A fusión de Ribadavia e Carballeda de Avia: Non facer nada tamén ten consecuencias

TRIBUNA

Publicado: 05 nov 2026 - 08:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

O debate sobre a posible fusión de Ribadavia e Carballeda de Avia é unha oportunidade para reflexionar sobre algo que Galicia leva demasiado tempo adiando: se a estrutura municipal actual é a máis axeitada para garantir no futuro os servizos que demanda a cidadanía.

Galicia conta con 313 concellos, moitos deles pequenos, nun territorio marcado pola dispersión, o avellentamento e a perda de poboación. Isto limita a capacidade financeira e administrativa e fai máis complexo manter servizos públicos cada vez máis esixentes. O estudo A planta local galega. Impulso dos procesos de fusión municipal, que tiven a oportunidade de coordinar para a Xunta de Galicia con especialistas das tres universidades galegas, analiza precisamente esta realidade.

Ás veces o debate sobre as fusións céntrase no que supostamente se perde. Pero tamén hai que preguntarse que se pode gañar. Un concello con maior dimensión pode ter maior capacidade técnica e financeira, máis posibilidades para afrontar investimentos e unha mellor posición para acceder a recursos públicos. A lexislación galega prevé incentivos económicos e técnicos para os municipios fusionados, unha maior participación no Fondo de Cooperación Local e prioridade en determinadas subvencións. Ademais, ao superar os 5.000 habitantes, o novo concello accedería a unha maior participación nos tributos do Estado, cun incremento adicional específico pola fusión.

A lexislación galega prevé incentivos económicos e técnicos para os municipios fusionados

Non facer nada non significa que todo permaneza igual. Nun contexto de perda de poboación e crecente complexidade administrativa, manter estruturas municipais cada vez máis pequenas pode dificultar progresivamente a prestación de servizos, a captación de fondos ou o desenvolvemento de proxectos.

Fusionarse tampouco significa borrar a identidade dun territorio. As parroquias, os lugares, a historia, o patrimonio ou o sentimento de pertenza non dependen de manter dúas estruturas administrativas. O que cambia é a organización coa que se xestionan os recursos e se prestan os servizos.

Por iso, o debate debe facerse con información, datos e participación cidadá, pero tamén cunha visión de longo prazo. Non se trata só de preguntarse se hoxe os dous concellos poden seguir funcionando por separado, senón se esa estrutura será a máis adecuada para seguir prestando servizos axeitados dentro de dez ou vinte anos.

Porque ante os cambios demográficos e territoriais que estamos vivindo, manter todo como está tamén ten consecuencias.

Contenido patrocinado

stats