A adaptación do medio como factor da lonxevidade galega

VIDA OURENSANA

Estamos perante unha xeración que tivo o privilexio de lograr esa meta na comunidade

Grupos de mayores sentados en los bancos de un parque.
Grupos de mayores sentados en los bancos de un parque. | José Paz

Quen sentimos curiosidade científica polo fenómeno da lonxevidade tratamos sempre de pescudar o prezado segredo, a pedra angular, a apócema que propicia a longa vida. Malas noticias: non hai un alimento, nin unha bebida, nin sequera un tipo de dieta nin un conxunto de hábitos de saúde que garante vivir en boas condicións máis alá dos cen anos. Desafortunadamente, o postulado inverso é máis atinado: un só factor, como pode ser o tabaco, abonda para non acadar ese obxectivo.

En Ourense e, por extensión, no que podemos denominar polígono de alta lonxevidade galega -inclúe boa parte de Lugo e do leste de Pontevedra- estamos perante unha xeración que tivo o privilexio de lograr esa meta nunha proporción máis elevada que noutros lugares do mundo. Daquela ten que haber unha serie de factores que cumpran dúas condicións. A primeira é que sexan xeradores de lonxevidade. A segunda é que sexan comúns aos individuos desa xeración privilexiada. Pero a xente non se pon de acordo para decidir o que come, canto tempo dorme, cal é o obxectivo da súa vida ou como reaccionar fronte a unha adversidade. Iso vén dado polo medio onde vive e pola maneira como o individuo aprende a interaccionar con ese medio. É dicir, esa concordancia nos comportamentos é involuntaria e forma parte do que podemos denominar cultura. Daquela, temos unha cultura específica que produce formas de conduta capaces de alongar a vida? Todo indica que si. E isto ocorre en Galicia, como tamén noutras zonas de alta lonxevidade tan dispares como Sardeña e Okinawa onde, distintas formas de comportamento colectivo poden acadar similares resultados en lonxevidade.

O medio é quen de condicionar os factores xenéticos. Pensemos que case todas as denominadas zonas azuis do planeta -zonas xa identificadas como de alta lonxevidade poboacional- son illas. Iso determina que a variedade xenética dos individuos sexa limitada. Ou sexa, se hai un cruzamento entre dous individuos portadores de xenes que favorecen a lonxevidade, os fillos van ser lonxevos, namentres que os reciben herdanza de vulnerabilidade, talvez non alcancen a idade reprodutiva. Vaise así operando unha selección de suxeitos máis proclives á lonxevidade. A Galicia interior, coas súas barreiras xeográficas e pobres comunicacións durante tantos séculos, funcionou, para efectos xenéticos, como unha illa. Case non cómpre facer estudos de xenoma para verificar a limitada variabilidade xenética nesta área, abonda con observar a repetición de apelidos dentro dunha mesma bisbarra.

A dieta

Por outra banda, os factores dietéticos con responsabilidade na lonxevidade tampouco foron voluntarios. A xeración lonxeva non ía polo supermercado elixindo que produtos eran sudables nin había médicos predicando unha dieta sa. Simplemente había unha economía de subsistencia baseada no minifundismo por unha mala política de distribución e aproveitamento da propiedade agraria. En boa parte dos fogares os recursos eran limitados e iso propiciaba unha limitación da inxesta que impedía os excesos calóricos e a fartura. Esa limitación material converteuse en prescrición cultural e os galegos do rural profesaron decontino a austeridade. Ademais, tiñan que conseguir liquidez para facer fronte aos gastos familiares. Había que mercar roupa, ferramentas, pagar o médico e unha chea de arbitrios, foros e impostos de todo tipo. Para iso vende as viandas con valor de mercado: xamóns, chourizos, queixos, viño. E queda co que menos se cotiza: legumes e verduras. E, por riba, para xerar todo ese autocultivo apenas dispón de maquinaria, polo que se produce a man ou, como dicían os vellos, con motor “a caldo”. Cando esta precariedade é extrema, a consecuencia é fame, enfermidade e morte precoz. Pero cando é moderada, o resultado é unha combinación de factores que favorecen a saúde e determinan a lonxevidade. A dieta hipocalórica de base vexetal con pouca carne vermella, ten bibliografía abondo para demostrar beneficio. A precariedade facía unha selección dos produtos máis saudables, no canto que os salgados e afumados vendíanse, o que podemos chamar efecto de “fuga de procesados”. O exercicio físico era continuo e moderado, xustamente o máis favorable na fisioloxía humana, lonxe da cultura de “ximnasio tres veces á semana”, ou “ciclismo domingueiro”, que practicamos na cultura urbana de hoxe.

A adaptación ao medio, daquela, determina o que se consome, canto se consome e de que maneira. Un medio hostil para a produción de, poñamos por caso, piñas ou laranxas, entregaba, porén, tres das mellores verduras en termos de saúde: a verza, a nabiza, o grelo.

Outra forma de intervención do medio na calidade da dieta é o que podemos chamar “efecto colleita”. Este efecto pode facer que aquilo que resultaba beneficioso dentro dunha cultura poida ser prexudicial noutro contexto. Poñamos por exemplo un produto de controvertido proveito para a saúde: o viño. Talvez non poida xa incluírse entre os compoñentes saudables da dieta, pero isto non é aplicable para a xeración lonxeva, vexamos o porqué. Antes de servir unha xerra de viño, na mesa dunha familia campesiña a mediados do século XX, había que podar as cepas, cavar, rendar, sulfatar, estercar, esfollar... E todos estes traballos subindo e baixando esqueiros por unha leira escarpada; e baixo a consigna dunha poderosa motivación que era ver medrar o produto. E logo había que xuntarse en traballos colectivos como a vendima, que reforzaban as redes sociais de apoio. Calquera prexuízo que puidese ocasionar o viño -que ademais se bebía en cantidades moi limitadas, sobre todo as mulleres e os nenos-, xa estaba compensado polos beneficios previos en canto á actividade física, motivación e vencello coa comunidade. Hoxe para obter unha botella de viño poñémola na cesta do supermercado ou encargámola por Internet; non é preciso ter traballado nin pisado nunca unha viña.

Contenido patrocinado

stats