Ángel Feijóo, o pirotécnico expatriado

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Nacido en Tamaguelos (1914), aprendeu o perigoso oficio de pirotécnico con seu pai. En 1936, por republicano, tivo que fuxir a Portugal. Foi devolto a Ourense. Fuxiu de novo a Francia e recalou en Venezuela onde volveu oficiar como pirotécnico

Xunta directiva do Lar Galego, o primeiro centro aberto pola colectividade galega en Caracas e imaxe de Ángel Feijóo.
Xunta directiva do Lar Galego, o primeiro centro aberto pola colectividade galega en Caracas e imaxe de Ángel Feijóo. | La Región

A efeméride do 65 aniversario da Hermandad Gallega de Venezuela, unida ó peche temporal -xa resolto- das súas instalacións de Caracas por parte da Facenda bolivariana, ó que se lle sumou o Nobel da Paz á resiliente Corina Machado, facía imposible que non volvera de novo a mirada cara ese país tan recorrente para os ourensáns nos camiños de ida de noutrora e entre os que se atopou este fillo do val do Támega que ademais do recollido no titular, foi o primeiro presidente da devandita irmandade cando se fusionaron, alá por 1960.

Evidentemente, son incontables os ourensáns que, entre os anos corenta do pasado século e o período da decadencia chavista que lle abriu as portas ó meirande éxodo poboacional da historia universal contemporánea, viviron e fixeron fortuna no país das oportunidades, que chegou a ser o de meirande desenvolvemento económico e de maior calidade de vida de Hispanoamérica.

Sen ser “o máis dos máis”, nun momento transcendente da colonia galega en Caracas que ben coñece Manuel Álvarz Quiroga e que foi cando optaron pola unificación de tres entidades diferentes, tivo especial protagonismo este ourensán que respondía ó nome de Ángel Feijóo González, nacido na aldea fronteiriza de Tamaguelos e que aparte das inquedanzas intelectuais que mantivo dende moi novo, comezou a saber o que era traballar acompañando a seu pai Bernardo Feijóo Yáñez no perigoso oficio da pirotecnia, que tantas vidas ten consumido ó longo do tempo nas terras de Monterrei e noutras zonas especialmente dedicadas a esa actividade en diversas comarcas de Ourense.

Afortunadamente para el e para a súa familia, non consta que a instalación “fogueteira” do “afamado Bernardo Feijóo” -que así era citado seu pai na prensa da época- sufrira ningún detonación accidental. Se ben os perigos para a integridade física de Ángel chegáronlle cando andaba polos 22 anos, no momento no que o estourido irracional do conflito bélico o sinalou pola actividade levada a cabo durante os anos da débil democracia republicana e que, valéndose da cercanía de Tamaguelos co país veciño, iso animouno a tomar a decisión de fuxir para poder salvar a vida.

Afortunadamente para el e para a súa familia, non consta que a instalación “fogueteira” do “afamado Bernardo Feijóo” -que así era citado seu pai na prensa da época- sufrira ningún detonación accidental.

Segundo recolle o historiador da Universidade de Vigo, Xosé Ramón Campos -gran coñecedor da emigración e do exilio galego en Venezuela-, nun traballo específico sobre o exilio e o asociacionismo da colectividade galega naquel país, Ángel Feijóo logrou cruzar a raia, pero para aquela a policía de defensa do Estado portuguesa -a famosa PIDE- xa andaba alerta por aqueles montes e acabou preso e devolto á policía española apostada na fronteira. Tardou un tempo, pero volveuse organizar, neste caso xa con contactos en Portugal e nas terras veciñas estivo agachado arredor dun ano, tempo durante o que lle conseguiron unha identidade falsa coa que foi quen de cruzar ata Francia, onde logrou embarcar con algúns outros fuxidos, e chegar insolitamente a Venezuela.

Dous anos lle durou a peripecia escapista, ata que en 1938 logrou pousar os pés no peirao da Guaira e recalar á terra na que acabaría residindo o resto dos seus días.

Non tiña máis ca 24 anos e uns inmensos azos por atopar acougo e reconducir a vida sen o agoirento sentimento de ter tralas costas un acoso permanente.

“No sentí para nada la dureza de la tierra -respondía, anos despois, nunha entrevista sobre o abandono do fogar-. No hubo un corte violento. Ni las costumbres, ni el idioma. Solo la nostalgia de la tierra...”

Unha nostalxia que o levou a implicarse moi directamente na organización da colonia galega, vencellada e desvencellada en tres sociedades -o Lar Gallego, o Centro Galego e a Casa de Galicia- e fundar o 12 de outubro de 1960 a actual Hermandad Gallega de Venezuela, que, cuns 40 mil beneficiarios- chegou a ser -cito a

Alvarez Campos- “la asociación sin fin de lucro máis importante del país y uno de los centros gallegos más importantes del mundo

Os exiliados que tamén houbo en Venezuela, os repatriados e outros que morreron na travesía

Entrada orixinal da “Hermandad” e fachada do antigo Centro Galego.
Entrada orixinal da “Hermandad” e fachada do antigo Centro Galego. | La Región

Con todo, a vida de Ángel Feijóo non se resume só no oficio de fogueteiro en Tamaguelos, nin na actividade política republicana ou na simbólica primeira presidencia da Hermandad, senón que tamén no ámbito laboral logrou unha folgada posición económica.

Denantes, iso si, aínda tivo tempo de viaxar a Mendoza (Arxentina) en 1941 é ir á procura da moza que deixara en Tamaguelos, Elia Pérez, coa que casou e regresou a Venezuela para continuar a vida en común no país caribeño.

Sen medo a manexar explosivos traballou nunha fábrica de pólvora, en Maracaibo foi empregado da familia Cisneros, viviu na Gran Sabana, dedicouse á agricultura no estado de Zulia, fíxose xerente dunha construtora en Caracas e finalmente acabou como empezou, fundando unha pirotécnica -pero con dimensión industrial- nos vales do Tuy, do Gran Caracas.

É evidente que a traxectoria migratoria de Ángel Feijóo non foi a tradicional que a partir de 1950 convocou a ducias de milleiros de galegos que arribaron ó país alleos a calquera connotación política.

Para aquela, os poucos exiliados que permitían os distintos presidentes -nada dados á acollida dos republicanos españois, como, pola contra, si fixeron en México e Arxentina- xa se organizaran, aínda que mediatizados polas deferencias políticas entre “comunistas, anarquistas, socialistas y franquistas”.

A primeira asociación promoveu o Lar Galego, en 1945, que logo se dividiu, creando o Centro Galego en 1948, e nunha segunda división, en 1956, a Casa de Galicia -cun polémico ourensán chamado Silvio Santiago, sempre polo medio-, para acordar a definitiva fusión, unha vez diluídas as leas políticas coa chegada masiva da emigración económica.

Exiliados coma Ángel Feijóo ou emigrantes sen connotación política, coñeceron o éxito. Outros, sen embargo, coñeceron o fracaso e acabaron repatriados. Velaí unha nova de “El ideal Gallego” de outubro de 1951: “En el ‘Monte Ayala’ llegaron 28 repatriados de Venezuela. El clima, el principal enemigo. El trabajo escasea y apenas se gana para comer”.

E outros, enfermos, nin sequera chegaron á casa, tal como lle aconteceu a J.F.M., veciño de Tellado (Ramirás), quen, de regreso no mesmo barco, morreu en Tunas de Zaza (Cuba) e alí foi soterrado. É dicir, nada que non aconteza hoxe no camiño de volta.

Contenido patrocinado

stats