacinación contra a gripe nos centros educativos. Na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras participarán un total de 13 colexios neste proxecto piloto, que abrangue contornos urbanos, semiurbanos e rurais da nosa provincia.
O programa, dirixido ao alumnado de entre 3 e 11 anos, empregará de novo a vacina intranasal, que se administra sen necesidade de picada. Para que os menores reciban a inmunización, as familias recibirán previamente unha folla informativa e deberán entregar unha autorización asinada dando o seu consentimento.
Os 13 centros educativos seleccionados repártense por toda a xeografía ourensá. Na cidade de Ourense participarán o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar e o CPR Plurilingüe Divina Pastora. A área metropolitana tamén suma esforzos cos colexios plurilingües Guillelme Brown e Miraflores, ambos no Pereiro de Aguiar, ademais do CPI Plurilingüe Antonio Faílde de Coles.
Pola súa banda, na comarca do Carballiño o proxecto chegará ao CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo e ao CPR Plurilingüe Sagrado Corazón, aos que se engade o veciño CPI Terras de Maside. Cara ao sur da provincia, a vacinación levarase a cabo no CEIP Padre Feijoo de Allariz, no CPR Plurilingüe María Inmaculada de Verín e en dous centros de Xinzo de Limia: o CEIP Carlos Casares e o Rosalía de Castro. A lista complétase na comarca de Valdeorras co CPR Pablo VI Fátima, situado na Rúa.
O obxectivo desta iniciativa da Consellería de Sanidade é reducir a transmisión do virus e as súas complicacións graves, limitando o impacto na saúde infantil e protexendo o eido familiar e comunitario. A nivel autonómico, o plan estenderase a un total de 75 colexios -20 máis ca o ano pasado- coa meta de chegar a 26.536 rapaces de toda Galicia.
A estratexia de Sanidade de levar a campaña aos colexios responde aos datos epidemiolóxicos: cada ano, a gripe afecta a entre un 30% e un 40% da poboación infantil. Os menores son, ademais, os principais transmisores do virus, xa que o contaxian durante máis tempo que os adultos. Isto facilita a rápida propagación da enfermidade no ámbito familiar, afectando de forma directa a pais e avós. Con esta inmunización nos centros educativos, as autoridades sanitarias buscan un dobre obxectivo: reducir a incidencia entre os nenos e cortar a cadea de contaxios cara á súa contorna. A maiores, ao realizar o procedemento nas propias aulas e cun método indoloro sen agullas, preténdese facilitar a loxística das familias e minimizar o absentismo escolar cando chegue o pico da epidemia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CAMPAÑA DE VACINACIÓN
Xa se coñecen os 13 colexios da provincia de Ourense que vacinarán contra a gripe
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este miércoles, 30 de septiembre
Lo último
Julia Navarro
Predicar y dar trigo
REGULACIÓN FORESTAL
San Amaro regula la tala de madera en sus caminos
Ramón Pastrana
LA PUNTILLA
Casas