O Riós estrea un festival de intercambio musical e cultural

EVENTO DE BALDE

A asociación cultural A Trisca organiza o sábado 29 o I Riós Fest "International Vibes", que reunirá a agrupacións galegas e portuguesas

Publicado: 24 ago 2026 - 02:07 Actualizado: 24 ago 2026 - 02:08
Banda de Gaitas do Riós, en Manzaneda recentemente no XVII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas.
Banda de Gaitas do Riós, en Manzaneda recentemente no XVII Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas. | Banda de Gaitas do Riós

O concello do Riós prepárase para vivir unha novidosa xornada cultural coa celebración da primeira edición do Riós Fest International Vibes 2026. Este evento terá lugar o vindeiro sábado 29 de agosto, a partir das 16,30 horas, no recinto da piscina municipal, ofrecendo unha proposta de lecer con entrada gratuíta e dirixida a tódolos públicos.

A iniciativa, impulsada pola asociación cultural A Trisca coa colaboración do goberno local, nace coa vocación de converterse nun espazo de encontro entre pobos a través da música tradicional e de banda. O festival expón un marcado carácter de intercambio cultural entre Galicia e Portugal, unindo as dúas beiras da Raia mediante as actuacións de diversas formacións musicais.

O cartel desta primeira edición está formado por cinco agrupacións que encherán de ritmo a tarde do sábado. Os asistentes poderán desfrutar do talento do Rancho de Chaves e da Banda de Música de Vila Boa de Quires, que achegarán a representación lusa ao evento. A eles sumaranse a Banda de Gaitas de Flariz, a Banda de Música de Ervededo e a propia Banda de Gaitas do Riós.

Dende a organización sinalan que o obxectivo da cita, que nace “con moita ilusión”, é compartir e descubrir novas melodías nun ambiente festivo.

Contenido patrocinado

stats