Sandiás lamenta os danos en pistas recén arranxadas
INUNDACIÓNS
O alcalde alerta da dificultade de manter as pistas tras as chuvias: “Os coches son doutro calibre, estráganse rápido”
Durante a pasada mañá, o alcalde do concello de Sandiás, Felipe Traveso, explicou que as inundacións provocadas polas intensas choivas deste ano danaron as pistas municipais na contorna das aldeas de Lavandeira, Arcos, Zadagós e Cardeita, recentemente arranxadas ao abeiro do Plan Camiña Rural 2025-2026 da Xunta de Galicia.
Así llo comunicou ao delegado territorial do Goberno galego, Manuel Pardo, durante a visita que fixo ao municipio para comprobar a evolución das obras de mellora de camiños que se están facendo no concello no marco deste programa no que a consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural destinou máis de 48.000 euros. Pardo incidiu en que “estamos todas as administracións traballando para mellorar as vías afectadas”.
Traveso explicou que estas axudas son especialmente relevantes para os concellos pequenos, xa que “temos moitas pistas da concentración parcelaria que hai que manter”, apuntando que esta fíxose “hai máis de 30 anos e os vehículos son doutro calibre. As pistas agora sofren máis e o deterioro é moito máis rápido”. O alcalde aclarou que intentan acudir “aos sitios onde máis se precisa”, coincidindo que as inundacións afectaron especialmente a esta parte do termo municipal. “Despois das chuvias xa precisan outra volta”, rematou Traveso.
Plan Camiña Rural
Manuel Pardo destacou que nesta orde de achegas a Xunta destinou preto de 4,3 millóns de euros en 88 concellos da provincia de Ourense, en 167 actuacións cunha lonxitude de vías a mellorar de 135,23 quilómetros, co gallo de xerar cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e de traballo no medio rural. Así, lembrou que o Goberno galego ten aberto o prazo para solicitar as axudas da convocatoria 2026-2027 para mellora de camiños rurais, cun orzamento de preto de 19 millóns de euros ata o vindeiro 5 de marzo.
Deste xeito, subliñou que a cantidade fixa por concello será de 24.550 euros, e a partir de aí amplíase o orzamento segundo outros criterios. Estas achegas están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 de España.
O representante do Goberno galego puxo en valor que cando remate esta convocatoria, nos concellos galegos terase actuado en preto de 6.700 camiños, cunha lonxitude total duns 5.200 quilómetros e un importe de axudas de case 156 millóns de euros.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
NO SERÁ CONSIDERAD ACCIDENTE DE TRÁFICO
La investigación apunta a un suicidio en el atropello mortal de Sandiás
ACCIDENTE DE TRÁFICO
Tres heridos en un accidente múltiple en la A-52 a su paso por Sandiás
Lo último