CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
O capelán Figueras, o eclipse e o rei
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
O próximo mércores Ourense quedará completamente a escuras durante uns minutos que nos farán ollar -con moito coidado, iso si- ó ceo e permitiranos rexistrar tal data no noso memorial como testemuñas que seremos dun evento astral que non asomaba por aquí dende hai 121 anos, cando a cidade de Burgos concentrou ó rei Alfonso XIII, á comunidade científica internacional e a este ourensán que soubo ganar a confianza do monarca mentres o sol e a lúa se mimetizaban nun círculo tan máxico como fugaz.
Francisco Figueras chegou ó mundo nun fogar da rúa do Progreso, habitado polo funcionario do Estado, Ramón Figueras, que por algunha razón debeu manter querencia pola vida militar, dado que dous dos tres fillos que sumou ó matrimonio -Luís e Francisco- tomaron camiño profesional por esa vía e conseguiron acadar altas cotas de mando en Madrid, mentres que o máis novo, Arturo, centrouse na función pública, primeiro como numerario de prisións e, xa despois, no cadro de persoal do ministerio de Gracia a Xustiza.
É posible que calquera deles fose susceptible de ser enmarcado nesta postal. Sen embargo, desta centraremos a ollada en Francisco, non só pola traxectoria relixioso-militar seguida, senón por unha circunstancia singular ligada ó eclipse que tivo lugar o día 30 de agosto de 1905 e que lle mudou a vida de forma transcendental.
Primeiro, Francisco fixérase crego e en 1892 conseguiu, por oposición, unha praza no corpo de capeláns militares que o levou de contado ó outro lado do mundo, é dicir, a Filipinas, onde se estaba librando unha loita sen cuartel entre as tropas españolas e os indíxenas do arquipélago co fin de conseguir a independencia que finalmente -como é ben coñecido- conseguirían.
Malia á súa condición de relixioso e de non ter obrigas, polo tanto, de colocarse na vangarda da fronte, foron varias as intervencións valerosas que protagonizou o capelán, que o fixeron merecente da concesión inicial de dúas cruces de mérito.
A primeira tivo lugar en novembro de 1894 na toma do campamento de Tomarmol, moi preto de Mindanao, e a segunda na toma de Talisay, onde resultou ferido ó recibir un machetazo por parte dun indíxena, aínda que logrou salvarse.
A máis destacada, sen embargo, aconteceu o 18 de xullo de 1895 cando o exército español acomenteu o “asalto y toma de la cota de Tumayas”, no cal o capitán Félix Briones, que comandaba a tropa, foi ferido de morte no medio do fogo cruzado que intercambiaban asaltantes e defensores. Nese momento o capelán ourensán, expoñéndose abertamente ó perigo das balas de ámbolos dous lados, achegouse ata onda o capitán para acompañalo nos derradeiros alentos e administrarlle o derradeiro sacramento. Por fortuna para el, o capelán Figueras resultou ileso e os seus superiores consideraron axeitado tramitarlle a concesión da prestixiosa Cruz de San Fernando, con pensión anual de 250 pesetas, que lle foi concedida dous anos despois.
Cinco anos en total foron os que Francisco Figueras estivo na fronte de Filipinas e ó regreso comezou un peregrinar por distintas prazas militares do país envolto nunha sorte de aureola de valeroso recoñecido por todos.
Primeiro foi destinado ó hospital militar de Barcelona, logo recalou no batallón de artillería de Canarias e, en situación de comisionado, estivo unha tempada na praza de Ceuta, regresando finalmente a Galicia á fronte da vigairía da oitava rexión asentada na cidade da Coruña.
Non durou moito tempo na capital militar galega, pois en tan só tres meses, concretamente a finais de novembro de 1904, foi destinado ó acuartelamento de Burgos, onde tivo lugar o feliz encontro entre o capelán e Alfonso XIII.
O relato recolleuno uns meses despois o xornal “El Miño” baixo o título de “Un orensano en Palacio”, onde se describe que estando o rei en Burgos, a onde se desprazara para contemplar nesa cidade o eclipse anunciado para ese 30 de agosto de 1905: “... presentose ante él nuestro paisano y al ver lucir don Alfonso la cruz laureada de San Fernando en el pecho del valeroso sacerdote fue informado de los hechos de armas que en la campaña de Filipinas le valieron tan extraordinaria recompensa”.
Á vista dos innegables méritos acreditados polo ourensán, o monarca convidouno a visitar o palacio cando estivera en Madrid, cousa que evidentemente fixo a finais de agosto de 1906.
Loxicamente, o capelán non botou en saco furado o xeneroso ofrecemento do monarca e tan pronto puxo un pé en Madrid dirixiuse dilixente ata o Palacio Real -daquela denominado aínda Alcázar- e alí fóronlle abertas as portas de par en par: “Cumpliendo los deseos del rey presentose en Palacio, solicitando una audiencia de don Alfonso, que le fue concedida de inmediato. En su presencia reiterole el Rey su felicitación hablando largamente sobre las guerras coloniales, teniendo frases de elogio para el valiente ministro de la religión y soldado de la patria”.
Non transcenderon os beneficios cos que o valeroso capelán foi agasallado polo monarca. Sen embargo, ó pouco tempo Francisco Figueras acabou destinado na primeira rexión militar coa categoría de capelán vigairo de primeira clase e andando os anos unha nova casualidade fixo que se vise protagonista destacado dun episodio no que seu admirado monarca estivo a piques de perder a vida.
Aconteceu isto o 14 de abril de 1913 cando a primeira rexión militar organizou o acto anual de xura de bandeiras que tivo lugar na Castellana e que nesa ocasión convocara a uns vinte mil soldados para proceder ó solemne acto protocolario de honraren as súas respectivas bandeiras.
A multitudinaria misa de campaña oficiouna -como levaba facendo dende 1910- o capelán Figueras perante a familia real ó completo, o goberno e as principais autoridades militares, políticas e relixiosas do Estado.
E todo elo baixo a presidencia real situado en lugar principal montado no seu cabalo e acompañado da cúpula militar madrileña.
O evento transcorreu con toda normalidade e esplendor. Sen embargo, unha vez rematado, a comitiva real co monarca de a cabalo, dirixiuse ata o Palacio Real pola rúa de Alcalá, onde, ó paso da montura do rei á altura do número 48 un anarquista catalán agachado entre a multitude colocouse a curta distancia do monarca e disparoulle dous tiros que, de non fallaren, terían mudado a historia de España.
Por fortuna para o xove Alfonso o catalán non atinou e o rei continuou recibindo en audiencia ó capelán ata que o 3 de decembro de 1915 faleceu, case de forma repentina, e foi soterrado no cemiterio da Sacramental de Santa María.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
O capelán Figueras, o eclipse e o rei
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: lunes, 10 de agosto
VIDA OURENSANA
El ejercicio a mediana edad retrasa el deterioro cognitivo
PRIMAVERA 2027
John Galliano vuelve al lugar que nunca dejó
Lo último
DIFICULTADES PARA ATRAER PROFESIONALES
Los funcionarios de Valdeorras esquivan la comarca por la distancia
Miguel Abad Vila
TRIBUNA
Una crisis migratoria y una crisis sanitaria
MI PLAN PERFECTO
El verano