O San Benito da Uceira, en Sandiás, volveu ve-lo sol

SEMANA SANTA

A Ermida do San Benito da Uceira en Sandiás acolle as celebracións do Luns de Pascua, nas que decenas de veciños de toda a comarca se dan cita para despedir a Semana Santa nunha xornada que conxuga misas, procesión e comida familiar.

O San Benito atrae a novos e maiores por igual.
O San Benito atrae a novos e maiores por igual. | B.L.

As celebracións de Semana Santa chegan a súa fin logo dunha fin de semana marcada po-lo clima agradable e unha dilatada lista de actividades ao longo da provincia.

O Luns de Pascua, o primeiro día laboral logo da Semana Santa, é un día de fonda devoción no Concello de Sandiás, onde a Ermida de San Benito da Uceira acolle a centos de veciños chegados de tódalas parroquias da comarca da Limia.

O clima agradable que marcou as pasadas xornadas festivas acompañou tamén á de onte, que comezou ás 10,00 horas da mañá coa primeira misa das tres que se celebrarían ao aire libre no espazo da ermida. As dúas primeiras foron por conta do párroco local, José Emilio Casal. Mentres se sucedían os oficios, moreas de persoas se achegaban á imaxe do San Benito, aínda no seu lugar habitual no interior da súa capela.

Non só os bancos da capela estaban ateigados de fieis, que se encomendaban ao Santo, senón que a fileira de devotos que esperaban para pasarlle o pano á talla de San Benito ou bicarlle os pés, unha tradición que segundo contan ten propiedades curativas, principalmente a de curar verrugas, chegaba ata fóra.

Foi cara ás 12,00 horas cando a imaxe abandonou a capela para comezar a procesión, que percorreu o recinto entre os alí presentes antes de deixar a San Benito no seu lugar habitual. O ano pasado, a imaxe do Santo tivo que resgardarse da choiva e non puido colocarse no consabido pedestal, ao que volveu este ano para desfrutar do sol.

Con San Benito presente comezou a terceira misa, esta vez ofrecida por José Antonio Rodríguez, o párroco de Xinzo de Limia e responsable de 13 parroquias ata Calvos de Randín. Un cento de persoas acompañou o oficio, no que se recordou a resurrección de Xesús.

O Luns de Pascua no San Benito da Uceira é unha cita que congrega a maiores e pequenos nunha xornada familiar, na que, ademais dos tradicionais postos de doces e velas que acenden xuntos fóra da capela, os asistentes xantan xuntos polbo á feira e churrasco nas carpas instaladas fóra do recinto da Ermida. Non son poucos os que decidiron subir andando ata a Ermida, e que fixeron, xa antes dos oficios, unha parada para comer: “Hai que recargar forzas, que logo inda hai que baixar!”.

Contenido patrocinado

stats