ADERCOU Y SIL BIBEI NAVEA
Los GDR defienden la candidatura de la Ribeira Sacra en la Unesco
RETORNADAS A GALICIA
No marco da edición 2026 do programa Escolas Abertas, a Xunta de Galicia volveu demostrar que a cultura galega non entende de fronteiras cun programa de convivencia e aprendizaxe intensiva na que o grupo conformado polos docentes e responsables de entidades galegas no exterior seleccionados este ano non só conviven día a día senón que tamén teñen a oportunidade de fundirse coa paisaxe, a historia e a esencia da terra dos seus antergos. Exemplo diso foi a excursión que onte realizaron á Ribeira Sacra.
O programa, que navega entre a formación técnica e a vivencia emocional, busca que estes embaixadores non só aprendan pasos de baile ou acordes de gaita, senón que se empapen do espírito de Galicia para, ao seu regreso, continuar vivindo a cultura galega desde os seus países.
Para moitos dos participantes, este programa representa o peche dun círculo vital. É o caso de Nicole Suárez, chegada dende Venezuela, quen explica como a súa identidade é unha amálgama de dous mundos na que “os meus avós, na Hermandad Gallega de Caracas, xeración tras xeración, fóronnos inculcando a cultura galega e esa mestura de ser venezolanos e galegos é moi divertida”.
Para ela, o choque cultural e a aprendizaxe técnica foron unha experiencia reveladora. Máis alá da esixencia das aulas, Nicole subliña a importancia da convivencia e a espontaneidade e así puideron comprobalo entre os cantos e bailes dunha foliada á que asistiran a noite anterior. Nicole aproveitou para lembrar a situación que atravesa Venezuela despois dos devastadores terremotos apelando a que, quen poida, axude na medida do posible.
O programa Escolas Abertas destaca pola súa intensidade, algo que agradecen especialmente aqueles que xestionan entidades en contornos onde a cultura galega se mantén con esforzo. Ana González, chegada desde Berlín, é un exemplo desta dedicación. Pertenecente a unha asociación de creación recente, explica que o ritmo de traballo en Santiago non ten comparación co seu habitual. “Estamos facendo sete horas de pandeireta ó día, entón aprendemos moito en moi pouco tempo e despois podo trasladarllo ó meu grupo”. Para ela, esta formación é un impulso á súa asociación, formada maioritariamente por unha primeira xeración de migrantes que busca non perder o vínculo coas súas orixes.
Máis alá das clases, a experiencia está chea de emocións para quen participa por primeira vez. É o caso de Isabela Álvarez, de Brasil, que medrou escoitando historias, probando sabores e aprendendo a amar a terra das súas avoas. “As tradicións, a comida, o idioma… sempre estiveron moi vivos na miña casa”, conta.
Para ela, esta viaxe é a validación da querencia pola terra dos seus e a excursión á Ribeira Sacra foi o escenario perfecto para consolidar esa conexión. “Algunhas compañeiras do meu grupo xa participaran nas Escolas Abertas e dixéranme que é marabilloso, entón eu xa sabía algo, pero vivilo é totalmente distinto”. No catamarán que percorre as augas do Sil aproveitou para “tomar o sol e escoitar as historias sobre esta zona e encántame”. Para Isabela, a experiencia do programa e o contacto cuns profesores “marabillosos” superaron as expectativas.
Do outro lado do Atlántico chegou tamén Victoria Igounet, no seu caso de Buenos Aires, aportando unha visión marcada pola continuidade. Así, a súa familia estivo vinculada durante décadas á Asociación Benéfica Cultural de Vicente López, un clube no que comezou a facer baile galego “con seis ou sete anos e alí sigo coa mesma profesora”, explica.
Para ela, o que fai especial a Escolas Abertas é o ambiente que se xera no grupo. “Non temos esa presión de corrección, senón de estar entusiasmadas, de gozalo moito. Iso é o importante, porque son varias horas ó día e tamén cansa”. Entre masaxe e masaxe para recuperarse das intensas xornadas formativas, Victoria valora que este programa, a diferencia doutras experiencias, permítelle integrarse nun grupo no que os choques culturais son “moi interesantes” e regresar á Arxentina con enerxía renovada para continuar co labor cultural que lle legou a súa familia.
Con estas experiencias, cando remate a formación de Escolas Abertas, os participantes non só levan unha maleta chea de técnicas, senón a experiencia de convivir cun grupo heteroxéneo unido polas raigames da cultura dos seus antergos. E así o demostrarán o vindeiro luns, día 20, en Lugo coa gran gala na que poderán amosar todo o aprendido nesta experiencia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ADERCOU Y SIL BIBEI NAVEA
Los GDR defienden la candidatura de la Ribeira Sacra en la Unesco
CANDIDATURA UNESCO
La Ribeira Sacra tendrá que esperar un año para ser patrimonio mundial
Lo último
Fernando Lusson
VÍA DE SERVICIO
Cuidado con el sonido del agua
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este sábado, 8 de agosto
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: sábado, 8 de agosto