NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
Rairiz de Veiga devólvelle aos seus devanceiros a súa lingua
NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
O cemiterio de Rairiz de Veiga converteuse onte nun baluarte do galeguismo cun emotivo acto de restauración da memoria lingüística impulsado pola Asociación de Funcionarios/as para a Normalización Lingüística e o Concello. A cerimonia serviu para substituír a lápida en castelán do mestre e exalcalde don Ramón Rodríguez por unha nova inscrita na súa lingua nai, ademais de descubrir unha placa na entrada do camposanto na honra de todos os defuntos para non esgazar a súa identidade.
Durante a xornada, Xosé González, representante da asociación, defendeu a pertinencia de poñer as cousas “como é debido”, lembrando que os nosos devanceiros foron os que “nos legaron ese gran patrimonio que temos”. González advertiu da actual falta de “autoestima” e de “apoio institucional”, apelando á necesidade de que os epitafios reflictan a lingua que identificaba aos finados en vida. Pola súa banda, a veciña Marina, recordou aos seus pais tamén enterrados alí e enxalzou o exemplo de don Ramón e da súa muller, dona Lola, que souberon “defender a lingua, promovela e perpetuala” a pesar do seu longo paso por Cataluña.
Un fío que recolleu Mercedes Rodríguez, filla do homenaxeado, quen agradeceu a distinción asegurando que a súa “lingua materna é o galego”. Emocionada, explicou que o seu pai sempre lles inculcou o uso do idioma na casa e pechou a súa intervención cun desexo claro: “Que pronto se fale galego sen que nolo teñan que estar pedindo”.
Finalmente, a alcaldesa Asunción Morgade pechou o acto agradecendo a presenza da veciñanza baixo a chuvia para “devolverlles aos nosos finados o que eles nos deron a todos nós, a nosa lingua”. A rexedora celebrou que as cinzas do mestre repousen hoxe “na terra a que sempre permaneceu unido” e animou a todos os presentes a seguir facendo do galego “a lingua da nosa vida, dos nosos afectos e tamén da nosa memoria”
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Chito Rivas
RECUNCHO HEBDOMADARIO
Historia dun duelo mítico
Víctor González
El nuevo orden mundial
DEZ DÍAS DE TEATRO
O FITO di adeus entre danza, circo e teatro