CONDUCCIÓN TEMERARIA
Tiran una bolsa de cocaína por la ventanilla y se dan a la fuga en Ribadavia
ENTREVISTA
Ribadavia prepárase para acoller do 1 ao 4 de maio a edición número 62 da Feira do Viño, unha das grandes citas do calendario festivo. O alcalde, César Fernández, afronta a feira deste ano coa ilusión da gran proxección que están a ter os viños do Ribeiro e a propia vila de Ribadavia; cada vez con maior pulo turístico.
Pregunta. Que representa a Feira do Viño para Ribadavia e para os viños da D.O.Ribeiro?
Respuesta. A Feira do Viño é moito mais ca unha festa, é unha mostra da nosa identidade. Ribadavia é o corazón do Ribeiro e este evento permite amosar o que somos: tradición, calidade e futuro. É unha oportunidade para que os adegueiros e colleiteiros poidan achegar os seus produtos á cidadanía e para reforzar o vínculo entre a vila e o viño, que é a nosa historia, o noso presente e tamén o noso futuro.
P. Este evento é un escaparate para os caldos do Ribeiro, avalados por un gran número de premios, qué futuro pensa que ten o sector?
R. O Ribeiro está vivindo unha etapa de recoñecemento tanto a nivel nacional como internacional, grazas á aposta pola calidade, pola recuperación de variedades autóctonas e polo traballo das adegas, colleiteiros e viticultores. Desde o Concello apoiamos esta evolución e cremos firmemente que o viño será un dos piares do desenvolvemento económico e turístico da comarca nos vindeiros anos.
P. Que expectativas hai en canto a visitantes?
R. As expectativas son moi boas. Cada ano imos medrando, tanto en visitantes como en impacto económico e mediático. Temos preparado un programa atractivo, con actividades para todos os públicos, e cremos que esta edición consolidará á Feira como un evento de referencia en Galicia.
P. Ribadavia destacou como enclave turístico en datas como Semana Santa e Nadal, cales son os obxectivos de cara ao turismo no futuro?
R. Queremos un turismo sustentable, que coide o patrimonio, que xere riqueza no comercio local e que permita que Ribadavia siga sendo unha vila viva e acolledora. Apostamos por desestacionalizar, por ofrecer unha programación cultural constante ao longo do ano e por potenciar os nosos grandes eventos culturais como é o caso da Mostra Internacional de Teatro, ademais de poñer en valor a nosa historia xudía, o patrimonio medieval e a tradición vitivinícola.
P. Este ano preside a Rede de Xuderías de España, qué supón para vostede e que implicará para a vila de Ribadavia esta presidencia da Rede de Xuderías?
R. É unha honra e unha responsabilidade ter a presidencia da rede precisamente no seu 30 aniversario. A presidencia dálle a Ribadavia visibilidade, permítenos colaborar con outras cidades e seguir fortalecendo o noso proxecto turístico e cultural arredor do pasado sefardí.
P. Un dos grandes retos é asentar poboación. Cáles son os proxectos do Concello para crear vivenda e emprego?
R. A fixación de poboación é unha prioridade. Estamos impulsando a rehabilitación de vivendas no casco histórico da man da Xunta de Galicia, a través do programa Rexurbe, e tamén apoiando iniciativas empresariais, especialmente no eido do turismo, o comercio e os servizos. O emprego, a vivenda e os servizos públicos son claves para que Ribadavia sexa un lugar atractivo para vivir.
P. No sector do comercio, qué supoñen iniciativas como son Vilas Vivas ou a declaración da Praza de Abastos como Mercado de Excelencia?
R. Estas iniciativas buscan revitalizar o comercio local, poñer en valor os produtos de proximidade e modernizar os espazos comerciais. A Praza de Abastos é un emblema de Ribadavia, e queremos que siga sendo un motor económico e social. Con Vilas Vivas apostamos por volver a convertir ao casco histórico de Ribadavia no centro comercial da comarca, construíndo dese xeito un modelo de vila activa, dinámica e chea de vida.
P. Cales son os proxectos punteiros para Ribadavia a curto prazo?
R. Temos varios proxectos clave: a mellora de infraestruturas turísticas, a recuperación de espazos patrimoniais, a dinamización da Praza de Abastos, o impulso ao casco histórico e a posta en marcha de novos servizos para a veciñanza, pensando especialmente nas familias e nos nosos maiores. Todo cunha visión estratéxica que combina tradición e innovación.
P. Xa no ecuador do mandato, cal é o balance e cáles son os plans que quere desenvolver?
R. O balance é positivo. Estamos a conseguir avances importantes en turismo e dinamismo comercial, económico e cultural; estamos tamén cumprindo o compromiso de renovar as instalacións deportivas municipais, imos a poñer en marcha neste ano un punto de atención á infancia e un centro de día, e estamos tamén traballando para mellorar e ampliar a rede municipal de abastecemento e saneamento de auga. Este vai ser tamén o mandato do impulso definitivo ao casco histórico de Ribadavia e da mellora de moitas infraestruturas das diferentes localidades do concello. No que resta de mandato acometeremos grandes proxectos para corrixir eivas históricas, como a necesidade dunha nova residencia para os nosos maiores, e buscaremos mellorar os espazos naturais tendo en conta o enorme potencial que nos dan os nosos ríos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CONDUCCIÓN TEMERARIA
Tiran una bolsa de cocaína por la ventanilla y se dan a la fuga en Ribadavia
DINAMIZACIÓN DEL CENTRO
Ribadavia acoge talleres sobre oficios artesanales
IMPULSAR EL COOPERATIVISMO
Ribadavia aprueba un plan de economía social