Carmucha Seoane, a voz que puido ser
CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE
Filla do militar orixinario de Bande Joaquín Seoane e crecida no antigo concello de Canedo, emerxeu axiña coma un portento lírico que recibiu formación en Madrid e estivo a piques de ir a Milán, pero a Guerra apagou a súa ilusionante carreira. A entrega dos Premios Ondas devolvéronlle esta semana á radio e á súa centenaria efeméride un protagonismo latente durante todo o 2024. Unha das primeiras emisoras en saltar ás ondas foi Unión Radio (hoxe Cadena Ser) que a partir de 1925 fixo famosas unhas audicións musicais que convocaban á xente detras daqueles vetustos aparatos, a través dos que se daban a coñecer voces coma a de Carmucha Seoane, unha moza ourensá cun venturoso futuro que se foi silenciando a medida que emerxía o novo tempo da posguerra.
A primeira vez que a nena Carmiña (ou Carmucha, apelativo afectivo polo que tamén foi coñecida) apareceu nun medio de comunicación aconteceu con tan só cinco anos nas páxinas de “Vida Gallega”, retratada como participante dun concurso de disfraces da Sociedade Recreativa de Canedo, lugar onde se desenvolveu toda a súa infancia e unha boa parte da xuventude.
Filla do militar de Bande, Joaquín Seoane e da veciña de Ponte Canedo, Basilisa Moreno, no colexio das Carmelitas comeza a destacar e a facerse patente en toda canta celebración escolar tiña lugar no devandito centro.
En maio de 1928, con só dezaseis anos e con motivo dun festival a beneficio de María Auxiliadora, a nena prodixio dá o salto de intramuros do colexio carmelita ó Teatro Principal, interpretando unha obra de relativa dificultade técnica -La Alsaciana- que superou con gran éxito e sorprendeu á elite da cidade e dun xeito especial a Ramón Otero Pedrayo, co que, andando o tempo mantería unha relación de admiración mutua.
A consecuencia máis inmediata, por unha banda, é a de incorporarse como primeira voz á recén nacida Coral Polifónica Orensana, que dirixía o crego vasco-navarro asentado en Ourense, Antonio Jaunsarás. E, pola outra, a de acabar matriculada no conservatorio madrileño como alumna preferente do tenor Lorenzo Simonetti, que xa formara, unha década antes, á tamén galega e recoñecida soprano Ofelia Nieto.
A estadía na capital comeza a abrirlle portas e oportunidades. Unha das primeiras coincide co auxe popular das audicións radiais que naquel momento de comezos da década dos trinta lideraba a emisora Unión Radio, con sede na Gran Vía madrileña.
Os xornais da capital desfanse en eloxios e Carmucha regresa a Ourense, sendo recibida no Teatro Principal con tódolos honores, adornados por unha presentación sen igual do futuro patriarca Ramón Otero Pedrayo. “A Carmela non debería presentala eu -di o escritor nun académico galego-, senón un poeta que tecera neste acto unha bóveda de flores para que por debaixo dela aparecese a figura desta artista admirable”.
Todo fai indicar que a súa carreira non fixera máis ca iniciar un prometedor despegue. “Estudiosa, plena de facultades, joven y bella, es una de las más positivas esperanzas que tiene Galicia de renovar su plantel de grandes artistas”, escriben en Vida Gallega.
Unha carreira que se ve reforzada con outro “ruidoso y completo éxito”, en xuño de 1931, no Ateneo de Madrid, “ante un público tan numeroso como distinguido”, entre os que sobresaen varios admiradores que lle escriben ó ministro de Instrucción Pública para que lle conceda unha bolsa de estudos en Milán.
Entón chega a República e tanto a bolsa no conservatorio milanés, como algunhas actuacións xa programadas en espazos tan destacados coma o Círculo de Belas Artes, decaen, e Carmucha regresa a Ourense, onde, acompañada pola Coral Polifónica Orensana ou en solitario, continúa dando mostras dunha voz prodixiosa e dun compromiso social cos principios da República e mesmo co proxecto de Estatuto para Galicia.
Neste sentido fíxose famoso o seu concerto a favor dos obreiros parados de Ourense, onde interpretou pezas de “Tosca” e -por aclamación- “Un adeus a mariquiña”. Concerto, este, que logo sería convertido nunha xira polas principais cidades galegas, Vigo, Santiago, A Coruña, Lugo ou Ferrol.
O “campechano, castizo y bizarro” militar Joaquín Seoane que retou en duelo a un veciño
Mentres, Carmiña , probablemente decepcionada pola imposibilidade de continuar a formación académica no templo da lírica italiana, centraba a súa actividade musical en Galicia ó amparo da Coral Polifónica, o seu pai, Joaquín Seoane González, concentraba as súas arroutadas xuvenís, que o levaran a retar en duelo a un veciño de Bande “a fin de ventilar una cuestión de honor con motivo de faltas que a mi familia afectan”, no asentamento dunha prolífica carreira militar.
Como mostra do dito abonda con ler os méritos insertados na esquela do seu primeiro cabodano: Comandante de infantería, cabaleiro da Real Orde de San Hermenexildo, Cruz do Mérito Militar, Medalla das campañas de Cuba e Marrocos e fillo adoptivo da municipio de San Mateo (Castellón), xa na Guerra Civil.
No mes de setembro de 1933, “una grave afección en la garganta” aconséllalle a Carmucha retirarse unha tempada e durante uns meses decide ir vivir para Vigo “con los señores Vázquez Carrera”, reaparecendo no mes de marzo de 1936 nun acto de reafirmación galeguista, no que acompaña con “ilustracións líricas” unha conferencia ofrecida polo director da coral polifónica de Pontevedra, Blanco Porto, na que tamén interviu Otero Pedrayo desvelando “dúas inesquecibles emocións vividas”, unha delas cando “oíu por vez primeira a voz de Carmela Seoane” e a outra “cando escoitou tamén por primeira vez a Coral Polifónica de Pontevedra.
Pero chegou o desbaraxuste da guerra e todo se trastornou. É de supoñer que o ambiente militar no que crecera e a incorporación do pai ó bando franquista obrigouna a tomar algunhas decisións incómodas, como participar nun concerto no Teatro Losada “a favor del glorioso ejército” ou inscribirse na relación de “Mujeres al servicio de España”.
Como tamén debeu contribuír a relación iniciada co médico militar Alfonso Mosquera Ferrando, co que acabaría casando en setembro de 1938.
Trece anos terían que pasar para que Carmucha volvera asomar na prensa ligada a algunha actividade musical. Foi con motivo da creación do “Cuadro Lírico Orensano” co que percorreron Galicia e que lle debeu servir para reavivar algunhas sensacións daquilo que puido ser e non foi.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ARTE URBANO
As Mouras, mejor mural del mundo
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: martes, 3 de febrero
Lo último