O Cintecx “achégase” á cidade para compartir a súa ciencia

PODCAST CIENCIA DE IDA E VOLTA

O venres 6 de novembro haberá demostracións tecnolóxicas, experimentos e actividades en Vigo

David Patiño e Aída Díez, na súa visita ao set de Atlántico TV.
David Patiño e Aída Díez, na súa visita ao set de Atlántico TV.

Que se esconde baixo as nosas estradas? Como podemos estudar os bosques desde o aire ou almacenar a enerxía procedente de fontes renovables? Que ocorre cando combinamos magnetismo, materiais e impresión 3D? O venres 6 de novembro, Cintecx, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, sairá das súas instalacións para achegar estas e outras preguntas ao público vigués coa Xornada de Ciencia Aberta Cintecx 2026: “Investigación que conecta a túa cidade”.

Por primeira vez, a cita celebrarase no Tinglado do Porto de Vigo, cunha programación que combinará actividades prácticas, demostracións tecnolóxicas e experiencias participativas. A iniciativa, que alcanza a súa sétima edición, dá un novo paso no seu obxectivo de achegar a investigación á sociedade. Tras abrir as súas portas ao público xeral en 2025, este ano traslada a xornada ao centro de Vigo para facilitar o encontro entre a cidadanía e o persoal investigador do centro.

Entre as 10,00 e as 14,00 horas, preto de 300 estudantes de Secundaria e Bacharelato participarán nas actividades, organizadas en dúas quendas. Acompañados por persoal investigador de Cintecx, percorrerán diferentes propostas para coñecer de primeira man como se traballa en ámbitos como as enerxías renovables, a Intelixencia Artificial, os novos materiais ou a enxeñaría de infraestruturas.

Os estudantes poderán explorar estruturas mediante xeorradar e realidade mixta, descubrir como se estudan os bosques con tecnoloxías espaciais ou probar un simulador de condución que avalía riscos en tempo real. Tamén medirán fibras de vidro moito máis finas ca un cabelo, observarán o comportamento térmico de distintos materiais e coñecerán como as baterías axudan a aproveitar a enerxía renovable.

A programación incluirá ademais experimentos con chamas para comprender os procesos de combustión, propostas sobre biomateriais e enxeñaría biomédica e actividades para descubrir como funcionan as máquinas. A mañá rematará cun espectáculo científico a cargo de David Ballesteros, de Ceo Aberto, empresa especializada en comunicación, educación e divulgación científica.

De 17 a 20 horas, as actividades abriranse a toda a cidadanía, incluídos os máis pequenos da casa. A programación permitirá descubrir dun xeito ameno algunhas das tecnoloxías presentes na investigación desenvolvida en Cintecx, a través de propostas pensadas para públicos de todas as idades.

Ás actividades da mañá sumaranse experiencias como o debuxo con lapis de impresión 3D, unha demostración do videoxogo Alerta Verde, no que os participantes deberán resolver un escape room para salvar o seu centro educativo dunha catástrofe, e unha actividade de realidade virtual para experimentar co triángulo do lume. As persoas que se acheguen tamén poderán participar nun percorrido polas actividades cun pasaporte científico, que recibirán á súa chegada e poderán completar cos selos obtidos ao participar nas distintas propostas. Ao completar o número mínimo de actividades establecido, poderán recoller un premio científico.

“O noso centro está financiado con cartos públicos, debemos explicar o que se fai alí”

David Patiño e Aída Díez asumiron recentemente a dirección e vicedirección do Cintecx, respectivamente, iniciando unha nova etapa no centro.

Pregunta. Que obxectivos vos marcades para esta nova etapa e que vos gustaría que cambiase ou mellorase no voso mandato?

Respuesta. Aída Díez: Gustaríanos aunar a multidisciplinaridade que nos define e poder colaborar máis entre os grupos que fan cousas tan diferentes. E, sobre todo, queremos achegar máis a ciencia á cidade. Esta é a razón pola que facemos a actividade no Tinglado, para poder espertar vocacións científicas.

P. Hai algún proxecto, liña de investigación ou reto concreto que queirades impulsar especialmente?

R. David Patiño: Uno dos obxectivos que nos plantexamos durante a nosa dirección é alcanzar o estatus de centro Cigus, xa que agora somos centro colaborativo da rede Cigus. Na situación actual xa temos unha financiación que nos permite, e ademais é case unha obligación, trasladar o que facemos no centro á sociedade dalgún modo. É esa función pública que temos, que a xente vexa que eses fondos públicos que se empregan a diario para facer investigación chegan a algún sitio e serven para algo. Estas actividades de divulgación son fundamentais.

P. Por que é importante que un centro como o Cintecx poida achegar a ciencia e a tecnoloxía á cidadanía?

R. A.D.: Debémosllo á xente. O noso centro está financiado con cartos públicos, polo que cremos que debemos explicar á cidadanía o que se fai alí. E logo está o feito de que os rapaces e rapazas saiban que hai alternativas laborais que ao mellor non son tan comúns como ser químico ou enxeñeiro. Que saiban que poden facer investigación.

P. Hai reticencias entre os investigadores á hora de saír a facer divulgación?

R. D.P.: En xeral, temos que agradecer a boa vontade que adoitan ter os investigadores do centro a ofrecerse a colaborar nestas actividades porque non é fácil. É algo que vai un pouco por fóra do seu traballo habitual e adoitan presentarse encantados e teñen moita predisposición e vocación de explicar e presentar un pouco esas ideas. Son capaces de baixar o nivel técnico para que o público poida comprendelo.

Contenido patrocinado

stats