A “flotilla” e un tal “Junqueira de Ambía”

CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Na madrugada do 22 de xaneiro de 1961, o transatlántico luso “Santa María” navegaba entre Curação e Santa Luzía cando uns disparos na ponte de mando mudaron o seu itinerario e converteron o paquebote no primeiro buque-denuncia da historia

O Santa María en Vigo, bautizado como Santa Liberdade, Velo no Daily Mirror e con Galvão, Mortagua e Sotomayor.
O Santa María en Vigo, bautizado como Santa Liberdade, Velo no Daily Mirror e con Galvão, Mortagua e Sotomayor. | La Región

O balbordo informativo que está a zarabaternos a conciencia, coa “flotilla” plurinacional que acaba de denunciar ante o mundo o macabro xenocidio que o Estado de Israel está provocando contra o pobo gazatí, fai acaído traer a colación un episodio que pasou á historia por ser o primeiro acto de denuncia en alta mar, naquel caso contra dúas ditaduras. Trátase do secuestro do buque Santa María por parte de 12 españois e 12 portugueses co ourensán “Carlos Junqueira de Ambía” como ideólogo.

Evidentemente, non é este un episodio descoñecido, aínda que non forme parte da historiografía oficial e por máis que, cando alguén sabe algo del é doado que o resumo non pase dunha versión caricaturizada do auténtico acontecemento.

Tivo lugar entre o 21 de xaneiro e 2 de febreiro de 1961 a bordo do transatlántico “Santa María”, orgullo da Compañía Colonial de Navegación portuguesa e que era masivamente utilizado pola emigración española e portuguesa en Venezuela para realizar as viaxes de ida e volta, así como para o turismo neerlandés que acudía a tomar o sol na illa propia de Curação.

España e Portugal levaban décadas sometidas por dúas férreas e crueis ditaduras polo que, aproveitando o éxito da revolución cubana e o estado de axitación das colonias portuguesas en África, ante a inacción dos partidos políticos no exilio, que decidiran agardar a que a bioloxía acabase cos ditadores, un grupo de españois e portugueses asentados en Venezuela e distribuídos nalgúns comandos por España e Centroeuropa, constituíron un “movemento isurrecional” que denominaron “Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación”, que non se consideraba de seu un terrorista pero que si optaron pola “acción” co fin de “vencer ós tiranos e á matilla que os sustentan, coa única linguaxe que pode entender un tirano: a violencia que as circunstancias nos obrigan a usar”.

Con estes antecedentes e incluso co deseño tamén frustrado dun intento de atentado contra Franco no Santiago Bernabeu, os responsables do movemento decidiron que o mundo tiña que ser consciente do estado de “prisión” no que vivían as xentes da península ibérica, a carón de tódalas democracias europeas e puxéronse a traballar na denominada “terceira operación”

Co aval nun segundo plano do xeneral portugués Humberto Delgado -que lle ganara as eleccións a Salazar en 1958 e que tivo que exiliarse trala declaración fraudulentamente da vitoria do ditador- e coa presenza máis activa -a miúdo hiperactiva- do capitán Henrique Galvão por parte lusitana e o ourensán de Celanova Xosé Velo Mosquera e o marino republicano coruñés da Pobra do Caramiñal, José Fernando Fernández por parte española, programaron varias “operacións” que non deron moi bos resultados mediáticos e que nalgúns casos mesmo resultaron fallidas ou traxicamente fallidas, como foi o paquete bomba colocado na estación de Amara (San Sebastián), que matou á nena de dous anos Begoña Urroz, e que aínda que non oficialmente, tenlle sido atribuída ó DRIL despois de que durante moitos anos fose considerada a primeira vítima de ETA.

Con estes antecedentes e incluso co deseño tamén frustrado dun intento de atentado contra Franco no Santiago Bernabeu, os responsables do movemento decidiron que o mundo tiña que ser consciente do estado de “prisión” no que vivían as xentes da península ibérica, a carón de tódalas democracias europeas e puxéronse a traballar na denominada “terceira operación” baixo o epígrafe de “Operación Dulcinea”, da que foi o auténtico ideólogo e director da operación, o devandito Xosé Velo Mosquera, que asumiu o alias de “Carlos Junqueira de Ambía”.

O obxectivo era subir a bordo coma pasaxeiros que regresaban ós seus lugares de orixe e ó chegar a alta mar, tomar o barco coas poucas armas que lograran introducir nas bodegas, apagar as emisións radioeléctricas para non ser localizados pola norteamericana VI Flota do Atlántico e tratar de chegar á Fernando Po e Angola, onde -ó xeito de Fidel e o Granma- asentarían unha base coa que exaltar os movementos independentistas das colonias portuguesas.

Todo estaba programado e ben deseñado, pero non foron considerados os imponderables. Uns disparos para tomar a ponte de mando, un oficial do barco morto e varios feridos trastocaron a operación. Pero non de todo.

Trece días nos que tiveron en xaque a Franco, a Salazar e á Sexta Flota dos Estados Unidos

Baixando do Santa María e nos derradeiros anos nunha finca de Minas Gerais.
Baixando do Santa María e nos derradeiros anos nunha finca de Minas Gerais. | La Región

Aínda que ó principio foron moitos os que trataron de ridiculizar o suceso coma un acto de piratería e ós seus protagonistas como “quixotes”, xa que a operación foi titulada “Dulcinea” -o nome do barco foi mudado polo de Santa Liberdade-, o momento da operación non foi casual porque aquel 21 de xaneiro Kennedy había un día que tomara posesión de presidente dos Estados Unidos e faltaba unha semana para que Janio Quados se posesionase no Brasil.

Tanto Franco como Salazar enviaron ó cruzador Canarias e ó buque Pero Escobar, pero antes de chegaren adiantouse o almirante Smith da Us Navy, que foi quen negociou a rendición dos secuestradores, o desembarco de pasaxeiros e tripulación e a entrega do buque, asumindo, pola súa parte, Janio Quadros a condición de refuxiados no seu país.

Aínda que nos medios de comunicación do mundo tiña aparecido como principal actor Henrique Galvão, ós poucos días moitos xornais comezan a indicar que o ideólogo e director da operación é “un tal profesor Bello, un misterioso español nacido en Santiago de Compostela y animador de un movimiento galleguista que formó parte de Galeuzca”.

Realmente, ese tal “Bello” non era outro ca José Velo Mosquera, un ourensán de Celanova, republicano-galeguista, que se dedicou ó ensino e á fundación e dirección das mocidades galeguistas, que estivo oito meses agachado no soto dunha casa dos arrabaldes de Celanova e que acabou fuxindo -vía Lisboa- para Caracas, onde sempre loitou para que a ditadura non morrese “na cama” e tratou de contribuír coa súa vida a que iso non acontecese.

Cando, xa enfermo, se carteou co seu amigo da infancia, Celso Emilio Ferreiro, escribiu:

“ ... ando á precura de amenizar o desfeche desta que foi a miña vida inútil, cando teño a certeza de que puido ser útil, utilísima, mesmo noutros campos e actividades.

Queimeime, acaso fulgurantemente, en conversas cheas de vida e de maxinación, en perigosas clandestinidades, por onde quera que me encontrei e nalgunhas accións brilantemente concebidas, medianamente desenvoltas, mal acompañadas e melancolicamente finadas.

Espero que a miña precura resulte certa e así poida facer aínda, no finizo dos anos, algunha cousa pola nosa Galicia e para o parto da Hespaña que non naceu”.

Contenido patrocinado

stats